Plan Proxecta 2018/2019
PERFORMANCE E EXPOSICIÓN DE FOTOS DA ASOCIACIÓN ACADAR
O 22 de marzo foi presentada no noso centro A guía Violencia Sexual cara ás nenas e mulleres con discapacidade, editada pola Asociación Acadar (Asociación de mulleres con discapacidade de Galicia); está financiamda pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e polo Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad.
A actividade enmárcase dentro do programa Por 365 días de Respecto e Igualdade no que o noso centro participa nun dos Plan Proxecta.
Presentou a proposta a presidenta da Asociación, Nónica Álvarez San Primitivo, e posteriormente o alumnado de 4º ESO asistiu á performance a cargo da artista Mónica Mura. Tamén se acompañou a presentación cunha exposición de fotos que podedes ver nas imaxes.
Con esta actividade pretendeuse concienciar ó alumnado sobre a necesidade de defender os dereitos das mulleres con discapacidade e os abusos e violencia oculta que moitas veces sofren. Foi un modo de facer reflexionar sobre unhas simbólicas imaxes fotográficas que tamén se puideron visualizar por medio da performance, que mantivo a atención e o silencio do público asistente en todo momento.
"POETÍZATE NO RÍO CABE"
Hoxe a poesía inundou o noso instituto
EXPOSICIÓN "CARTAS DE AMOR"
Dende o pasado 13 de marzo ata o 31 contamos no noso centro coa exposición gráfica de ilustracións de diversos artistas sobre a violencia de xénero e a mocidade. Forman parte do Programa "Por 365 días de respecto e igualdade" do Plan Proxecta.
Unha exposición que merece a pena visiitar.
O vindeiro día 26 acudirá ó centro a educadora social Laura Vilaboy para impartir un obradoiro co alumnado de 2º PMAR a partires de ditas ilustracións.
Parlamento Xove 2019 - Bacharelato
Un equipo de alumnado de 1º BAC do IES Río Cabe acadou a terceira posición na fase clasificatoria da "X Edición do Parlamento Xove", que se acaba de celebrar esta fin de semana na localidade de Culleredo (A Coruña).
O equipo formado polos alumnos Jorge García Vázquez, Juan Pontón Rodríguez, María Quiroga Álvarez e Ánxela Romero González, logrou gañar os tres debates nos que participou e agora acudirán a Santiago de Compostela para participar na final desta competición na sede do Parlamento de Galicia durante unha fin de semana do mes de maio.
É de destacar que 3 destes alumnos, Jorge García, María Quiroga e Ánxela Romero, xa chegaron o ano pasado á final desta competición na modalidade de alumnado de ESO representando ao Colexio Padres Escolapios de Monforte e foi a súa profesora en 4º de ESO, Rosa González Roca, a que lles meteu "o gusanillo" de debater con outras persoas no corpo, os acompañou como coordinadora á final da IX edición e lograron rematar a mesma na segunda posición.
"Parlamento Xove" trátase dunha competición na que os diversos equipos inscritos investigan, escriben e debaten acerca dun tema, que na presente edición foi o de: "Deberiamos unificar as políticas de acollida de persoas refuxiadas en todos os estados membros da Unión europea?".
Podedes ver a clasificación na seguinte imaxe ou na páxina web do Parlamento Xove:
Por último, facendo click na seguinte imaxe accédese a unha pequena galería de fotografías:
"Donas de si" celebra o Día Internacional da Muller
Para celebrar a efeméride do Día Internacional da Muller o pasado 8 de marzo dende o proxecto Donas de si (Plan Proxecta) conseguiuse contactar con María José Alonso, catedrática na Facultade de Farmacia da USC e unha das protagonistas da exposición María Josefa Wonenburger que tivemos o pracer de inaugurar no centro no mes de xaneiro.
Dende o centro queremos agradecer a súa disposición e amabilidade, xa que nos enviou unhas verbas nas que explicaba a importancia do traballo e do esforzo, verbas que queremos compartir con vós neste vídeo e que o alumnado tivo a oportunidade de escoitar na aula:
María José Alonso é considerada a científica española máis relevante, como se pode ver no portal GCiencia,
Noticia da que tamén se dá eco o xornal La Voz de Galicia
Ademais, vén de converterse na primeira muller que recibe o premio máis prestixioso en nanomedicina, como se pode ver nesta nova do xornal (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2018/07/25/maria-jose-alonso-primera-mujer-logra-premio-prestigioso-nanofarmacia/0003_201807S25C4992.htm). Pero xa vedes que a pesares das súas múltiples ocupacións, tivo uns minutos para todos nós. Grazas!
I Concurso fotográfico sobre a muller traballadora
O concurso, organizado pola ANPA do IES Río Cabe e o proxecto Donas de si (Plan Proxecta), ten carácter individual e está destinado a todo o alumnado de Educación Secundaria, Bacharelato, Ciclos Formativos e Ensinanzas de adultos.
A data límite para a entrega e o luns 8 de abril.
Facendo click na seguinte imaxe podes descargar e ver as bases do concurso:
O alumnado de 1º de ESO apúntase a non beber.
O mércores, 20 de febreiro, visitounos Esperanza Otero, Técnico da Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Lugo, para falar co noso alumnado de 1º de ESO dos perigos que entraña o consumo de alcol na adolescencia. Esta actividade enmárcase no Plan Proxecta Apuntámonos a non beber que están desenvolvendo os titores de dito curso coa colaboración do Departamento de Orientación.
O semáforo da violencia de xénero
Seguimos co programa "Por 365 días de respecto e igualdade" incluído no Plan Proxecta. A partires do visionado da curtametraxe "Miña", que trata sobre a violencia de xénero, prantexamos varias actividades.
Unha é esta que podedes observar na fotografía, titulada "O semáforo da violencia de xénero", onde o alumnado ía dando resposta con cores a diversas situacións vividas cos seus mozos/as. Se contestaban algunha con vermello, estaban sendo vítimas ou cometendo violencia de xénero.
Observamos que seguen vendo determinadas conductas (ciumes, piropos,...) como non violentas.
Día Internacional da muller e a nena na ciencia. "Profes por un día"
Para conmemorar o 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, abrimos e pechamos a Semana coa actividade "Somos profes por un día", enmarcada dentro do Plan Proxecta "Donas de si". O bo recibimento que está reflectindo o alumnado das actividades deste Plan conduciunos a abrilo á comunidade educativa en xeral. Dúas alumnas de 1º BAC, Iria e Sandra Rodríguez Macía, achegaron aos alumnos e alumnas de 1º ESO á biografía e feitos destacados de Charlotte Cooper e María Josefa Wonenburger, dúas mulleres, seleccionadas por elas mesmas, que fixeron historia. Para isto servíronse de anécdotas e recursos dixitais moi interesantes, como o apoio documental que lle achegou a Sandra Peregrina Quintela Estévez, profesora da Facultade de Matemáticas da USC.
O resultado da actividade foi do agrado dos nosos estudantes, xa que puideron indagar sobre a fórmula matemática que se esconde tras a resolución do famoso cubo de Rubik.
AMOR Á POESÍA NO RÍO CABE
Para ir creando ambiente e expectativas de cara ao concurso "Poetízate no IES Río Cabe", hoxe o centro encheuse de amor á poesía. O alumnado implicado no Plan Proxecta Donas de si repartiu pequenos corazóns para todos os grupos do centro nos que ademais aparecían poemas de diversa autoría. Os textos xeraron grande expectación e foron recibidos de moi bo grao.