Skip to Content

Charla

Charla sobre lesións medulares de Cogami

O venres 18 de maio, os alumnos de 4º ESO tivemos unha charla sobre lesións medulares e unha campaña de prevención das mesmas, impartida pola Asociación COGAMI. Unha das persoas que nos deu esta charla foi Helena, que traballa en dita asociación, e Ángel, que nos veu explicar a súa experiencia persoal.
 
 

Adrián Canoura presentou a súa produción cinematográfica e musical no IES Perdouro

O cineasta Adrián Canoura retornou este xoves ás aulas do IES Perdouro e esta vez para presentar ao alumnado do bacharelato de Humanidades as súas creacións de vangarda artística nos ámbitos do cinema e a música. 
No capítulo da formación, Canoura explicou a súa experiencia na Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC e insistiu diante do alumnado na necesidade de completar a formación  básica con cursos específicos. Neste sentido, mostrouse tamén moi satisfeito da aprendizaxe que adquiriu na Escola de Ficción de Voz Audiovisual e no Máster LAV, realizado en Madrid. 
Centrado na súa obra de creación, o cineasta de Burela lembrou diante do alumnado o proceso de realización do seu primeiroo traballo: Escamas, Sangue!, feito en 2014, con Breixo Llano, cando aínda era estudante na Fundación TIC. A seguir, expuxo as características de Salitre nas Veas (de 2017, ambientada no Vicedo) e de  Caerán Lóstregos do Ceo (de 2018, e baseada nos ensaios antropolóxicos de Vicente Risco), ambas presentadas nestes días pasados no festival PLAY DOC de Tui. 
Antes de finalizar o coloquio, abordouse o tema da creación musical. Por un lado, Canoura evocou o Nistra Batuko Exploration (2015), que recupera imaxes da convivencia  intercultural en Burela durante os anos 90 -con imaxes de vídeo gravadas naquel momento-; e, por outro, coa presentación da música de Baiuca, o proxecto músico-adiovisual co que está colleitando moito éxito e que terá a próxima cita co público especialista no decurso do Festival de Cans.
 
 
Recorte de prensa El Progreso 04/05/18

Obradoiro de xornalismo e pensamento crítico

No mes de abril tivemos, o alumnado de 4º da ESO, varias actividades educativas relacionadas coa tecnoloxía e o mundo dos medios de comunicación e unha delas tivo lugar o xoves día 5 na Biblioteca do Centro impartida por Blanca Díaz, xornalista e especialista en comunicación, que nos fixo reflexionar criticamente sobre o labor xornalístico.

.... seguir lendo a crónica de MARÍA FANEGO no blogue de Perdourando.

Charla STEM: QUE TEN QUE VER A QUÍMICA CON NÓS?

O venres 16 de febreiro tivo lugar na biblioteca do IES Perdouro unha charla sobre química (biotecnoloxía, fármacos, plásticos…) para o alumnado de 3º e 4º da ESO.

O profesor de Química Orgánica da USC, Ricardo Rigueira Vega, falounos sobre a importancia e o uso da química nas nosa vidas e na natureza, así como a súa utilización nos fármacos, nos plásticos… Nesta charla tamén nos definiu palabras como biotecnoloxía, ecoloxía, nanotecnoloxía e outras ciencias.

Despois, púxonos exemplos da relación desta ciencia con aspectos da nosa vida cotiá. Por exemplo, coa alimentación e a maneira de cociñar ou de conservar os alimentos. O café non ten o mesmo sabor se o facemos a 90ºC ou a 110ºC, é dicir, coa temperatura a que o elaboramos na casa ou a que se utiliza nunha cafetería. Tamén aprendemos por que os alimentos se conservan grazas ao escabechado ou á curación (deshidratación), etc.

Expuxo tamén o caso de principios químicos naturais como o extraído da semente dun tipo de teixo que se utliza en tratamentos contra o cancro. Como a produción natural non é suficiente, a industria química fabrica un principio químico sintético baseado no natural para poder satisfacer as necesidades a nivel mundial.

Grazas tamén aos avances da bioquímica, a anestesia puido producirse a gran escala, o mesmo que ocorre coa aspirina. A continuación, incidiu na importancia práctica desta disciplina e nas mentiras que sobre ela utilizaron grandes industrias para vender os seus produtos.

