Antón Castro

Na tarde do 12 de abril Antón Castro retrata para nós a vida cotiá dunha
familia dun xeito fascinante, inusual.

Busca o afecto do público, un grupo de adolescentes de 1º de ESO,  coa
xestualidade, cos xogos da súa voz e cos silencios, coa música tradicional feita
con sinxelos instrumentos como as culleres ou con outros non tan sinxelos como a
zanfona.

Concéntrase no diálogo feito voz e intercala a música para que as palabras
faladas, berradas, entren e reciban a cálida acollida do grupo.

Antón é un performer, un extraordinario animador sociocultural e, cando ve
que fraquean os ánimos, dálle un novo impulso. Fala rápido, apaixoadamente, con
todo o corpo e sempre mira os ollos dos seus interlocutores. Move as mans como
se as palabras buscasen un burato polo que as ideas se convirtan e mensaxes, un
aparente caos moi ordenado. E sorrí, bracea, sobe a unha cadeira, saúda a
cámara, escolle un neno ou unha nena para facelos intervir, pequenos actores do
espectáculo do que están disfrutando.

Sexa como sexa, Antón impregna as súas palabras e a súa música desa virtude
que só transmiten os que están empapados das ensinanzas doutros antes de comezar
a falar e a tocar. O resultado é esa forma de entregarse ao grupo desde a
paciencia, sen présas, como se o timbre ou o reloxe se involucrasen no
espectáculo.

Por que será contacontos, actor, músico, animador ...Non sabemos pero, polas
mensaxes que transmite, semella inconforme co mundo no que vivimos e trata de
buscar outros paralelos organizados coa súa orde propia, sen  normas
preestablecidas. En todo caso ten a profundidade de quen coñece as entrañas da
vida e usa o humor sagaz dos intelixentes. En palabras da escritora brasileira
Nélida Piñón "A República dos sonhos é o lugar onde a maioría das esperanzas
humanas poden cumprirse". A aula de 1º de ESO A converteuse na "República dos
sonhos" de tod@s @s que ali gozamos da voz e da
presenza de A. Castro.               

                                                   Mª do Carme Cozinha