Instituto de ensinanza secundaria, bacharelato, ciclos formativos e adultos

RESOLUCIÓN do 9 de xaneiro de 2018 (DOG Nº 16 do 23 de xaneiro de 2018)

Prazos de matrícula:

Convocatoria de maio: do 12 ao 23 de marzo de 2018, ambos os dous incluídos.

Convocatoria de setembro: do 2 ao 9 de xullo de 2018, ambos os dous incluídos. As persoas matriculadas para a primeira convocatoria, se non superan a totalidade dos ámbitos da proba, consideraranse matriculadas para a segunda convocatoria sen que teñan que presentar nova documentación.

As solicitudes de inscrición deberán presentarse en soporte papel nos centros educativos que se especifican no punto 3 ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado (código de procedemento ED540A)que figura como anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Condicións das persoas aspirantes:

1. Teren feitos os dezaoito anos o día anterior á data de realización da proba.

2. Non estaren en posesión do título de graduado en educación secundaria.

3. Non estaren nin teren estado matriculadas no curso 2017/18 nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria nin nas de formación profesional básica.

4. O alumnado matriculado durante o curso 2017/18 na educación secundaria para persoas adultas poderá inscribirse nas probas se previamente cumpre as seguintes condicións:

4.1. Para acudir á primeira convocatoria, o alumnado ten que solicitar a baixa nas ensinanzas do segundo cuadrimestre. Así mesmo, as persoas con ámbitos do primeiro cuadrimestre sen superar deberán renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.

4.2. Para inscribirse na segunda convocatoria, o alumnado con ámbitos suspensos no segundo cuadrimestre ten que renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos. O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.


  

As probas celebraranse en sesións de mañá e tarde os días 25 de maio e 7 de setembro para as respectivas convocatorias.

Entre as 8.30 e as 9.00 horas iniciarase o chamamento para o acceso aos espazos de realización da proba.

Das 09:30 ás 12:00 horas: Ámbito científico-tecnolóxico.

Das 12:15 ás 13:15 horas: Ámbito social.

Na sesión da tarde, das 16.00 horas ás 19.00 horas, realizarase a proba do Ámbito da comunicación.