Eventos
O próximo 9 de marzo está convocada por diferentes organizacións educativas unha folga xeral do Ensino Público, para continuar na protesta contra da LOMCE, unha lei contra a que levamos máis de cinco anos loitando, que mesmo ten acordos maioritarios de paralización no Congreso dos Deputados, pero que continúa a aplicarse por uns gobernos que non queren escoitar o que a cidadanía dixo na rúa, e tamén nas urnas.
A ANPA do IES DE PORTO DO SON, que en ningún momento deixou de denunciar unha normativa como a LOMCE, lesiva para os intereses da nosa mocidade actual e da sociedade futura en xeral, tampouco nesta ocasión ten dúbidas da conveniencia, da actualidade, nin da necesidade de apoiar pública e rotundamente todas as mobilizacións, tamén as do próximo 9 de marzo, que defendan un Ensino Público libre de normativas como a que se denuncia.
Do mesmo xeito que continuar dicindo en voz alta e moi clara que as nais e pais do alumnado público galego non queremos a LOMCE, demandamos a súa inmediata derrogación, e non aceptamos un “pacto educativo” no que non está presente toda a comunidade educativa galega, porque para nós, o noso País ten motivacións de abondo como para ter voz propia en calquera normativa que pretenda regular a nosa realidade, a nosa convivencia, a nosa educación e a nosa cultura.
Para nós, a defensa dun Ensino Público galego, inclusivo e laico, é a razón fundamental da nosa existencia, e estaremos sempre con todas aquelas persoas e organizacións que defendan con nós eses principios elementais de equidade e respecto mutuo, e loxicamente estaremos en contra de todo aquilo, e de todos aqueles, que os ataque ou os menosprece.
Por iso estaremos o día 9 de marzo nas rúas, e por iso animamos a todas as familias do noso concello a apoiar esta folga, para rematar coa LOMCE, para termos un Ensino Público como o que queremos e merecemos.
O alumnado de 2º de ESO A, tivo o luns 6 de marzo o segundo obradoiro sobre consumo responsable seguindo o programa de Mans Unidas. Insírese dentro da liña de traballo interdisciplinar deste curso (a Auga, extensivo á sostibilidade, o respecto polo entorno, etc.). Esta sesión centrouse na proxección dun documental sobre o "despilfarro" de alimentos, ao que seguiu unha charla-coloquio sobre o mesmo.rPara finalizar, o alumnado realizou unha reflexión sobre as posibles solucións ao problema. A actividade foi organizada polo departamento de Relixión.
8 de marzo, Día da Muller Traballadora, unha data que nos une, que nos lembra o moito que fica por facer, a invisibilidade, a desigualdade, o maltrato, os machismos... Dende o equipo directivo e o profesorado queremos enviar ao alumnado mensaxes que constrúan a crear un mundo máis xusto, de aí que esta mañá nos teñamos sumado á convocatoria do Global Womens Strike, o Paro Internacional de Mulleres. Das 12:00h ás 12:30h, alumnas e profesoras, mesmo algún profesor e algún alumno, concentrámonos demandando os nosos dereitos.
Esta acción colectiva, viña a sumarse a outras actividades que hoxe desenvolvemos no centro arredor do tema da Muller: a inauguración por parte do equipo de biblioteca da exposición sobre Maruxa Mallo, pintora á que se adica este ano o Día das Artes e a visita do alumnado de 4º de ESO da mostra organizada polo Concello de Porto do Son sobre mulleres científicas dos “Premios María Josefa Wonenburger Planells”.
Podedes ver a entrada completa sobre a exposición no blog da biblioteca
O luns, no Club de Lectura, falamos con Susana Sánchez Aríns das súas obras Seique e Aquiltadas e contámolo no blog da biblioteca, onde tamén poderedes ler da actividade do martes, na que o alumnado de Bacharelato e Artes Escénicas asistiu no Coliseo Noela en Noia á representación da obra de Shakespeare Soño dunha noite de verán, interpretada pola compañía Voadora en clave de muller, transgresora e actual.
O equipo directivo decidiu agasallar o alumnado de 1º de ESO pola súa implicación na festa de Entroido. O 2016- 2017 é o seu primeiro curso no centro e foi o nivel de maior participación de todo o centro!! Detrás hai esforzo e compañeirismo, valores que merecen o noso recoñecemento. Por iso, o mércores, na hora de titoría, convidámolos a un biscoito especial.
PARABÉNS para todos eles!!! Encantáronnos os seus disfraces e a posta en escena! Por suposto, tamén felicitamos as titoras e as familias que, de seguro, os animaron a participar! Seguro que no próximo Entroido nos volveredes facer disfrutar!
