Skip to Content

Visitamos o Castelo de Soutomaior para achegármonos á figura de María Vinyals

Máis imaxes clicando aquí

Esta mañá o alumnado de 1º de Bacharelato deu continuidade aos seus traballos sobre a figura de María Vinyals cunha visita ao Castelo de Soutomaior no marco do Proxecto Interdisciplinar de Centro Miña casiña, meu lar, que procura darlle a coñecer ao alumnado o patrimonio do municipio, establecendo vínculos cos bens patrimoniais e promovendo procesos para a súa protección. 

Tras se achegaren nas aulas á vida desta precursora do feminismo coa lectura de María Vinyals, un talento rebelde, de Isabel Castro, e de comezar a traballar no xogo teatralizado que desenvolverán en maio, hoxe tocaba coñecer o castelo. Así, repartidos en dous grupos, os alumnos e as alumnas coñeceron, conducidos por Anxo, que realizou para nós unha completa e moi didáctica visita guiada, as épocas máis importantes da fortificación, os elementos arquitéctonicos representativos de cada momento, os usos do castelo e as figuras sobranceiras que o habitaron e lle dan relevancia histórica, como Pedro Madruga e María Vinyals, á que se lle dedica unha sala e que é obxecto nestes momentos dunha exposición sobre a súa traxectoria que reflicte o seu carácter pioneiro no campo da igualdade e da xustiza social.

Aproveitamos a ocasión para agradecer a atención prestada polo persoal do Castelo de Soutomaior así como as facilidades que nos están a dar para xestionar o desenvolvemento do noso proxecto neste espazo.

Ademais de aprender algo máis do noso contorno e destas figuras históricas grazas á visita guiada e á interesante e atractiva musealización do castelo, o alumnado tamén visitou os seus magníficos xardíns, onde coñeceron os espazos e visualizaron os espazos en que vai ter lugar o xogo teatralizado que representarán para os seus compañeiros e compañeiras do instituto.



blog | by Dr. Radut