Skip to Content

Coas raíces abrazamos a Terra e as follas voarán libres

Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino.

Estas palabras da poeta guiaron os dous actos que tiveron lugar hoxe no noso instituto para celebrar o Día de Rosalía. Por unha banda, durante o recreo, Diego, Brais, Rosalía e Elba recitaron o poema "Caldo de gloria" ante os seus compañeiros e compañeiras de 2º ESO para, a continuación, probar un caldiño preparado e repartido polo Equipo de Normalización Lingüística e a Cafetería do centro e o Restaurante A Serra Asador. Aínda houbo tempo para escoitar versións musicais de poemas de Rosalía e mesmo para recuncar no caldo, que certamente soubo a gloria. Agradecemos tamén a colaboración do Departamentos de Plástica, Educación Física e Lingua Galega no desenvolvemento da actividade.

Ademais de acollérmonos a esta iniciativa da Casa-Fundación Rosalía, o Equipo de Normalización tamén respondeu ao chamado da AELG para "sementar pensamentos". Da man de Montse, a profesora de Bioloxía, e da directiva da Comunidade de Montes da Devesa, alumnos e alumnas de todos os cursos plantaron os primeiros 18 castiñeiros do Souto de Rosalía no cercano Monte de Ouro, que queda por riba do centro. Alí, o secretario dos comuneiros, Alejandro, explicounos como plantar as árbores, de que tipo de castiñeiro eran, que coidados requiren, a castaña que botan... e informounos das repoboacións que están a facer na nosa contorna, un gran labor que redunda na riqueza e no ben de común de toda a veciñanza.

Finalmente, representantes de cada aula penduraron cadanseu "pensamento" nos castiñeiros plantados. Desexos, reflexións, berros... que en forma de verso elaboraron nas clases de lingua galega baixo a inspiración de Rosalía, cuxos "versos se transforman nunha historia que rebela, provoca, emociona e que nos acolle para facermos parte dunha nosa Historia propia e libre".

Máis imaxes nos álbums Caldo de Gloria e O Souto de Rosalía.



blog | by Dr. Radut