Skip to Content

Do espazo exterior ao IES de Soutomaior coa exposición AstrónomAs

Máis imaxes da exposición e a charla nesta galería fotográfica

“Esta historia comezou hai miles de anos, cando as nosas antepasadas miraron o ceo e observaron o sol, a lúa e as estrelas...”.

Con estas liñas comeza a exposición Astrónomas, unha serie de 16 paneis que destacan o papel da muller na Astronomía, e que temos á nosa disposición no centro desde o pasado 9 de decembro, e ata o próximo 15 de xaneiro, dentro das actividades organizadas polo Departamento de Matemáticas.

A exposición AstrónomAs, patrocinada pola FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía ) e a SEA (Sociedade Española de Astronomía), está dispoñible en formato físico e dixital, e atópase traducida a varias linguas (castelán, catalán e galego). Pódese visitar na ligazón AstrónomAs, onde ademais de atopar os descargables que temos no centro encontramos actividades e información adicional.

Con motivo desta exposición, tivemos a sorte de contar, o pasado venres 17 de decembro, con Josefina F. Ling Ling, profesora na Facultade de Matemáticas da USC, investigadora no Observatorio Astronómico Ramón María Aller Ulloa (Santiago de Compostela) e unha gran divulgadora científica.

Durante a súa visita, Josefina Ling convidounos a reflexionar sobre o papel da muller na Astronomía e na ciencia, tomando como marco de referencia a exposición AstrónomAs. Por outra banda, puidemos coñecer da súa man a figura de Antonia Ferrín Moreiras, que foi a primeira astrónoma galega, a primeira muller española en defender unha tese sobre a Astronomía e tamén a primeira persoa en defender unha tese na Facultade de Matemáticas da USC.

Dende o noso centro, felicitamos a astronomas.org por esta extraordinaria exposición e agradecer a Josefina Ling o seu labor a prol da divulgación científica e do recoñecemento da muller na ciencia.



blog | by Dr. Radut