Na xornada do martes 17 de outubro o alumnado de 1º de Bacharelato e de CM de Peiteado e Cosmética Capilar acudimos a unha charla sobre o alzhéimer, unha enfermidade que afecta actualmente en España ao redor de 70.000 persoas. Esta actividade foi organizada pola Fundación Barrié e por AFAN Burela.
O neurobiólogo Carlos Spuch explicounos cales son as causas da enfermidade, os datos máis relevantes sobre ela e como podemos axudar ás persoas que a sofren.
O alzhéimer non afecta a todo o cerebro, senón só a unha pequena parte, a correspondente á fala, toma de decisións, comportamento e pensamento, entre outras. Pola contra, non afecta nin á memoria musical nin ás emocións, polo que a musicoterapia é unha das formas de atrasar a aparición desta enfermidade; tamén axuda a isto algunha das medicinas descubertas e o adestramento do cerebro. Sabemos tamén que a memoria non se perde, senón que fallan os lóbulos sinápticos, é dicir, as redes que conectan as neuronas entre si.
Unha das preguntas máis frecuentes sobre este mal é: o alzhéimer é xenético? A resposta é non: é unha enfermidade que se dá a causa do noso ambiente aínda que, raramente, tamén pode ser xenética.
En conclusión, para axudar ás persoas afectadas, deberiamos escoitar e interpretar o que nos queren dicir. Outra opción sería falarlles e poñelas en contexto da situación na que se atopan, para que poidan así expresar as súas emocións.
Para rematar a charla, Carlos Spuch nomeou tamén diferentes persoas que padecían esta enfermidade ou algún outro tipo de demencia, como Carmen Sevilla, unha actriz española, e unha veciña da localidade de Burela, a cal estivo presente no acto.
Pódese acceder a máis imaxes da actividade AQUÍ.
Laura Alonso Fernández - 1º BACB