INAUGURACIÓN DO CURSO 2007/2008
DISCURSO DE INAUGURACIÓN DO CURSO 2007/2008 POR OLIMPIO ARCA CALDAS
Grazas pola vosa amable invitación a compartir convosco está fermosa mañá de convivencia docente. Grazas.
Hai séculos, cando o home desenrolaba o seu ciclo vital análogo aos ciclos dunha natureza plena, limpa, fecunda; cando os intervalos temporais estaban sinalados nos reloxos de sol e de area, cando o home disfrutaba de tempo para as relacións familiares e sociais, cando vivía nun limitado entorno sosegado e pracenteiro, xa o filósofo sentenciou: "tempus fugit".
Hoxe, nunha época en progresiva evolución dunha abafante tecnoloxía, nunha era enferma de desaforada competitividade, tocada de gravidade no seu ADN polo virus da "présa", traducimos aquela centenaria sentenza do filósofo pola expresiva frase "o tempo voa".
Voan as horas, os días e os anos; voan os tempos da nenez, da xuventude, dos estudos, dos traballos, da vellez, voan todos agás os tempos da dor, da soidade e da escravitude.
Mergullado neste pensamento, hoxe aquí, este paraninfo do García Barros, semella, para min, unha grande sala de espera dun espacioso aeroporto.
Estamos, o comandante da nave, tripulantes, auxiliares de voo, viaxeiros e familiares, todos membros da comunidade educativa, cos trámites arranxados para iniciar unha engaiolante viaxe no voo cultural correspondente ao curso escolar de ensino medio 2007-2008.
O comandante da nave, inspectora técnica, coas últimas ordenanzas, advertencias e recomendacións do voo oficial.
Os tripulantes, claustro de profesores dos centros, directores e mestres de colexios públicos e concertados, coas súas programacións, sistemas de control, as follas de ruta, escalas oficiais e optativas, todo ben arranxado e meditado.
Os auxiliares de voo, persoal administrativo, coas listas de embarque preparadas, despachos de billetes ordenados e ao coidado do material de salvamento.
O persoal de servizos, atendendo á confortabilidade e boa imaxe da nave.
Os viaxeiros, alumnos novatos e veteranos, coas súas maletas acuguladas de material científico e didáctico, xa facturadas ao contado á conta das esquilmadas carteiras dos seus proxenitores. Coa equipaxe de man rebordando ilusións, promesas e devezos.
Con algún viaxeiro novato están presentes os pais. Hai neles un oculto desexo de coñecer á tripulación para encomendarlle a tutela do herdeiro.
Na ampla cabina desde Boeing 747 xa acomodados, atopamos ao comandante e aos consellos de dirección. Así mesmo, no plano superior da fuselaxe sitúase o profesorado que atenderá solícito as demandas dos pasaxeiros, axudados polos auxiliares de voo.
Cando ruxan frenéticos os motores da aeronave e comece o deslizamento pola pista, abrochemos os cintos da constancia, respectemos as normas internas da navegación e obedezamos as ordes complementarias da tripulación.
Cumpridos estes obrigados preceptos superaremos as posibles turbulencias que abofé aparecerán ao longo da viaxe, evitaremos aterraxes imprevistas e chegaremos, ledos, satisfeitos e fortalecidos nos nosos saberes ao final da travesía que hoxe comezamos plenos de ilusión.
Dende a cabina de control, a dirección, polos alto falantes prega á tripulación unha vixilancia continua a fin de que os señores pasaxeiros non perdan a praza nalgunha das escalas programadas.
¡Benvidos a bordo!
¡Boa viaxe!... ¡Feliz viaje!... ¡Bon voyage!... ¡Have a good trip!...
Finalizada esta alegoría permitídeme unhas pinceladas encol da evolución do ensino medio na nosa vila dende a década dos corenta, o que nos permitirá seguir viaxando no espazo e no tempo e onde os protagonistas da travesía ben puidesen ser os vosos pais e mesmo os vosos avós.
Segundo os estudosos do tema, o número de proxectos e reformas dos estudos de bacharelato dende o ano 39, lei de Ibáñez Martín, acada a cifra de 15. Pero non serei eu que vos dea "a vara" cunha análise pormenorizada de decretos, currículums, novas áreas, etc, senón tan só, e como dixen antes, unhas sinxelas e significativas pinceladas.
No comezo fratricida da guerra incivil de 1936 a vila da Estrada perdía o seu Instituto de Ensino Medio, instituto en funcionamento desde a súa creación no ano 1933, época da República, ubicado no edificio onde hoxe en día se sitúa a cafetería "Biblioteca", na rúa Serafín Pazo.
