Despois da reunión mantida no centro o xoves 18 de xuño sobre a matrícula en 2º de Bacharelato para o curso 2015-2016 e das peticións recibidas de varias familias, achegámoslles a través desta publicación a presentación que se lles amosou na xuntanza. Poderán descargala facendo clic sobre este enlace.
Os alumnos de 3º de ESO participaron este curso, baixo a coordinación da profesora Cristina Corral do Departamento de Lingua Castelá, no programa A memoria das mulleres. É esta unha iniciativa promovida polo Concello de Pontevedra, en concreto pola área de Patrimonio Cultural, coa que se pretende crear un fondo documental, gráfico e audiovisual da historia das mulleres en Pontevedra. Os nosos alumnos recolleron información e fotografías das mulleres de maior idade da súa familia e da súa contorna, material co cal elaboraron unha exposición no centro e que foi remitido posteriormente ás persoas responsables do proxecto no Concello de Pontevedra. Facendo clic neste enlace poderase ver un vídeo sobre o traballo realizado. Ademais, incluímos nesta publicación o blog onde están colgadas todas as entrevistas realizadas (http://mulleresmatriarcas.blogspot.com.es/) e
Dentro da mostra de teatro organizada con motivo do "Ben veñas, maio", dous grupos de teatro do noso instituto van representar cadansúa obra. As actuacións terán lugar o vindeiro xoves 7 de maio. Por unha banda, ás 12.30 horas todos os alumnos de 1º C de ESO, dirixidos pola súa titora Sara Valenzuela, representarán a obra O Entroido, unha adaptación dun texto de Manuel Lourenzo. Por outra banda, ás 18.00 horas o grupo "Os autorizados", formado por alumnos de diferentes cursos, representará a obra Comedia bífida, de Manuel Núñez Singala. "Os autorizados" son: Adrián López, Alexandre Balea, Celia Martínez, Cristina Rodríguez, Daniel Veiga, Esteban Carballude, Joaquín Méndez, Lucía González, Nara Mahou, Noemia Veiga e Julien F. Courcier (director do grupo). As funcións serán no Teatro Principal de Pontevedra e dende o equipo directivo convidamos a todos os membros da nosa comunidade educativa a asistir a estas actividades.
O pasado 15 de abril rematou o prazo de entrega de fotografías para participar no "II Certame de fotografía matemática" do noso instituto, organizado polo Departamento de Matemáticas. Máis abaixo deixamos un vídeo no que se recollen todas as imaxes presentadas ó concurso xunto co seu título.
Tal e como establecían as bases do certame, este ano haberá un premio popular, que será escollido por todos os membros da comunidade educativa (alumnos, profesores, persoal non docente e familias). Para participar na súa elección, será preciso encher un cuestionario online, ó que se poderá acceder facendo clic neste enlace. Cada persoa poderá votar soamente unha vez e o último día para facelo será o vindeiro 1 de maio. Animámosvos a todos a participar na votación.
O IES Gonzalo Torrente Ballester, xunto con outros cincuenta e oito centros públicos e privados de toda Galicia, foi seleccionado para participar nas probas PISA do ano 2015, que se desenvolverán en máis de setenta países de todo o mundo. Estas probas de carácter trianual, que avalían a capacidade do alumnado para aplicar os seus coñecementos a cuestións relacionadas coa vida cotiá, terán lugar entre o 20 de abril e o 30 de maio. A data exacta de realización no centro está aínda por determinar.
PISA avaliará nesta convocatoria de 2015 o alumnado que naceu no ano 1999, o que no noso centro afecta un total de setenta e un alumnos/as; entre estes serán seleccionados finalmente corenta e dous para a realización da proba. Esta selección non será feita polo centro.
Nesta edición de 2015 a competencia avaliada prioritariamente será a de "ciencias", pero tamén se incluirán nas probas cuestións referentes a "matemáticas", "lectura" e "resolución de problemas en grupo". Unha das características máis destacadas neste ano consiste en que o alumnado realizará as probas cun ordenador portátil. Ademais, as familias do alumnado seleccionado para a participación nas probas cubrirán (en papel) un cuestionario de contexto.
As familias e o alumnado directamente afectados recibirán información máis detallada nos vindeiros días nunha reunión que se convocará no centro para estes efectos.
O luns 2 de marzo comezará o prazo de solicitude de prazas para o curso 2015-2016. Este proceso estará regulado pola Orde do 12 de marzo de 2013 (DOG do 15 de marzo de 2013). A través deste artigo poderanse seguir todas as novidades relacionadas co proceso de admisión e tamén se terá acceso a toda a información relativa a esta convocatoria. En todo caso, lémbrase a todos os interesados que o PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES ESTARÁ ABERTO DO 2 Ó 23 DE MARZO, ambos os dous días incluídos.
O noso instituto está a organizar un encontro literario con tres dos escritores máis recoñecidos actualmente no eido da novela negra e policial. Estes son:
Dolores Redondo, autora da Triloxía de Baztán, da que se levan vendidos máis de medio millón de exemplares;
Domingo Villar, creador do carismático policía vigués Leo Caldas, protagonista das súas novelas Ollos de auga e A praia dos afogados;
Pedro Feijoo, autor da intrigante Os fillos do mar e da desasosegante A memoria da choiva.
Ademais, contaremos coa presenza como moderador de Ramón Rozas, periodista e comentarista cultural do Diario de Pontevedra.
