Skip to Content

O Proxecto Roma dá comezo na biblioteca

No día de hoxe demos comezo ao Proxecto Roma cun obradoiro de mosaicos. Con taboleiros de madeira, cola e goma eva, o alumnado participante traballou a reo para comprender a técnica empregada en moitos dos monumentos que visitaremos durante a excursión. O resultado: mosaicos de inspiración romana e moi bo ambiente de traballo. Vémonos a próxima semana (martes, de 15:00 a 16:30) e xoves (de 15:00 a 17:00). 
 
 
Para ver máis imaxes do obradoiro premede aquí.
 

Visita aos campus da USC do alumnado de 1º de Bacharelato

As alumnas e alumnos de 1º de Bacharelato visitaron o martes 12 de febreiro os campus da Universidade de Santiago de Compostela e o Pórtico da Gloria, na Catedral de Santiago.

A visita durou toda a xornada.  

Na sesión de mañán distribuíronse por grupos, dependendo dos seus intereses académicos, e tras unirse a outros futuros estudantes da USC nas residencias do “Burgo das Nacións” e o “Monte da Condesa”, visitaron as distintas facultades:

Percorridos:

 Filoloxía e Ciencias da Comunicación

 Ciencias Económicas e Empresariais

 Ciencias da Educación (Mestres) e Traballo Social

 Medicina e Enfermaría

 Odontoloxía e Enfermaría

 Xeografía e Historia e Filosofía

 Dereito, Relacións Laborais e Ciencias Políticas e Sociais

 Química e Enxeñaría Química

 Bioloxía e Farmacia

 Enxeñaría Informática e Matemáticas

 Física e Matemáticas

 Física e Química

 Óptica e Optometría

 Psicoloxía e Ciencias da Educación

Tras o  xantar no comedor universitario do “Monte da Condesa”, ás 16:00, na sesión de tarde, visitaron o “Pórtico da Gloria”, obra cume do Maestro Mateo, recuperada tras máis de 50.000 horas de traballo dos equipos de restauración, e acompañados por unha guía, descubriron os segredos dos policromados da obra.

Coñecendo os minerais e as rochas

Minerais

Este martes 12 de febreiro, así como o alumnado de 2º ESO B participaba nun Obradoiro de Electromagnetismo, os alumnos e alumnas de 1º ESO asistimos a unha exposición de minerais na Sala de Usos Múltiples do instituto. A actividade foi organizada polo Departamento de Bioloxía e o Concello de Soutomaior dentro do programa da I Semana da Ciencia.

O primeiro que fixemos foi dividirnos en dous grupos: un con Suso e o outro con Adrián. A exposición estaba moi ben preparada, con moitos minerais e rochas para ver. Ambos grupos puidemos observar diversos minerais e rochas e mesmo comprobar algunha das súas propiedades como que a pedra pómez ou pumita é moi lixeira e frota na auga, aínda que ten a mesma densidade ca ela. Tamén observamos como brillaba unha pedra radioactiva de maneira fluorescente ao pasarlle un láser por riba. Outra cousa ben estraña é que había unha perla na cuncha dunha vieira e o experto explicounos como saía a perla, pero dixo que era unha ostra.

Ao final quedamos con gañas de tocar as rochas e algúns alumnos e alumnas desexábamos probar a halita, a rocha de onde se extrae o sal común, a ver se sabía salgada.

Sabela Magariños Pereira (1º ESO A)

Para ver as fotografías do Obradoiro premede aquí.

Os experimentos científicos soreprenden os escolares. Noticia no Faro de Vigo (13-02-2019)

A escritora Carmen Quinteiro visitou o noso club de poesía

quinteiro

O pasado martes día 5 de febreiro, Carmen Quinteiro, autora de Caleidoscopio, fíxonos unha visita moi agradable para compartir con nós a posta en común da obra. Na lectura deste libro marabilloso podemos atopar unha combinación perfecta entre microrrelatos e poesía e fainos reflexionar en cada unha das súas páxinas.

Carmen foi en todo momento moi cercana a nós e no encontro falamos sobre o significado dalgúns dos seus textos, sobre todo daqueles que nos custara máis entender ou que provocaran máis dúbidas e interpretacións.

Cando ela lía os poemas e microrrelatos era como se chegasen doutra forma a nós, como se nos transportara a outros textos. O que máis me impactou foi “La amenaza”, a súa lectura é complexa, pero fixome pensar.

