Skip to Content

Entre os ríos Verdugo e Oitavén

O mal tempo obrigou a adiar as saídas de 1º ESO A e C e do alumnado de Bioloxía de 4º da ESO e 1º de Bacharelato, mais os rapaces e rapazas de 1º ESO B e D si que puideron gozar do roteiro polos ríos Verdugo e Oitavén que tivo lugar o pasado martes 4 de maio.

Esta andaina enmárcase no programa "Efecto dominó. Entre ríos", unha iniciativa das Concellarías de Educación e Medio Ambiente acollida polo Departamento de Bioloxía e Xeoloxía do noso centro e que xa no mes de marzo contemplou unha primeira fase formativa con charlas que tiñan como finalidade activar coñecementos xerais do alumnado.

Neste roteiro, o alumnado de 1º ESO coñeceu os valores ambientais dos espazos naturais que constitúen as ribeiras do Verdugo e do Oitavén, os ríos que atravesan e dan vida ao noso concello, da man das monitoras Carla e Nerea.

Máis imaxes da xornada neste álbum de fotos

O roteiro partiu da Ponte da Comboa e da Presa do inferno e rematou na praia fluvial da ponte colgante, na que o alumnado gozou do merecido xantar e da convivencia a carón das augas do Verdugo. Durante o roteiro fixeron diferentes actividades, como unha de orientación por parellas, na que aprenderon a ubicar as pontes, a confluencia dos ríos, etc. no mapa. Tamén fixeron unha actividade de identificación de fauna e flora, especies invasoras incluídas, tarefa que realmente os ocupou durante toda a andaina estimulados polos retos e xogos propostas polas monitoras.

Ao participaren no proxecto, os rapaces e as rapazas recuperan boas prácticas ambientais, poñen en valor os recursos medio ambientais e convértense en axentes sensibilizadores para achegar estes valores ao maior número de persoas. 



blog | by Dr. Radut