Skip to Content

VIAXE A SANTIAGO: OBRADOIRO DE APUNTES ARQUITECTÓNICOS AO NATURAL

O alumnado de 1º de BAC que cursa a materia de Debuxo Técnico I, un total de 23 alumnos e alumnas viaxaron a Santiago de Compostela o día 24 de abril para levar a cabo un “Obradoiro de apuntes de debuxo arquitectónico ao natural”.

Así, estiveron no Monte Gaiás realizando unha serie de debuxos dos edificios que compoñen o conxunto da Cidade da Cultura dirixidos polo profesor da materia, Manuel Sánchez Seco.

A segunda parte da actividade consistiu nunha visita guiada ao conxunto arquitectónico con explicacións sobre a sua construcción, visualización dos distintos proxectos e maquetas dos mesmos e paso por todolos edificios que compoñen o conxunto. Tamén visitaron unha das exposicións temporais que estes días acolle o edificio museo baixo o título de “Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia”, que dirixe o foco cara a estas tres especialidades, nunha viaxe desde o século XXI á Idade de Ferro. A mostra ofrece unha visión renovada da artesanía, non só como gardiá de oficios en perigo de desaparecer, senón formulando unha idea de futuro que fala da beleza dos materiais naturais e da capacidade dos obxectos para expresar a nosa identidade.

Para completar o programa da viaxe, despois dun tempo de descanso para comer, visitamos outra exposición no Auditorio de Galicia titulada “Formas do deseño. Galicia XXI”, mostra que percorre o deseño galego desde os anos 70 e ensalza o seu potencial. Unha panorámica do último medio século do deseño en Galicia e do do traballo realizado polos seus creadores (Luis Seoane, Isaac Díaz Pardo, Iván Mato…).

Un día completo e cheo de actividades que seguro foi ben aproveitado polo noso alumnado, ao que temos que felicitar polo seu comportamento e interese nesta viaxe.

 



story | by Dr. Radut