La amenaza

Con el pijama puesto y a la luz de la linterna, Javi pasa revista: de frente, sobre la alfombra de la puerta de la entrada, ha colocado el coche negro de policía; ante la puerta del baño, ha dejado el barco pirata; entre la puerta de la cocina y la del salón ha sentado al tigre de peluche y haciendo guardia en la puerta de la habitación de su madre, ha alineado el avión de combate, el jefe indio con toda la tribu, el tiranosaurio rex y el muñeco de la capa azul con superpoderes. 

Por si vuelve.

Paula Canosa (4º ESO A)

 Imaxes do Encontro con Carmen Quinteiro.

Excursión de 3º ESO a Manzaneda

neve

Entre os días 6 e 8 de febreiro, o alumnado de 3º de ESO participou na excursión a Manzaneda, organizada polo Departamento de Educación Física co obxectivo de achegarse aos deportes de inverno e realizar unha convivencia que redundase na cohesión do grupo.

Así, un total de 39 rapaces e rapazas gozaron da neve, moitos deles por vez primeira, polo que non puideron resistir a tentación de iniciar a súa estadía na estación con batallas improvisadas de bolas de neve e xogando cos trineos de pala. Xa cos monitores especialistas, puideron escoller entre o esquí e o snowboard, conseguindo con éxito o certificado de nivel D ao finalizar o curso. Podedes ver todas as imaxes na nosa galería.

I Semana da Ciencia de Soutomaior

ciencia

Esta semana temos a oportunidade de participar na I Semana da Ciencia de Soutomaior, que se desenvolve entre os días 8 e 16 de febreiro, e que, ademais de ofrecer actividades no noso IES e mais no CEIP, inclúe diversas charlas e obradoiros no Multiúsos de Arcade para toda a veciñanza e público de todas as idades. En concreto, o noso centro acollerá mañá un obradoiro de mineroloxía para o alumnado de 1º ESO e outro taller de  electromagnetismo para os rapaces e rapazas de 2º ESO.

A Semana da Ciencia é unha iniciativa que nace da colaboración entre as concellerías de Mocidade, Educación e Igualdade coa finalidade de fomentar a cultura científica entre a cidadanía, con especial atención nesta I edición para o papel da muller na ciencia aproveitando a celebración do Día Internacional da Nena e a Muller na Ciencia, que se celebra hoxe, luns 11 de febreiro. De entre todas as actividades programadas, destacamos a mesa redonda Vocacións Científicas (Multiúsos, sábado 16 ás 20:00), o Museo Científico Itinerante e as xincanas científico-tecnolóxicas A conquista da lúa e Intelixencia artificial e robótica e o espectáculo Da palanca ao láser, que se terán lugar o sábado 16 no Multiúsos. Por último, cómpre mencionar a existencia dun Punto de Lectura na Biblioteca Luís Seoane ata o xoves 14, que inclúe lecturas seleccionadas dende a perspectiva de xénero na procura de visibilizar o traballo da muller no ámbito da ciencia.

Máis información e inscrición en liña na páxina do Concello.

Alimentámonos ben

ainhoa
Fotografía de Ainoa Martínez
 
Nesta semana dámoslle continuidade no instituto ao reparto de froita para todo o alumnado durante o recreo. O programa "Froita na escola" é promovido pola Consellería de Medio Rural e do Mar e ten como finalidade mellorar os hábitos alimenticios dos máis novos, neste caso, a través do fomento do consumo de froita fresca (amorodos, peras, mazás, mandarinas, bananas...).
 
Esta é a primeira quenda de raparto que se completará durante outras dúas semanas no 3º trimestre. Agradecemoslle expresamente ao alumnado de 4º ESO a súa axuda nas tarefas de reparto.
 

Falemos de ti e min: a cultura galega desde unha perspectiva integradora

falemos

Durante este curso académico 2018-2019, estamos a desenvolver o proxecto integrado de centro Falemos de ti e min: A cultura galega desde unha perspectiva integradora.

O EDLG conseguiu aunar esforzos e colaborar coa Biblioteca Escolar, os Departamentos Didácticos, a Comisión de Igualdade e o Equipo Directivo para dar forma a este proxecto que xira ao redor de catro eixos de contidos nucleares:
    • Lingua galega.
    • Manifestacións culturais galegas (música, lendas, literatura, etc.).
    • Perspectiva de xénero (visibilidade da muller como creadora e transmisora).
    • Diversidade (sexual, funcional e cultural).

O tratamento que se adoptou é transversal para todos os cursos e para moitas materias. Traballaranse múltiples produtos finais e en formatos diversos que se van ver materializados durante o curso, pero que especialmente teñen a mirada posta sobre o mes de maio, mes das letras galegas.

