Skip to Content

Contratos programa, Mellora da competencia Matemática, Mellora da competencia Comunicación Lingüística

Contratos programa

Os centros docentes, para lograr a equidade e a excelencia na educación, deben desenvolver as capacidades de todo o alumnado conforme as súas posibilidades e circunstancias e, para iso, teñen que organizarse de xeito diferenciado, planificando os seus recursos e desenvolvendo as actuacións necesarias para o logro duns obxectivos concretos nun período de tempo determinado.

A convocatoria 2019/20 de contratos-programa pretende adaptar as diferentes liñas de traballo ás novidades introducidas pola Lei Orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, e pretende potenciar de forma prioritaria o desenvolvemento das competencias clave, así como a mellora da convivencia nos centros, a promoción da igualdade de xénero e de medidas que fomenten a inclusión, o afondamento no logro da excelencia educativa, a redución das taxas de abandono escolar temperán, así como a promoción da atención educativa para a compensación de desigualdades na educación. En definitiva, contribuír á mellora da calidade do sistema educativo de Galicia.

Preténdese, en resumo, que os centros docentes analicen, por unha banda, as súas fortalezas e debilidades e propoñan medidas específicas de actuación e, por outra, que a Administración educativa proporcione os recursos necesarios para o desenvolvemento de proxectos realistas nos que participe a comunidade educativa e as institucións do contorno.

Máis información sobre os contratos programa na seguinte ligazón:

http://www.edu.xunta.gal/portal/contratos-programa

Contratos programa: Mellora da competencia Lingüística

Dende o Departamento de FOL a tarefa que desenvolvemos co alumnado da optativa Iniciación á actividade emprendedora e empresarial de 4º da ESO consistiu en traballar a oralidade á vez que se coñecían e se poñían en práctica ferramentas de procura de emprego.

A tarefa consistiu en que o alumnado buscase nalgún portal de emprego da rede unha oferta de traballo relacionada cos seus intereses profesionais. Posteriormente, debía de obter un pantallazo de devandita oferta e subila á aula virtual.

Coa axuda de videotutoriais a profesora facilitoulles instrucións sobre como redactar unha carta de presentación adaptada a unha oferta de traballo concreta. Igualmente, a profesora proporcionoulles uns enlaces onde podían atopar diversos exemplos de cartas de presentación para tomar como referencia.

Unha vez redactada a carta de presentación debía de ser subida á aula virtual a través do correspondente buzón de entrega.

Finalmente, tras traballar preguntas tipo e respostas adecuadas nunha entrevista de traballo tipo, pedíaselle ao alumnado que simulase o rol de ser entrevistador e entrevistado en relación a devandita oferta e que gravase en audio as preguntas e respostas que suscitaría e respondería no seu caso.

Fotos da execución da tarefa:

Contratos programa: Competencia Lingüística

Tal como temos anunciado nunha entrada anterior, durante a primeira semana do mes de xuño levamos a cabo, dentro do proxecto Contratos Programa da Xunta de Galicia, diferentes obradoiros de Regueifas para mellorar a competencia lingüística do noso alumnado.

Nesta ocasión, o regueifeiro Quique Estévez foi o encargado de impartir os obradoiros, vía telemática, para o alumnado de 2º, 3º e 4º ESO. O alumnado de 1º non puido gozar desta clase práctica de oralidade por problemas coa conectividade da aplicación WEBEX.

Quique Estévez despois de explicar brevemente que é unha regueifa, a súa orixe, as diferentes melodías que existen para cantar regueifas, as distintas variantes de improvisación no mundo, deunos algúns trucos para comezar a compoñer regueifas.

Ao rematar o obradoiro e como tarefa práctica de desenvolvemento de regueifas, o alumnado compuxo algunha estrofa seguindo certas pautas como determinadas palabras ou algún verso que tiñan que incorporar nas súas coplas.

Deixámosvos algunha fotografía dos obradoiros, así como exemplos de regueifas cantadas polo alumnado e nalgún caso coa participación de familiares.

