Skip to Content

Benvidos ao IES Sánchez Cantón

IES Sánchez Cantón

        ies.sanchez.canton@edu.xunta.gal 

Intelixencia artística

O vestíbulo do instituto leva desde o 7 de xuño ocupado por unha exposición sobre Intelixencia Artística organizada polo Departamento de Plástica.

A exposición recolle traballos realizados polo alumnado de ESO e Bacharelato e ten por obxectivo reivindicar o valor da  creatividade e as Belas Artes fronte a Intelixencia Artificial, cada vez máis presente nas nosas vidas. Como di Tatiana Otero profesora de EPVA, organizadora do evento xunto aos seus compañeiros Ernesto González Torterolo e  Teresa Rodríguez, "a intelixencia artificial non afecta tanto á creatividade senón ao proceso técnico". 

En La Voz de Galicia podemos ler unha entrevista realizada a Tatiana Otero sobre esta exposición que permanecerá aberta para quen queira visitala ata o 30 de xuño.

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/pontevedra/2024/06/24/ia-inteligencia-artistica-exposicion-pontevedra-reivindica-creatividad/00031719220679677351985.htm

Álbum: Actividades -> Intelixencia artística

Un proxecto do IES Sánchez Cantón seleccionado para a fase final de Ciencia en Acción

O proxecto do IES Sánchez Cantón, consistente na xeración dun sextante para o seu uso escolar, ten sido seleccionado para participar na fase final do concurso Ciencia en Acción.

O proxecto, que comezou o curso 2018-2019, tiña como obxectivo fundamental atopar un sistema que permitise xerar un instrumento de medida de ángulos para ser usado nas aulas. O instrumento escollido foi un sextante. Durante o proxecto, non só se xeraron os arquivos de impresión 3D das pezas dun sextante e construíronse sextantes reproducindo as pezas con resina de poliuretano, senón que tamén se construiron outros instrumentos históricos relacionados coa navegación e realizáronse prácticas do seu uso.

O concurso Ciencia en Acción representa a Fase Nacional Española e Iberoamericana do Concurso Internacional Science on Stage. Ciencia en Acción celebra este ano no mes de outubro, en Avilés, a súa edición número 25, o que o convirte nun dos concursos máis antigos centrados na Ciencia, a súa difusión e aprendizaxe. Como se afirma na súa páxina web, “Ciencia en Acción es un concurso internacional dirigido a estudiantes, profesores, investigadores y divulgadores de la comunidad científica del área geográfica iberoamericana, en cualquiera de sus disciplinas. Su principal objetivo es presentar la ciencia de una manera atractiva y motivadora”.

Graduación 2024

Onte vivimos o mesmo momento emocionante de cada ano. Por fin, o alumnado de 2º bacharelato rematou o curso e puido celebrar a súa Graduación.

Pero a xeración de 2024 vai marcar un hito na historia das graduacións do Sánchez Cantón, pois celebrou a súa despois de realizar as ABAU. Este curso, por cuestións varias, non puidemos levar a cabo o evento en maio como era o costume, e reservamos esta data posterior as probas de acceso á universidade para que o alumnado estivera máis relaxado e puidera desfrutar do seu día. E, aínda que nun principio, foi unha idea que non gustou, ao final temos que recoñecer que foi un acerto. 

Por outra banda, os rapaces e rapazas desta xeración cambiaron un antigo costume nada correcto, as clásicas "collejas", por outro máis bonito e emotivo: un corredor polo que ían pasando os pequenos, aos que aplaudían. Cambiar as cousas que están asentadas non é nada doado e eles o conseguiron con nota.

Non podemos por menos que sentirnos orgullosos da súa boa educación e do cariñosos que se amosaron en todo momento. Noraboa! Sodes unha xeración cun futuro brillante.

Pica na foto para ver o álbum

Álbum: Actividades -> Graduación 2024

Memoria Clubs de Lectura 2023/2024

Un curso máis, a nave dos nosos Clubs de Lectura (17 este ano), abriu camiño deixando unha fermosa estela ao seu paso.  E aquí estamos nós para deixar constancia con este vídeo que amosa o desfrute da lectura compartida.

Moitas grazas a todo o alumnado e profesorado implicado, con Anxos Rial e David Rodríguez Puy como capitanes deste barco, polo importante e fermoso traballo desenvolvido. Que sexa por moitos anos!

Calendario e documentación (Curso 2024/25)

 

CALENDARIO DE MATRÍCULA

 

Curso 2024/2025

 

 

1º ESO

26 XUÑO - 8 XULLO

2º BACH

26-27 XUÑO

1º BACH

28 XUÑO - 1 XULLO

4º ESO

2-3 XULLO

3º ESO

4 XULLO

2º ESO

5 XULLO

 

 

DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR POR TODO O ALUMNADO 

  • Cubrir todos os datos da portada do sobre de matrícula.
  • Unha vez debidamente cuberta a portada, facer fotocopia e introducila no sobre.
  • Dúas fotografías recentes tamaño carné co nome ao dorso, (tres os novos alumnos).
  • Xustificación de aboamento do Seguro Escolar para os alumnos de  3º e 4º ESO, 1º e 2º Bacharelato.