O proxecto acaba de ser dotado economicamente a través dos Contratos-Programa convocados pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia, no apartado dedicado a Igualdade, e vén de ser recoñecido expresamente mediante carta pola Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, que destaca a súa aposta polo traballo na sensibilización contra a violencia de xénero e a prol da igualdade de dereitos para a muller.

Podedes seguir o desenvolvemento do proxecto a través da súa páxina web.

Intenso programa de actividades no IES

clube

Reunión do Clube de Lectura de BD "Marcando a diferenza"

O noso IES acolleu na recta final do 1º trimestre e nestas primeiras semanas de xaneiro un intenso programa de actividades organizadas por diferentes departamentos (Bioloxía, Inglés e Tecnoloxía) para complementar os contidos que se traballan nas aulas. Así mesmo, realizáronse diferentes obradoiros e saídas nas que colaboraron o Departamento de Orientación, as titorías e a Concellaría de Xuventude e a OMIX de Soutomaior, que unha vez máis ofertaron os seus proxectos educativos ao noso centro facilitando os recursos precisos e supervisando en todo momento o seu desenvolvemento. Hoxe mesmo deu comezo unha iniciativa ambiciosa, x(É)nero versos contra a violencia de xénero, do que daremos conta máis adiante conforme se vaian realizando as distintas sesións.

Para saber máis destas actividades, convidámosvos a ler os artigos publicados polo alumnado implicado:

Ademais, un bo número de alumnos e alumnas da ESO e Bacharelato foron premiados no XVII Concurso de postais de Nadal de Soutomaior, que foi dinamizado no IES polas profesoras Ana Aguiar e Victoria González (Educación Plástica e Visual). Aquí podedes ver os traballos galardoados e as fotos do acto de entrega de premios.

Por último, tras as merecidas vacacións, os Clubs de Lectura retomaron as reunións semanais. Aos clubs de banda deseñada que coordina a profesora Cristina Méndez sumouse o de narrativa breve que guía o profesor Fernando Blanco. Podedes seguir o seu día a día no seu blogue.

Proxecto Roma

ColiseumO pasado luns 21 de xaneiro levamos a cabo a reunión informativa co alumnado para participar no Proxecto Roma, proposta que pretende dar continuidade á metodoloxía de traballo por proxectos que iniciamos no curso pasado co gallo da excursión de 4º ESO. Deste modo, o obxectivo é dotar de contido didáctico á saída de fin de etapa traballando dentro e fóra das aulas sobre os monumentos, a historia, a arte, a literatura e o cine como forma de achegamento á realidade. De momento, a acollida foi moi positiva, con 28 alumnos e alumnas interesados en participar nas actividades que se realizarán en horario de tarde e fóra da xornada lectiva.

Así, o proxecto articularase do seguinte xeito:

- Todo o alumnado realizará un traballo de análise de obras artísticas de diferentes periodos que se atopan en Roma ou Florencia (destinos da viaxe), dentro das clases de Xeografía e Historia (co acompañamento das profesoras María Sánchez Crestelo e Beatriz González Santos).

- O alumnado que cursa a materia de Latín realizará un glosario de termos relacionados coa Roma Antiga, coa colaboración da profesora Marta Emilia Mosquera Vázquez.

Fóra das aulas, realizarase un Club de lectura e cinema coordinado polo profesor Román Cerqueiro Landín, do Departamento de Lingua e Literatura Galega. As datas e horario do club son as seguintes:

- Martes 19/02/2019 en horario de 15:00 a 16:30.

- Martes 26/02/2019 en horario de 15:00 a 16:30.

Tamén fóra do horario lectivo, os profesores Cristina Méndez Ramos (Dpto. Lingua Castelá e Literatura) e Eloi Gestido de la Torre (EDLG, Dpto. Lingua e Literatura Galega) levarán a cabo diversos obradoiros que se celebrarán nas seguintes datas:

- Mércores 13/02/2019 en horario de 15:00 a 17:00.

- Xoves 21/02/2019 en horario de 15:00 a 17:00.

- Xoves 28/02/2019 en horario de 15:00 a 17:00.

- Xoves 7/03/2019 en horario de 15:00 a 17:00.

Lembrámoslle a todo o alumnado participante que deberá entregar asinada, antes do 31 de xaneiro de 2019, a autorización de asistencia ás xornadas fóra do horario lectivo.

Comezamos!

Distribuir contido


by Dr. Radut