O encontro terá lugar no Salón de Actos do instituto o vindeiro mércores dezaoito de febreiro ás sete da tarde; no seu transcurso os convidados debaterán sobre a novela negra e policial, sobre a creación literaria e sobre as preguntas que o auditorio lles dirixa, e farannos partícipes dalgunhas das súas anécdotas, coas que sen dúbida gozaremos... ou sufriremos. O evento estará aberto a toda a cidadanía, xa que así o aconsellaban a relevancia dos tres escritores que nos acompañarán e a ocasión especial que para o noso centro representa organizar un evento destas características.
Dende o equipo directivo e o equipo de bilbioteca do centro convidamos a participar nesta actividade a todas as persoas que poidan estar interesadas nela. Xuntamos a esta pubicación o cartel do encontro.
Onte na Casa das Campás a comunidade educativa do noso instituto puido asistir á presentación pública do libro Corazóns e coitelos, unha recompilacón dos mellores relatos presentados polos alumnos do noso centro ós certames literarios que convocamos nos últimos cursos. Foi para nós todo un orgullo poder celebrar este acto, xa que supuxo un chanzo máis na carreira literaria dunha nova fornada de escritores do IES Gonzalo Torrente Ballester. No acto tivemos a oportunidade de contar coa presenza do escritor Pedro Feijoo e do crítico literario Ramón Rozas, a quen lles agradecemos enormemente que nos acompañasen nunha ocasión tan especial para nós. Aquí vos deixamos unha foto do evento. Ademais, seguindo este enlace poderedes ver un vídeo do acto: http://vimeo.com/111724984.
Para celebrar o Samaín o día 29 de outubro organizamos un concurso de decoración de aulas con motivos relacionados con esta tradición popular. A través do seguinte enlace poderedes ver o vídeo que resume o que foi esta festa no noso centro:http://vimeo.com/110640960
Na semana do 27 ó 30 de outubro conmemoramos no instituto o Día da Biblioteca Escolar (24 de outubro), que este ano estaba dedicado á relación entre a literatura e as matemáticas. Con tal ocasión organizamos as seguintes actividades:
.- unha exposición con libros cuxo título e contido se relacionaban coas matemáticas e unha mostra de fragmentos de obras de escritores famosos de temática numérica;
.- un concurso de busca de libros cuxo título incluíse números do 0 ó 9;
.- un concurso de decoración de cabazas con elementos matemáticos.
Infórmase a todas as familias ás que poida resultar de interese que o vindeiro mércores 29 de outubro ás 20.30 horas terá lugar no Salón de Actos do instituto a reunión da Asemblea Xeral Ordinaria da ANPA El Pino. Dende a súa Xunta Directiva pídennos que lles deamos publicidade á convocatoria e a orde do día, que será a seguinte:
1.- Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
Dende a FANPA de Pontevedra comunícannos que este curso, grazas a un acordo de colaboración coa Fundación La Caixa, poderán repartir un número limitado de lotes de material escolar para repartir entre o alumnado de educación infantil, primaria e secundaria dos centros públicos que pertenzan ás ANPA federadas. Toda a información relacionada con esta convocatoria poderá ser consultada a través do seguinte enlace web:
Facendo clic neste enlace poderase acceder á información relacionada coa convocatoria de axudas para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso académico 2014-2015.
No DOG do venres 20 de xuño saíu publicada a Orde pola se convocan os premios extraordinarios de Bacharelato correspondentes ó curso 2013-2014. A través das seguintes ligazóns pódese consultar toda a información relativa a estes premios: convocatoria e formulario de solicitude.
Recentemente saíu publicado no BOE o Real Decreto do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte polo cal se establecen os niveis de renda e patrimonio familiar e a contía das becas e axudas ó estudo para o curso 2014-2015. A información está dispoñible a través do seguinte enlace.
No DOG do luns 16 de xuño publicouse a orde pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso académico 2014-2015. Facendo clic neste enlace pódese acceder á orde da convocatoria.
Con motivo da convocatoria de probas libres para obter títulos de Ciclos Formativos, o instituto convoca unha xornada de acollemento para os alumnos que teñan pensado optar ás titulacións impartidas no noso centro. A citada xornada terá lugar o venres 6 de xuño ás 12.30 horas no Departamento de Edificación e Obra Civil.
Lucía González Arias, alumna matriculada no noso instituto en 2º curso de ESO, gañou o primeiro premio no concurso de deseño de carteis para a prevención de condutas aditivas. Esta actividade foi convocada pola Concellaría de Benestar Social de Pontevedra. Dende o equipo directivo do centro queremos expresarlles a Lucía e á súa familia os nosos parabéns. Achegamos a esta publicación o debuxo gañador do premio.
Xúntase a través deste enlace a orde pola que se convocan as axudas da Xunta de Galicia para aqueles alumnos de Ciclos Formativos que están a realizar a FCT.
Publicouse na sección de Formación Profesional da páxina da Xunta de Galicia a relación de lugares e sedes onde se desenvolverán as probas de acceso ós ciclos formativos de grao superior. Esta información poderase consultar a través do seguinte enlace web: http://www.edu.xunta.es/fp/node/12155.
Ademais, na páxina principal de Formación Profesional (http://www.edu.xunta.es/fp/) está dispoñible toda a información relativa á admisión nos ciclos medios e superiores, polo que é conveniente que os interesados neles a consultedes con frecuencia.
Por último, deixámosvos nesta ligazón un calendario no que se resumen as datas máis salientables en relación con este proceso.