Para rematar puxo exemplos de publicidade relacionada coas ciencias para saber o que comprar e o que non.

A charla finalizou cunha rolda de preguntas que o profesor contestou moi amablemente.

Foi unha charla moi teórica pero tamén moi interesante, xa que permitiu ampliar o noso coñecemento tanto de Tecnoloxía, como de Física e Química.


Noel Díaz e Miguel Alves
4º ESO


 

STEM - Que ten que ver a química con nós?

A terceira conferencia sobre STEM do programa "A ponte entre o ensino medio e a USC" centrouse sobre o Que ten que ver a química con nós? Fármacos, plásticos, biotecnoloxía, ecoloxía, nanotecnoloxía... e foi destinada ao alumnado de 3º ESO e 4º ESO de Tecnoloxía. Celebrouse na biblioteca o pasado venres 16 de febreiro.
 
Ricardo Riguera Vega, profesor de Química Orgánica da USC e do CIQUS, faloulles brevemente do papel da Química, como parte das ciencias da natureza, na nosa vida, con exemplos do que son os produtos naturais, os fármacos e os plásticos, a súa orixe e usos na vida corrente. Así mesmo, describiu o significado da biotecnoloxía, a ecoloxía, a química verde, a nanotecnoloxía, e a súa relación coa química e as outras ciencias, ilustrándolo con exemplos da publicidade, a necesidade entender "de ciencias " para saber o que comprar.

Charla sobre a Lei do Menor

O xoves 18 de xaneiro os alumnos de 4º da ESO e de FP básica acudimos na Biblioteca do Instituto para asistir á charla KTORCE-18 (Programa de prevención de condutas infractoras) promovido pola Asociación ARELA e a Fundación Barrié.
 
Un educator social da Asociación Arela presentounos este proxecto, que aposta pola prevención de condutas infractoras, dando a coñecer a Lei 5/2000 de responsabilidade penal dos menores, e por facernos conscientes das consecuencias que pode supoñer incumprir a lei.
Durante as súas explicacións ía poñendo casos reais para que entenderamos mellor os castigos que tiñan as diferentes maneiras de incumprir a lei. Por exemplo: un rapaz que estaba enfadado co seu pai e que lle tirou un ‘cóctel molotov’ tanto a el como á policía cando chegou… algúns rapaces e rapazas que reenviaron unha fotografía dunha rapariga espida por WhatsApp... 

Os incendios, o abandono do rural e a mudanza climática por Eloi Villada Legaspi

(Burela, 18 de decembro de 2017)

Entre as actividades da nosa Asociación Os Matos encóntranse as charlas, conferencias e encontros con diversos poñentes que nos axudan a coñecer un pouco máis a nosa realidade e o entorno no que vivimos desde diferentes puntos de vista: histórico, xeográfico, económico, social, cultural, patrimonial… conseguindo, deste xeito, varios obxectivos: valorar o que temos, respectalo e difundilo. 
 
Todos sabemos que un dos problemas graves que afectan a Galicia é o dos incendios forestais. Aínda temos na memoria as tristes imaxes ofrecidas polos medios de comunicación dos incendios do pasado mes de outubro, con perdas de vidas humanas e grandes zonas afectadas no aspecto ecolóxico e paisaxístico. 
 
Para falarnos desta problemática convidamos a Eloi Villada Legaspi a impartir unha conferencia na biblioteca do centro sobre “Os incendios, o abandono do rural e a mudanza climática” e destinada ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato. O ponente naceu no rural e vive no rural, na parroquia de Fonmiñá -concello de A Pastoriza-. Estudou en Lugo Enxeñería Técnica Agrícola. Durante uns meses dedicouse a vender pensos compostos antes de gañar por oposición unha praza de Técnico da Axencia de Desenvolvemento Gandeiro, incorporándose á delegación de Galicia, na Coruña. No ano 1983 pasou a traballar no Servizo de Produción Vexetal de Lugo, onde empezaron co programa de implantación e mellora de pastos en Montes Veciñais en Monte Común, que durou ata o ano 2015.

Acto inaugural Exposición "Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro"

Esta mañá tivo lugar na biblioteca do IES Perdouro o acto de inauguración da exposición "Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro" destinado ao alumnado de 3º e 4º ESO e 1º de Bacharelato. 
 
