22 febreiro 2022
23 de febreiro: un día para celebrar a Rosalía
O Día de Rosalía de Castro pasará a celebrarse o 23 de febreiro, auténtica data de nacemento da poeta
En outubro do pasado ano, a investigadora Sagrario Abelleira fixo público o achado duns documentos que alteraban o que sabiamos sobre Rosalía de Castro: a data de nacemento da escritora situábase grazas a súa pescuda no día 23 de febreiro de 1837, e non no día 24, como até ese momento se pensaba. O expediente matrimonial de Rosalía de Castro con Manuel Murguía, atopado no Arquivo Diocesano de Madrid, mostrábase como "un documento incontestábel" que permitía fixar definitivamente o día en que naceu Rosalía e que aclara moitas das dúbidas "que até o de agora pairaban sobre a súa biografía".
Cando se fixeron públicos os documentos que demostraban que Rosalía nacera o día 23 de febreiro de 1837 xa se formulara o proxecto deste cambio de data que hoxe se materializa, aínda que existían certos receos sobre a aceptación da mudanza, ao terse convertido o 24 de febreiro nunha das datas máis sinaladas do calendario cultural galego. "Era o lóxico", opina o presidente da Fundación Rosalía, e ese pequeno cambio carece de importancia diante da proxección da súa obra sobre o
pobo galego. O importante é que houbo acordo entre todas as institucións, que non existiron disparidades e que Rosalía segue sendo un elemento de unidade entre todos os estamentos da sociedade galega".
Unha "nova" data que os estudosos daban como plausíbel. Até o de agora, coñecíase unicamente a partida bautismal de Rosalía, do 24 de febreiro de 1837, e ao ser esta a única proba documental acreditada, dábase por boa esta data para lla asignar ao nacemento da autora. Non obstante xa existían moitos indicios que apuntaban ao día 23 de febreiro como a data real do nacemento da autora. Manuel Murguía, por exemplo, no Diccionario de escritores gallegos, escribe que Rosalía naceu en Santiago o 23 de febreiro de 1837.
Tampouco parecía moi normal que, sendo bautizada o día 24 de madrugada, a data de nacemento fose dese mesmo día.
A nova información biográfica sobre Rosalía quedou recollida na publicación Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858), de Sagrario Abelleira.
Departamento de Lingua Galega e Literatura
Un día para celebrar a Rosalía
A Xunta de Galicia e as institucións vencelladas á autora deciden cambiar a efeméride tras a aparición de nova documentación que desvela a súa data real de nacemento
O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis sinaladas do calendario cultural galego e, por primeira vez, o curso escolar 2021/2022 inclúe a celebración desta efeméride na súa programación. Unha data que ata o de agora, e ante o descoñecemento do día exacto do nacemento da poeta, se celebraba o 24 de febreiro, día en que recibiu o bautismo.
Logo deste acordo, que traslada a celebración ao día 23, a Xunta, a Fundación Rosalía de Castro e demais institucións e asociacións vinculadas á figura da poeta convidan á sociedade a renderlle homenaxe a Rosalía no seu día e en todos os demais lendo e poñendo en valor a súa obra.
Convidamos á Comunidade educativa do Eusebio da Guarda a celebrar este 23 de febreiro de 2022 poñéndo en valor a figura de Rosalía e a súa obra.
Departamento de Lingua Galega e Literatura
Lectura dos poemas polas aulas: