DÍA DA CIENCIA EN GALEGO

Día da Ciencia en Galego

Con motivo da celebración do 11 Día da Ciencia en Galego, o pasado venres 4 de novembro o noso centro participou nunha videoconferencia vía web (con chat incluído para poder realizar cuestións), impartida por Ángel Carracedo, e que tivo por título: “Aplicacións da investigación xenética: o seu uso na práctica policial”.

Ángel Carracedo Álvarez é, probablemente, o científico que traballa en Galicia de maior proxección internacional. Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago e doutor en Medicina pola mesma institución, creou un grupo que se convirteu no líder mundial en xenética forense e de referencia en xenómica comparada e de poboacións. Foi pioneiro na introdución de novas tecnoloxías para a identificación forense mediante a xenética molecular, técnicas que se implantaron de forma rutinaria nos laboratorios de todo o mundo, xunto aos seus colaboradores, en casos famosos como o crime de Alcáser, o 11-M ou a identificación das víctimas do tsunami do sureste de Asia, entre moitos outros.

Con esta actividade pretendíase que o alumnado aprendese ciencia sen ningún tipo de prexuízos, nin sobre a ciencia, nin sobre as posibilidades de aprendizaxe da ciencia en calquera idioma. Os colectivos convocantes quixeron expresar deste xeito que as linguas, neste caso o galego, se aprenden usándoas en todos os contextos, tamén nos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, a pesar de que a Consellería de Educación a excluíse como lingua vehicular de diferentes materias destes ámbitos coa aplicación do Decreto para o Plurilingüísmo.