Aproveitando a próxima celebración do día internacional da poesía, tivo lugar na biblioteca do IES Perdouro de Burela o acto de inauguración da exposición "Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro". Dita exposición itinerante lembra a figura de Manuel Rodríguez López, escritor nado en Paradela considerado un importante poeta obreiro de Galicia na segunda metade do século XX, discípulo de Celso Emilio e de Manuel María. 
No acto participaron Mariña Gueimunde, Xefa Territorial de Cultura, Educación e. Ordenación Universitaria e María José Gómez, xefa do Servizo de Coordinación da Área Cultural, José Manuel Mato, Alcalde de Paradela, e Antonio Giz, director de Galicia Digital e promotor do proxecto, Antón Niñe, Presidente da Asociación Cultural Os Matos e o director do centro, Santiago Pérez. 
Ao remate do acto fíxose entrega ... seguir lendo no blogue de Perdourando.

A nova literatura da Mariña

12962585_868351553293777_613796039_o.pngO Instituto Perdouro de Burela foi de novo o foro privilexiado para a divulgación en primicia de obras literarias. Desta vez a protagonista foi a escritora sancibrense Patricia C. Beltrán quen visitou onte o centro de ensino para presentar a súa primeira novela, El fiel reflejo de la nada (Ed. Cardeñoso; 2016).

O alumnado de bacharelato da materia de Literatura Universal situouse comodamente nos sofás do rincón da lectura, na biblioteca do instituto, e dispúxose para a tertulia literaria coa autora da obra, que se prestou a participar activamente respondendo cuestións referentes ao proceso de escrita, ao desenvolvemento da trama, ao estilo e mesmo ás condicións de edición.

Patricia C. Beltrán (San Cibrao; 1980) é licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense.  Finalizados os seus estudos académicos, complementou a formación en Boston (USA) e máis tarde dedicouse profesionalmente á comunicación xornalística. No campo da creación audiovisual, é directora da curtametraxe "Lucía devorando a sus hijos", protagonizada por Manuel Feijóo.

El fiel reflejo de la nada, unha historia protagonizada por Valentina -unha moza salvadoreña, estudante de Dereito-, que chega a Madrid para completar estudos e vivir "o soño europeo", será presentado por primeira vez nun acto público na Casa da Cultura de San Cibrao, ás 6 da tarde do próximo sábado, día 16 de abril.

Acto de presentación de "Nefelibata" de Maka Ledo na biblioteca do IES Perdouro

Esta mañá tivo lugar na biblioteca do IES Perdouro a presentación do primeiro libro da nosa alumna de 2º de Bach. Macarena Ledo Vázquez. Abriu o acto o director, Santiago Pérez. A continuación tomou a palabra Mónica Filgueira Formoso, artista ourensá, quen fixo a portada do libro "Nefelibata". Logo, Macarena Ledo explicou o significado de "Nefelibata"...... Seguir lendo no blogue de Perdourando.
Quedaron moitas cousas por contar máis xa sabemos que o vindeiro venres 26 de febreiro ás 20h15 na libraría Nobel de Burela, Maka Ledo presentará novamente ao público "Nefelibata".

Maka Ledo presenta "Nefelibata", o seu primeiro libro.

A biblioteca do IES Perdouro acollerá mañá venres, día 12 de febreiro ás 11h, a presentación do libro Nefelibata da nosa alumna, Macarena Ledo Vázquez. No acto de presentación contaremos ademaís coa presenza da artista ourensá, Mónica Filgueira Formoso, ilustradora da portada. Esperámosvos!!
 
.

Encontro con Carlos G. Reigosa

Nado en Lagoa da Pastoriza en 1948, escritor e xornalista, Carlos G. Reigosa protagonizou esta mañá un encontro cultural e literario na biblioteca do Instituto Perdouro co alumnado de ESO e Bacharelato.

O autor de Crime en Compostela (Premio Xerais), Os homes de Tras da Corda, Pepa a Loba ou Intramundi, repasou cos lectores e lectoras a súa traxectoria xornalística e literaria, falando especialmente de Intramundi, obra centrada na transformación socioeconómica das terras comprendidas entre Mondoñedo, Meira e Abadín.