Contratos programa: As mates están aí

Tódolos anos no IES Illa de Sarón o Departamento de Matemáticas organizaba no terceiro trimestre o concurso fotográfico “As mates están aí”, no que o alumnado do IES aportaba fotos que relacionasen as matemáticas coa vida cotiá.

Este curso, por razóns obvias, non se puido celebrar pero o alumnado fixo igualmente as súas achegas.

Contratos programa: Competencia Lingüística

Para acadar os obxectivos que nos marcamos de mellorar a comunicación oral e promover a autoestima e a seguridade de todo o alumnado da ESO á hora de falar en público levarmos a cabo, ao longo de todo o curso, tanto na aula de xeito presencial, da que fomos dando boa conta, como a partir de abril, de xeito telemático, diferentes exposicións orais e oratoria improvisada nas materias lingüísticas de castelán e galego.

Deixámosvos, como mostra, algúns collages do alumnado da ESO e algúns vídeos para observar a mellora que foi acadando o noso alumnado.

 

Contratos programa: Corpos xeométricos

Co alumnado de 1ºESO, estamos a traballar os corpos xeométricos, e que mellor maneira de conectar as mates coa vida cotiá que buscar pola casa obxectos que teñan forma de corpo xeométrico.

O obxectivo desta actividade é conectar as matemáticas coa vida cotiá e afianzar os conceptos de poliedros e corpos de revolución.

Ao principio non atopaban ningún, pero despois de observar ben, resultou que a súa casa está chea destas figuras matemáticas. Deixámosvos algúns exemplos.

Contratos programa: Competencia Lingüística

Dentro do proxecto Contratos-Programa 2019-2020 para seguir adquirindo destrezas que melloren a competencia lingüística do noso alumnado levaremos a cabo, durante a primeira semana de xuño, diferentes obradoiros de REGUEIFAS, concretamente co alumnado de 2º, 3º e 4º ESO, xa que co alumnado de 1º ESO estamos a ter problemas coas aplicacións de videoconferencias.

Os obradoiros desenvolveranse de xeito telemático dada a situación que estamos a vivir.

Animámosvos a que participedes. Iremos pendurando algunha fotografía que dea conta do ben que o pasaremos.

Contratos programa: Actividade do mes de abril

Para seguir mellorando a competencia matemática, no mes de abril, o alumnado de 1ºESO e 2ºESO fixo un gran esforzo traballando a unidade de Xeometría desde a súa casa. Para facelo máis ameno, traballamos os corpos xeométricos empregando as técnicas da papiroflexia.

Nesta actividade o alumnado tivo que crear os seus propios corpos xeométricos.

Os obxectivos desta actividade son:

  • Estimular a concentración
  • Activar a memoria
  • Desenvolver a paciencia
  • Potenciar a satisfacción persoal
  • Estimular o traballo e o esforzo

Para levar a cabo a actividade, proporcioneilles  os desenvolvementos planos de varias figuras e estes son algúns dos resultados:

Contratos programa: Mellora da competencia lingüística

Seguimos traballando a oralidade durante estes días de pandemia para que o noso alumnado se sinta cada vez máis seguro falando en público.

Desta volta, en colaboración co Club de lectura Papel e tinta do noso instituto,  tiveron que converterse en booktubers por un día. Escolleron un libro de lectura e falaron del, animando ao resto de compañeiras e compañeiros a que o lesen.

Deixámosvos, como mostra, algúns booktubers do alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º ESO.

 

Contratos programa: Sudokus

O mes de febreiro dedicámolo a resolver sudokus, un xogo antigo que require de lóxica e paciencia para resolvelo.  Realizamos un concurso de resolución de sudokus, cun premio para cada nivel. Ao principio o alumnado era un pouco reticente xa que a resolución supón paciencia e concentración, pero saíulles mellor do que pensaban.

Os obxectivos desta actividade son:

  • Mellorar a concentración.
  • Fomentar o gusto polas matemáticas e os xogos matemáticos.
  • Estimular e potenciar as habilidades de matemática lóxica e pensamento crítico.
  • Adquirir confianza coas matemáticas.

A entrega de premios foi este luns, día 9 de marzo.

Distribuir contido


by Dr. Radut