DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2021 ADICADO A XELA ARIAS
Xela Arias é a figura homenaxeada este 17 de maio no Día das Letras Galegas.
Como ven sendo habitual desde hai anos, o IES Plurilingüe Eusebio da Guarda súmase a esta celebración, esta vez cunha exposición sobre a escritora e un concurso de caligramas entre o alumnado.
A Exposición Xela Arias no Eusebio da Guarda trata de achegar a través dun monllo de fotografías a traxectoria da escritora, tradutora e editora.
A súa contribución como poeta ven marcada polos poemarios Denuncia do equilibrio (1986), Tigres como cabalos ( 1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003). Destacan na obra as súas indagacións nas contradicións do ser humano e da orde social, sendo os temas máis frecuentes, o amor, a alienación do individuo pola sociedade e a morte e a futilidade da existencia humana.
A crítica ven salientando os factores singulares que a caracterizaron: a súa negativa a percorrer acriticamente os itinerarios deseñados por outros e a non calar o que non lle gustaba do panorama literario, a súa resistencia a ser utilizada en calidade de poeta nova e a súa concepción da educación poética desde o esforzo para ler uns versos concebidos desde a autoesixencia.
A súa obra contribuíu á renovación da poesía galega, co tratamento de novos temas e un estilo moi persoal, cualificado de vangardista. Foi precursora do boom literario feminino que se dá na poesía galega dos anos 90, xa que moitos temas e características formais das poetas dos 90 aparecen xa nos primeiros poemas publicados nos 80. Fálase de poesía de muller para adscribila a esta tendencia xunto a poetas como Yolanda Castaño, Olga Novo ou Emma Couceiro.
Como tradutora debémoslle as versións ao galego de autores como Jorge Amado, Camilo Castelo Branco, James Joyce, Fenimore Cooper, Gianni Rodari, Charles Baudelaire, Cervantes, Wenceslao Fernández Flórez…
O seu papel no mundo editorial faina pioneira á hora de traducir os grandes clásicos da literatura ao idioma propio, realizando un traballo magnífico coa vontade de potenciar e situar o sistema literario de Galicia no mundo.
O Concurso de caligramas (Bases na convocatoria)
Dúas modalidades:
. Caligramas feitos con versos de Xela Arias.
. Caligramas feitos con versos de creación propia.
Entrega de premios: 14 de maio ás 12:15h
Posteriormente engadiranse á exposición.
Departamento de Lingua Galega e Literatura.
Equipo de Dinamización Lingüística.
FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!!!