Skip to Content

Revitalizámonos un curso máis

Galería de imaxes

Esta pasado martes 23 de marzo pechouse un novo ciclo de obradoiros e charlas de formación con Antón e Nuria, de Teixugo Scoop, que deron a coñecer as aplicacións do compost entre o alumnado de Ciencias da Terra de 2º BACH e o alumnado de Ciencias Aplicadas ás Actividades Profesionais de 4º ESO. 

Esta actividade desenvólvese no marco do Programa Revitaliza que ofrece a Deputación de Pontevedra aos centros escolares para concienciar a comunidade educativa da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación dos residuos orgánicos domésticos, procurar o compromiso persoal ante a súa redución e co uso dos composteiros comunitarios e individuais e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

Estes obxectivos acompáñanse, ademais, das actuacións do alumnado nos terreos do centro e na súa contorna, pois da man do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía contamos cun composteiro comunitario, de horta, de xardín e de diversas plantacións de árbores dentro e fóra do recinto.

Revitaliza tamén chegou neste 2º trimestre ao alumnado de 1º de Bach. (22 de febreiro) e 1º ESO (17 de marzo) cos obradoiros "Quen vive aí (identificación de invertebrados)" e de 4º ESO (18 de marzo) coa actividade "Intrusos no composteiro (microplásticos)" no que é xa un dos programas formativos máis veteranos do noso instituto. 



blog | by Dr. Radut