Seguir lendo en Perdourando.....

Matías Escalera entrevístase co alumnado de 1º de Bach.

Baixo a coordinación de Bernardo Penabade, o alumnado de 1º de Bach. asistiu a un coloquio con profesor e escritor madrileño, Matías Escalera. Faloulle da súa formación académica, da súa experiencia en modelos de plurilingüismo e do seu compromiso coa sociedade. É dos implusores da Marea Verde por unha escola pública e, é activista pola recuperación histórica.

Crónica de Sara Gil - A presentación de Emily on the road na Mariña

SOBRE A PRESENTACIÓN DE Emily on the road NA MARIÑA

O día 26 de novembro tivemos a oportunidade de participar na presentación de dous libros de Ramón Blanco: un Vida e obra de Francisco Añón e outro Emily on the road. Mais non tería sentido explicar o desenvolvemento dos eventos sen facermos referencia á importancia do escritor na vida dos alumnos e alumnas -entre eles eu- que este ano cursamos 1º de BAC no Instituto Perdouro de Burela.

En xuño de 2011, finalizamos o curso de 3º da ESO e despedimos o substituto que nos dera clase durante 5 ou 6 meses, debido a unha baixa da nosa profesora de Lingua Galega. Aquel profesor que se adicou a aguantar as nosas lerias foi Ramón Blanco, que nese pouco tempo despertou entre nós un aprezo enorme, ben pola súa maneira de tratarnos, ben pola súa personalidade ou -o que é máis probable- por unha mistura das dúas. Por iso, logo de case un ano e medio, recibimos con entusiasmo a comunicación que nos fixo o noso actual mestre de que íamos ter a oportunidade de desfrutar da presentación dos libros.

Situámonos xa no día en que todo aconteceu. Ás 13:10 daquel luns fomos para a biblioteca do instituto. Todos sentamos e agardamos, expectantes, a que Moncho -resulta estraño para nós tratalo de Ramón- aparecese pola porta. Logo duns minutos, entrou aquela persoa á que tanto agarimo lle gardamos. Un sorriso inundou ao instante as nosas caras e a del. Sentou na longa mesa que estaba fronte a nós, e Bernardo introduciu a presentación de Vida e obra de Francisco Añón. Cando este rematou, tomou a palabra Moncho para agradecernos a nosa asistencia. Asegurou que estaba moi ledo de atoparse alí e explicounos diversos aspectos tanto da súa vida como da de Añón, incluíndo o motivo de elexir este escritor como referencia para o seu libro. Soubemos que foi determinante o feito de gañar con 17 anos o premio de poesía Francisco Añón, o que o levou a informarse sobre quen fora esa personalidade. Coñecemos que o poeta Añón viviu no século XIX e que a súa familia era moi coñecida na comarca comprendida entre Muros e Noia. O seu padriño, un cura, ensinoulle o mundo das letras e encamiñouno, máis tarde, a estudar no Seminario. Tamén se fixo fincapé en que no ano 1966 a Añón foille dedicado o Día das Letras Galegas, moito antes que a outros escritores hoxe máis coñecidos. Entre eses e outros moitos datos, chegou a hora do xantar.

Chegamos ao restaurante. Algúns alumnos, algúns profesores, Moncho e os seus acompañantes –Manuel L. Rodrigues, o editor de Acha Escrava; a escritora Iria Lago; e o músico Pablo Sax- comemos todos xuntos nunha longa mesa, que xa tiñamos reservada. O xantar transcurreu entre risos e anécdotas. Para nós, foi unha grata experiencia poder comer con Moncho e os demais profesores (e cremos que para eles tamén o foi comer con nós). A conversa foi animada e estivo misturada con algunhas bromas que nos facíamos uns aos outros, risos e incluso algunha que outra foto, para ter probas materiais do momento nun futuro!

