Skip to Content

Fin dos proxectos do curso 2019-2020

Durante este curso académico 2019-2020 o IES de Soutomaior estaba a ser un fervedoiro de proxectos, ideas e traballo en equipo. A pandemia e a situación de confinamento que nos tocou vivir levaron consigo as nosas ganas de aprender, de traballar xuntos e tamén moitas ilusións.

O Proxecto da viaxe de fin de etapa de 4º da ESO (Contratos - programa) estaba a piques de chegar ao seu punto final, coa elaboración da guía de viaxe e a excursión a París, que non puido ser. Todo o que fixemos polo camiño pagou a pena: investigamos, lemos, tivemos sesión de cine, traballamos coas infografías e tivemos unha tarde fantástica dedicada á arte contemporánea que ningún de nós esquecerá, mais, sobre todo, compartimos risos e momentos que gardaremos na memoria como unha experiencia marabillosa que non puidemos culminar. Outra vez será!

O Proxecto Vívete, sobre igualdade de xénero e visibilización do colectivo LGTB+ (Contratos-programa), comezou a súa andaina alá por outubro, cando se configurou o Comando Igualdade. O alumnado participante levou a cabo intervencións co gallo do 25N e o 8M, que serviron para facernos críticos, creativos e sensibles ás problemáticas sociais que nos rodean. Para a memoria do noso centro quedan tamén as imaxes, vídeos, investigacións, performances e intervencións dun alumnado comprometido co futuro. No tinteiro fican actividades que trataremos de recuperar, como a Semana da diversidade afectivo-sexual, o ciclo de cinema LGTB+ e o obradoiro de fanzine, no que tanta ilusión puxeramos.

O Proxecto de educación patrimonial, titulado Miña casiña, meu lar (Plan Proxecta), acababa de dar comezo. Moitos plans e un traballo ambicioso por diante que se viron truncados. Aínda así, tempo tivemos de gozar dos recursos patrimoniais da nosa contorna, e de ler sobre unha das mulleres máis emblemáticas do feminismo e da nosa vila: María Vinyals. Tamén, no marco deste proxecto, o alumnado de 1º ESO traballou arreo para concienciarnos sobre a necesidade de coidar a nosa contorna inmediata, coa limpeza e a reciclaxe.

A celebración da Semana polo Clima, en setembro, espertou en nós a iniciativa de nos converter nunha Escola Verde (Plan Proxecta). Foron moitos os profesores que se implicaron en incluír a educación ambiental nas súas ensinanzas; desfrutamos de actividades como roteiros ambientais, visita ao Centro de Investigación Agroforestal de Lourizán, plantación e sementeira de árbores, charlas sobre residuos, xestión do monte… Participamos activamente na xestión sostible dos nosos residuos e iniciamos outras accións como unha ecoauditoría do centro, a plantación dun xardín silvestre, e outras que sen dúbida haberá que continuar.

E, finalmente, os Clubs de lectura, que reuniron preto de corenta alumnos e alumnas e que foron toda unha experiencia. Petiscos de arte acolleu alumnado de 1º e 2º de ESO que traballou con lecturas sobre artistas da arte contemporánea, facendo verdadeiras homenaxes coas súas creacións. O Club de lectura pola igualdade ofreceunos un excepcional espazo para o debate e a lectura de obras que nos encantaron, tanto aos participantes como aos profesores implicados. O Club Historias da historia abriunos os ollos a outras épocas e a outras realidades, e converteuse nun lugar de encontro entre profesorado e alumnado.

Nunca choveu que non escampara, e o alumnado e o profesorado do IES Soutomaior voltará o curso próximo con máis ganas de facer do noso centro un lugar mellor, comprometido coa realidade e coa nosa contorna.

Grazas a todos e todas, profesorado, equipo directivo, alumnado e o persoal non docente, pola vosa colaboración e ganas de facer!



blog | by Dr. Radut