Tres anos de funcionamento para minguados alumnos e cun valioso plantel de profesorado como D. Enrique Vidal Abascal e D. Antonio Fraguas, entre outros.
No ano 40 as forzas vivas da vila, comandadas polo cura párroco D. Nicolás Mato Varela conseguen a apertura dun colexio homologado de bacharelato de obrigado ideario relixioso, nomeado "Colexio Inmaculada Concepción", cun mínimo de cinco licenciados e coa esixencia tamén dun mínimo de alumnos matriculados.
Entre os licenciados recordamos a D. Manuel García Barros, xove estradense especialista en latín, ao que non debemos confundir co seu homónimo, o escritor "Ken Keirades", e tamén á señorita Josefina Fondevila Mato.
Ao longo da existencia deste centro, houbo tamén entre o profesorado ilustres mestres e cregos da localidade que aportaron o seu labor na procura da continuación do mesmo. Así, o crego D. Nicolás reclutaba dende a catequese parroquial a nenos e nenas con boas aptitudes para o estudo, que logo serían bolseiros p0lo concello. Se non chegaban ao número esixido de alumnos, D. Nicolás facía viaxes á súa terra natal, Coristanco, e volvía con cinco ou seis rapaces que se matriculaban e examinaban no colexio da Inmaculada. (Moitos deses alumnos chegaron a ser sacerdotes, médicos, etc.).
O plano de estudos constaba naquel entón de sete anos, previo ao exame de ingreso, tan riguroso que tres faltas de ortografía eliminaban ao aspirante, e con materias como Latín, Francés, Matemáticas, Castelán, Relixión e Educación política. A partir de 5º curso estudábase Física e Química, Filosofía, Grego, Inglés ou Alemán. Tratábase dun ensino memorístico, con libros en branco e negro, con minguado material didáctico e "rabiosa" separación de sexos. Era en verdade un plano moi completo e así o "exame de estado" final resultaba moi selectivo.
Para alivio de estudantes, na década dos 50, aparece un bacharelato elemental de catro anos e reválida, que superada, daba acceso a estudos de Maxisterio. Para obter o Bacharelato Superior cumpría realizar dous anos máis e "Preu", preuniversitario.
A finais desta década o centro desaparece e no mesmo edificio instálase Formación Profesional, que aumenta así os seus alumnos. Comezan pois a aparecer academias para a preparación do bacharelato, entre elas a nomeada "San Paio", da que o que vos fala foi profesor e fundador.
No ano 1967 inaugúrase, baixo a dirección de D. Enrique García Rodeja o Instituto de Bacharelato. Con el, o ensino estradense recibe o espaldarazo necesario para converterse nun centro oficial de ensino. Recíbese abundante material didáctico, biblioteca, laboratorio e creación de bolsas de estudo que elevan o número de estudantes. Directores deste centro, sito na Avda.. Benito Vigo, edificio que hoxe alberga a Biblioteca, conservatorio e radio municipal, entre outros, recordamos a D. Raúl Souto, D. José Sánchez e D. Mauricio Maïssa.
Coa implantación da EXB a mediados da década dos 70, o bacharelato superior, o BUP logo de acadar o Graduado Escolar, comprende tres anos, o correspondente COU e a temida selectividade. Con esta lei amplíanse o número de bolsas de estudos, comeza o transporte escolar e aumenta de maneira notable o material didáctico e científico. As clases son mixtas e o "bum" dos estudos de bacharelato reborda todas as previsións.
Na década dos noventa, por mor da LOGSE e a ESO, novas reformas educativas: os estudos corresponden a catro anos de ESO, dous anos de Bacharelato e a correspondente selectividade.
As reformas nos proxectos educativos foron, e seguirán sendo continuas, pois van da man dunha sociedade convulsionada que non acaba de atopar o camiño verdadeiro e segue dando tombos segundo lle dictan os políticos de turno.
E acabo, pedindo que pais e profesores estean en todo momento unidos, xa que logo a educación nace na casa e perfeccionase coa instrución no centro docente.
Como alumno daquel longo, complexo pero instructivo bacharelato preparado en Cuntis por libre, para render exame en xuño no instituto de Pontevedra permitídeme deixe constancia do meu recoñecemento ao gran mestre e pedagogo D. Aurelio Rey.
Olimpio Arca Caldas
A Estrada, 19 de setembro de 2007
Fotografías de Marcos Míguez