Skip to Content

Postgrowth

O mércores 19 e o xoves 20 de xuño, alumnado de 4º ESO e de 1º bacharelato asistiu o Congreso Internacional de Desenvolvemento Sostible Postgrowth na Facultade de Enxeñaría Forestal de Pontevedra. 

Postgrowth é un proxecto de ciencia cidadá. O obxectivo principal do proxecto é investigar como levar a cabo unha transición ecolóxica xusta nas cidades. Para iso, estudantes de instituto da cidade de Pontevedra convértense en científicas e científicos sociais durante o curso escolar 23/24. Coordinado pola Universidade de Vigo, con colaboración do Concello de Pontevedra e cofinanciado pola Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), o proxecto pretende levar as Ciencias Sociais á cidadanía e explorar así unha nova forma de facer ciencia que ten como principios fundamentais o recoñecemento e a participación da sociedade.

O noso alumnado desenvolveu durante todo o curso unha investigación sobre o tratamento das augas na cidade de Pontevedra: estudaron a historia das fontes da cidade, realizaron análises biolóxicos e químicos das súas augas en laboratorio, despois levaron a cabo unha ampla batería de entrevistas (Exconselleiro de Pesca, turistas, militares...) e o seu baleirado posterior. Con toda esa información, crearon un mapa das fontes de  Pontevedra e uns códigos QR coa información que recopilaron sobre elas. Finalmente, presentaron as conclusións os días sinalados no Congreso Internacional a través dunhas presentacións onde explicaron todo o proceso. 

Pica na foto para ver o álbum

Álbum: Actividades -> Postgrowth


album | by Dr. Radut