  

Antes de formalizar a matrícula, o/a alumno/a deberá ingresar a cantidade de 1,12 € correspondentes ó Seguro Escolar, nas oficinas de ABANCA, c/c nº  ES18-2080-5401-51-3040121097 a nome do IES Sánchez Cantón.

O ALUMNADO DE 1º E 2º DA ESO NON PAGA SEGURO ESCOLAR

  

ALUMNADO QUE SE MATRICULA POR PRIMERA VEZ NO CENTRO:

  • Fotocopia do DNI e fotocopia do libro de familia completo.
  • Fotocopia da tarxeta da Seguridade social.
  • Orixinal e fotocopia das cualificacións do último curso.

  

O alumnado procedente do estranxeiro ou doutra Comunidade pode solicitar EXENCIÓN DE GALEGO. Deberán encher a solicitude e acompañar fotocopias compulsadas dos estudios realizados nos últimos catro anos.

Libros de Texto 2024/25

 Actualizado o 24/06/2024

Descargar listaxe de libros

Postgrowth

O mércores 19 e o xoves 20 de xuño, alumnado de 4º ESO e de 1º bacharelato asistiu o Congreso Internacional de Desenvolvemento Sostible Postgrowth na Facultade de Enxeñaría Forestal de Pontevedra. 

Postgrowth é un proxecto de ciencia cidadá. O obxectivo principal do proxecto é investigar como levar a cabo unha transición ecolóxica xusta nas cidades. Para iso, estudantes de instituto da cidade de Pontevedra convértense en científicas e científicos sociais durante o curso escolar 23/24. Coordinado pola Universidade de Vigo, con colaboración do Concello de Pontevedra e cofinanciado pola Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), o proxecto pretende levar as Ciencias Sociais á cidadanía e explorar así unha nova forma de facer ciencia que ten como principios fundamentais o recoñecemento e a participación da sociedade.

O noso alumnado desenvolveu durante todo o curso unha investigación sobre o tratamento das augas na cidade de Pontevedra: estudaron a historia das fontes da cidade, realizaron análises biolóxicos e químicos das súas augas en laboratorio, despois levaron a cabo unha ampla batería de entrevistas (Exconselleiro de Pesca, turistas, militares...) e o seu baleirado posterior. Con toda esa información, crearon un mapa das fontes de  Pontevedra e uns códigos QR coa información que recopilaron sobre elas. Finalmente, presentaron as conclusións os días sinalados no Congreso Internacional a través dunhas presentacións onde explicaron todo o proceso. 

Pica na foto para ver o álbum

Álbum: Actividades -> Postgrowth

Feira da Ciencia 2024

O 18 e 19 de xuño celebramos a 3ª edición da nosa Feira de Ciencia. Un ano máis, o alumnado do Club de Ciencia que se ocupa da dinamización do Museo Científico presentou o traballo realizado durante todo o curso. Nesta ocasión, as investigacións trataron sobre o funcionamento de instrumentos didácticos dos s. XIX e XX cos que temos a sorte de contar nas vitrinas do noso museo e que servían para a ensinanza da acústica e o comportamento dos fluídos. O alumnado explicou algúns dos principios físicos que rexen o comportamento do son, os instrumentos musicais e métodos de gravación e reprodución de son, así como os efectos da presión e forzas nos fluídos.

Ademais, o alumnado do Club contra o Cambio Climático axudounos a ter máis presente o problema medioambiental coa presentación dos seguintes proxectos: pasapalabra medioambiental, investigación sobre microplásticos, responde preguntas sobre o cambio climático (curiosidades) e  regalo de marcapáxinas con mensaxes que conciencian sobre o consumo responsable, economía circular, coidado do medio... O plan proxecta Protexe o teu medio presentou unha interesante investigación sobre a calidade da agua e outros aspectos das fontes da cidade de Pontevedra.

Este ano tamén desfrutamos da visita do alumnado do Club de Ciencia do IES Torrente Ballester e das súas profesoras Elena e Ana. Queremos agradecervos o tempo que nos dedicastes.

Moitas grazas ao alumnado participante nos diferentes proxectos pola vosa implicación durante todo o curso. Moi bo traballo! Grazas tamén a todas/os os que vos achegastes á feira. 

Pica na foto para ver o álbum

Álbum: Actividades -> Feira da Ciencia 2024

Andaina polo río Gafos

O alumnado de 1º ESO que cursa Proxecto Competencial, realizou hoxe unha andaina polo río Gafos para completar o estudo que desenvolveron ao longo deste curso sobre a súa flora e a fauna característa. Os profesores Tatiana Otero, María Rey e Jesús García acompañaron á rapazada.

Os medios de comunicación fixéronse eco desta noticia: 

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/2024/06/21/estudiantes-sanchez-canton-visita-gafos-conocer-flora-ribera/0003_202406P21C4992.htm

Pica na foto para ver o álbum

Álbum: Actividades -> Andaina polo río Gafos
Distribuir contido


by Dr. Radut