Skip to Content

Participación no II Torneo de Debate Académico de Galicia (05-02-2020)

 Máis imaxes aquí.

Un grupo de alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato participaron onte na II edición do Torneo de Debate Académico de Galicia, que tivo lugar na Fundación Barrié da Coruña coa presenza de 60 equipos chegados de máis de 30 centros de toda Galicia.

Os equipos formados por Paula, Laura, Anxo, Sabela e Marco e Sofía, Aarón, Daniel, Martina e Gabriel tiveron a oportunidade de debater con outros estudantes sobre unha cuestión complexa mais de grande interese para unha xeración que terá que tomar decisións importantes ante os futuros desafíos que lles tocará vivir: Democracia vs. tecnocracia, que sistema de goberno é máis apropiado para afrontar os retos do século XXI nos países membros da Unión Europea?

Foi unha tarde intensa, esgotadora e de moitos nervios, mais tamén de risos, convivencia e moita aprendizaxe na que debate tras debate foron progresando e atopándose máis seguros e seguras grazas aos encontros cos outros equipos e ás observacións das xuízas e o xuíz que valoraron o seu desenvolvemento. 

Tan só resta estender o noso agradecemento á organización, especialmente a Diego e Alba, así como ao persoal da Fundación, por brindarnos a oportunidade de vivir esta experiencia tan enriquecedora.

E grazas tamén a Rosa, Ania, Nerea, Yaisa e Iria, que arrouparon os seus compañeiros e compañeiras nesta cita.



blog | by Dr. Radut