Instituto de ensinanza secundaria, bacharelato, ciclos formativos e adultos

As compañeiras do departamento de Bioloxía e Xeoloxía quixeron lembrar que hoxe é o Día Mundial do Medio ambiente. A biblioteca colaborou, no desenvolvemento das súas funcións, nesta iniciativa que pretende concienciar sobre esta problemática que está a sufrir o noso planeta. Aínda que estamos a tratar dun tema de constante actualidade parece que nunca estamos a facer o suficiente. E as novas non son nada boas.

O tema deste ano, Sen Contaminación Por Plástico, fai un chamamento á poboación de todo o mundo en favor dun planeta sen contaminación por plásticos. A celebración deste día pretende facernos conscientes de que nós mesmos podemos cambiar hábitos no noso día a día para reducir a pesada carga da contaminación dos plásticos na nosa natureza, na nosa vida silvestre e sobre nosa propia saúde. O fin último é evitar situacións como esta:

Os datos son realmente alarmantes:

- 13 millóns de toneladas de plástico son vertidas, anualmente, aos océanos.

- Utilizamos 5 billóns de bolsas de plástico cada ano.

- Compramos, en todo o mundo, un millón de botellas de plástico cada minuto.

As consecuencias non se fan esperar:

- Máis de 100.000 animais mariños morren ao ano a causa do plástico, que necesita ata un século para degradarse no medio ambiente.

O obxectivo do Día Mundial do Medio Ambiente de 2018 é o de inspirar solucións que leven a un cambio sustentable nas actividades iniciais da cadea de subministración.

Estes alumnos presentan esta exposición fixa no vestíbulo do centro, coa axuda das súas profesoras, para facernos conscientes de que algo temos que facer. Neste caso adiantámonos ás iniciativas que a Unión Europea vai poñer en marcha, co mesmo fin, este mesmo ano.