Skip to Content

Proxecto Miña casiña, meu lar

Durante este curso académico 2019-2020, o IES de Soutomaior desenvolverá o proxecto sobre valoración do patrimonio natural, artístico, cultural e inmaterial da contorna que leva por título Miña casiña, meu lar. O proxecto vén de ser incluído no programa Plan Proxecta da Consellería de Educación e conta coa colaboración do Concello a través da área de Xuventude e a OMIX e doutras asociacións, colectivos e persoas a título individual que se irán sumando ao longo dos vindeiros meses.
 
A idea do proxecto é dar a coñecer ao alumnado o patrimonio de Soutomaior, establecendo vínculos cos bens patrimoniais e promovendo procesos para a súa protección. Se ben os eixos do proxecto Miña casiña, meu lar son o Camiño de Santiago portugués ao seu paso polo concello e o Castelo de Soutomaior como símbolo da vila, o alumnado traballará tamén outros puntos de interese turístico e, sobre todo, a valoración, coidado e respecto polo entorno.
 
Así, os obxectivos xerais do proxecto son:
  • Levar a cabo un proxecto a nivel de centro cun enfoque colaborativo e práctico.
  • Favorecer actitudes de respecto e valoración do patrimonio natural, cultural, artístico e inmaterial a través do seu coñecemento.
  • Concienciar ao alumnado do valor do patrimonio lingüístico, histórico, artístico e cultural do Camiño de Santiago.
  • Difundir o valor do patrimonio cultural existente na contorna do centro.
  • Potenciar o traballo en equipo e fomentar o uso da lingua galega.
Estará implicado no proxecto todo o alumnado e profesorado do centro e se traballará por niveis a partir de eixos temáticos concretos:
  • 1º ESO: Contorna inmediata. O espazo do centro e o seu coidado.
  • 2º ESO: Patrimonio natural do Concello de Soutomaior.
  • 3º ESO: Patrimonio inmaterial do Concello de Soutomaior.
  • 4º ESO: O Camiño de Santiago.
  • 1º Bacharelato: O Castelo de Soutomaior e María Vinyals, pioneira do feminismo.

Miña casiña, meu lar xa deu comezo en 1º da ESO e 1º de Bacharelato e podedes seguir todas as novidades a través do blog do proxecto.

Arrincamos!


blog | by Dr. Radut