Encontro literario no IES G. Torrente Ballester
O noso instituto está a organizar un encontro literario con tres dos escritores máis recoñecidos actualmente no eido da novela negra e policial. Estes son:
- Dolores Redondo, autora da Triloxía de Baztán, da que se levan vendidos máis de medio millón de exemplares;
- Domingo Villar, creador do carismático policía vigués Leo Caldas, protagonista das súas novelas Ollos de auga e A praia dos afogados;
- Pedro Feijoo, autor da intrigante Os fillos do mar e da desasosegante A memoria da choiva.
Ademais, contaremos coa presenza como moderador de Ramón Rozas, periodista e comentarista cultural do Diario de Pontevedra.
O encontro terá lugar no Salón de Actos do instituto o vindeiro mércores dezaoito de febreiro ás sete da tarde; no seu transcurso os convidados debaterán sobre a novela negra e policial, sobre a creación literaria e sobre as preguntas que o auditorio lles dirixa, e farannos partícipes dalgunhas das súas anécdotas, coas que sen dúbida gozaremos... ou sufriremos. O evento estará aberto a toda a cidadanía, xa que así o aconsellaban a relevancia dos tres escritores que nos acompañarán e a ocasión especial que para o noso centro representa organizar un evento destas características.
Dende o equipo directivo e o equipo de bilbioteca do centro convidamos a participar nesta actividade a todas as persoas que poidan estar interesadas nela. Xuntamos a esta pubicación o cartel do encontro.