Chegou o remate do xantar e houbo que volver ao centro. Pola tarde tiñamos clase! Mais ese día non era a materia de Inglés, coma sempre. Desta vez os cincuenta minutos centráronse en coñecer Emily on the road, o novo libro do noso mestre. Fixeron a introducción o editor e Iria Lago, a escritora que identificou a Moncho como o seu mellor amigo. Feitos os honores, o escritor convidado aclarounos que a historia central é o traxecto dun condutor que no camiño atopa unha rapaza (Emily) e a recolle. Xuntos emprenden unha viaxe entre o escuro e a morte, nun ambiente sombrío. En plena travesía, a parella de viaxeiros facendo varias paradas. En conclusión: o libro céntrase nunha partida, unha ruta e unha arribada un tanto misteriosas, que o autor escribiu en homenaxe a un vello amigo e á escritora estadounidense Emily Dickinson. Resultounos especialmente agradable saber que parte do poemario foi escrito na súa etapa en Burela cando nos deu clase a nós!

Tras os preámbulos, Ramón Blanco comezou a ler. Pablo Sax comezou a tocar. E verso tras verso, nota tras nota e sensación tras sensación, conseguiron cautivarnos. Esta vez non eramos só os de 1º de BAC, senón que tamén estaban alumnos de 4º da ESO e diversos profesores (entre eles Ramón Reimunde -xa xubilado do IES de Foz- e Julia Labrador, docente de Literatura na Universidade Complutense).

As palabras saíron da boca do declamante unha detrás doutra e a orixinalidade do que lía captaba a nosa atención, sen ningunha dúbida. Non era un poema como outro calquera; probablemente os alí presentes nunca escoitáramos un igual. A maneira de relatar o que lles acontecía aos viaxeiros, a maneira de transportarnos a un mundo de escuridade -e de milleiros de sensacións- era realmente especial.

Así foi como chegou o final. O escritor rematou de ler o fragmento e nós quedamos con ganas de máis. Un aplauso inundou a sala. Un éxito total. Despedímonos del e marchamos para a aula, xa que aínda tiñamos outra clase. Mais quedamos agardando á próxima vez para ver a Moncho e para botar unhas risas con el, coma sempre. Queremos que volva a cautivarnos cuns cantos versos e que nos faga soñar. Queremos imitalo, seguilo; desexamos ler máis do que el escribe… Xa que falamos de desexos: desexámoslle todo o mellor a ese grande escritor, ao grande poeta. Oxalá teña moita sorte con estes dous libros e con todos os que quedan por vir. Nós estaremos dispostos a contribuír, aínda que sexa simplemente con lembranzas da estadía en Burela.

Tesnos gañados, Moncho!

Sara Gil Cordido

LIBROFORUM - FERNANDO LALANA, EL ULTIMO MUERTO

Libro Forum Fernando Lalana IES Perdouro

Tivemos esta maña a visita do escritor de literatura xuvenil, Fernando Lalana, que recibiu, o pasado mes de outubro das mans da princesa Letizia, o Premio Cervantes Chico 2010 - o Cervantes da Literatura Xuvenil - . (Noticia en RTVE)
 
Este venres 18 de marzo, a biblioteca do IES Perdouro recibiu a visita do escritor aragonés Fernando Lalana. Moitos dos alumnos do centro puideron ler algunhas das súas fantásticas obras. Lalana xa visitara o IES Perdouro anteriormente e coma sempre recibiunos cun gran sorriso e respostas a todas as preguntas do alumnado presente no encontro.
 
Nesta visita acudiron os alumnos de 3º da ESO coa súa profesora de Lingua Castelá, Maria Dolores Reimunde, e o alumnado do clube de lectura, moderado pola profesora Juana Bernárdez do Departamento de Lingua Castelá.
 
O autor fixo unha pequena introdución tratando os aspectos máis relevantes do seu libro de intriga El Ultimo Muerto. Explicou que se trata do cuarto e último libro da Saga de Fermín Escartín, un peculiar e desastroso detective privado. A continuación iniciouse unha rolda de preguntas. Comentou cuestións en canto á elección do título da obra así como da súa portada. Os alumnos e alumnas aproveitaron esta oportunidade para facerlle preguntas sobre a vida que leva a diario un escritor, a súa formación, a narración, sobre os seus personaxes entre outras moitas cuestións polas que os rapaces tiñan curiosidade.
 
Para finalizar a su visita, Lalana asinou os libros do alumnado moi agradecido e satisfeito coa colaboración que mostraron os alumnos e alumnas do IES Perdouro.

Distribuir contido


by Dr. Radut