Skip to Content

Participación no III Torneo de Debate Académico de Galicia

Dous equipos formados por Marta Alonso, Laura Lorenzo Comesaña, Miguel Velasco e Álvaro Domínguez (IES Soutomaior 1) e Laura Amoedo, Paula Estévez, Blanca Quiñones, Ángel Otero e Laura Lorenzo Meira (IES Soutomaior 2), respectivamente, participaron no III Torneo de Debate Académico de Galicia que se está disputando dende o 25 de xaneiro de forma non presencial coa participación de 44 equipos escolares de toda Galiza.

O torneo organizado pola Fundación Barrié ten como finalidade ofrecer aos máis novos e ás máis novas unha ferramenta excepcional para o seu desenvolvemento académico e persoal, a oratoria, e nesta edición formulou a pregunta: “Deben os países membros da Unión Europea limitar as liberdades fundamentais para salvagardaren o benestar colectivo?”.

O alumnado dedicou semanas á investigación e á preparación das posturas A Favor e En Contra desta pregunta, traballo que acadou unha intensidade importante no último mes e que foi premiado cuns resultados máis ca meritorios, tanto en puntuación como en vitorias. Pero, máis alá disto, é preciso felicitalos pola súa implicación e estamos seguros de que os moitos nervios e as moitas horas dedicadas foron compensadas coa convivencia, o progreso na súa aprendizaxe e a experiencia acumulada nos debates cos outros equipos, así como co aproveitamentos das observacións das xuízas que valoraron o seu desenvolvemento ao longo de tres xornadas.

Agora, comeza a preparación da próxima cita, o Parlamento Xove 2021, que propón o seguinte tema de debate: "Debería un estado establecer como obrigatoria a vacinación entre a súa poboación?"



blog | by Dr. Radut