Día Internacional da muller e a nena na ciencia. "Profes por un día"

Para conmemorar o 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, abrimos e pechamos a Semana coa actividade "Somos profes por un día", enmarcada dentro do Plan Proxecta "Donas de si". O bo recibimento que está reflectindo o alumnado das actividades deste Plan conduciunos a abrilo á comunidade educativa en xeral. Dúas alumnas de 1º BAC, Iria e Sandra Rodríguez Macía, achegaron aos alumnos e alumnas de 1º ESO á biografía e feitos destacados de Charlotte Cooper e María Josefa Wonenburger, dúas mulleres, seleccionadas por elas mesmas, que fixeron historia. Para isto servíronse de anécdotas e recursos dixitais moi interesantes, como o apoio documental que lle achegou a Sandra Peregrina Quintela Estévez, profesora da Facultade de Matemáticas da USC. 

O resultado da actividade foi do agrado dos nosos estudantes, xa que puideron indagar sobre a fórmula matemática que se esconde tras a resolución do famoso cubo de Rubik.