Lembrade que podedes ver AQUÍ o vídeo coas imaxes.
A Voz de Galicia recolle as manifestacións no Barzanza no Día da Muller. Aí estabamos tamén nós:
E nas redes sociais:
Esta mañá o IES de Porto do Son quedou SUBCAMPIÓN no Campionato Provincial de Orientación que se celebrou na Laboral en Culleredo!!! Parabéns ás profesoras e profesores, ao alumnado participante e ao do ciclo, que axudou aos rapaces e rapazas a prepararse para a proba! Viñéronse con moitas medallas!
Como vemos, temos un alumnado que destaca no deporte escolar. Aquí vemos tamén ao grupo que participou o 21 de febreiro no Campionato Intercomarcal de Bádminton na Serra de Outes.
Rematou o prazo de inscripción.
Link con información>>>> http://www.edu.xunta.es/fp/acceso-grao-medio-convocatoria-actual
As probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio van dirixidas ás persoas que non cumpran os requisitos académicos de acceso a ciclos formativos de grao medio.
Para poder concorrer á proba é necesario ter cumpridos dezasete anos ou cumprilos no ano natural de celebración da proba.
A proba divídese en tres partes:
- Sociolingüística: Lingua castelá, Lingua galega, Ciencias sociais.
- Matemática: matemáticas.
- Científico-técnica: Ciencias da natureza, Tecnoloxía.
A proba dará lugar a obtención dunha certificación na que constará a nota final lograda e a cualificación obtida en cada unha das partes que a compoñen.
A certificación da superación da proba dará acceso a calquera ciclo formativo de grao medio, nas condicións de admisión que se establezan.
Para quen realizase a proba na Comunidade Autónoma de Galicia e non a superase na súa totalidade, a certificación permitirá manter a cualificación obtida nas partes superadas cunha puntuación igual ou superior a cinco nas convocatorias de probas de acceso a ciclos formativos de Galicia durante os dous anos seguintes.
Existirá unha porcentaxe de reserva de prazas por cada centro e ciclo para as persoas que accedan pola cota de proba de acceso. A adxudicación de praza estará condicionada pola cualificación obtida na proba.
O alumnado de 4ºESO e 1º Bacharelato, realizou este xoves unha saída a Ourense organizada polo departamento de castelán. Pola mañá fixeron un xogo de pistas para descubrir a historia e a cultura de Ourense e pola tarde asistiron ao ciclo de teatro clásico grecolatino para ver a obra de Plauto Pseudolus.
Nesta avaliación que está a piques de rematar, o alumnado de 1º de ESO vénnos ofrecendo imaxes ben atractivas na materia de Educación Física. Desta volta, pirámides que poñen a proba o equilibrio!!!
Hoxe, 31 de marzo, ás 16:30, dará comezo a Xornada de Orientación -aberta ás familias- coa que abrimos o que será a Semana Cultural que se desenvolverá do 3 ao 7 de abril. Xuntamos así Auga, educación en valores, arte, deportes, orientación académica...
Na Xornada de Orientación desta tarde:
De 16:30h a 17:30h, encontro con exalumnos e alumnado de bacharelato e 4º de ESO. Con eles falarán das saídas académicas por ramas de coñecemento, das saídas laborais...
De 18:00h a 19:00h, charla do decano da facultade de Bioloxía sobre os servizos da USC.
E estas son as actividades da Semana Cultural:
Despois das avaliacións, vén un tempo de aprendizaxe diferente, o da Semana Cultural. Inaugurouse coa I Xornada de Orientación, na que contamos con exalumnos e o decano da facultade de Bioloxía, Antonio Segura. Foi un pracer ir escoitando os mozos e mozas compartían a súa experiecia académica e laboral co alumnado que agora está na etapa de decidir o seu futuro. O complemento a esa aprendizaxe-servizo foi a intervención de Juan Tarrío -antigo alumno do centro e brillante estudante de Química- e Antonio Segura, nunha charla para o alumnado e as familias sobre os servizos da USC.
Nestes días da Semana Cultural, unha parte do alumnado de 1º de Bacharelato atópase de viaxe en Edimburgo, organizada polo departamento de Inglés. Alí están visitando a cidade vella (Old Town), o Castelo de Edimburgo, Holyroodhouse, o Real Xardín Botánico, Dean Village, pasean pola Royal Mile ( o corazón da cidade), fan un Ghost Tour e, como non...!, non podía faltar a excursión ao lago Ness!
As fotos falan por si mesmas!