O mércores 22 de Maio, o noso alumnado de 3ºESO compartiu unha xornada poético-musical, na Vila romana de Toralla, co alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP Ría de Vigo, e por primeira vez co alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Vigo. Estivo especialmente adicada á figura de Luísa Villalta, escritora homenaxeada no 2024 polo Día das Letras Galegas. Poeta, narradora, dramaturga, tradutora,…, e música. Ademáis de ser unha intérprete do violín, a música estivo moi presente na súa obra literaria. O binomio Música-Poesía obsérvase no seu ensaio “ O outro lado da música, a poesía”, ou na súa colección de poemas “Música reservada” e “Ruído”. En relación á interacción destas dúas artes, dicía a autora: “Os poemas vólvense son, e son analizados con toda a sutileza simbólica que a melodía latente e silenciosa lles outorga”.
O obradoiro estivo estruturado en tres partes diferenciadas:
- En primeiro lugar, unha profesora do Conservatorio, Cecilia Martínez, recitou fragmentos biográficos da figura de Luísa Villalta. Estiveron intercalados con interpretacións instrumentais no violín pola profesora do conservatorio; interpretacións vocais de poemas musicados da escritora: “Eu saín do meu violino” a cargo do alumnado do colexio, e “ O mar sempre infinito” por parte do noso alumnado; para posteriormente cantar simultáneamente estas dúas melodías nun contrapunto ben harmonizado.
- En segundo lugar, asistimos á parte da creación poética, empregando unha escolma de palabras significativas da biografía de Luísa. Organizando ó alumnado en tríos ou cuartetos variados, estes foron quen de compoñer poesías para ser posteriormente recitadas.
- Clausuramos este obradoiro co intercambio de pezas musicais: o alumnado do Conservatorio interpretou brillantemente catro pezas de música vocal con acompañamento instrumental. De seguido, o noso alumnado interpretou dúas pezas: “Más vale trocar” e “Rumba de Mallou” con instrumental Orff e instrumentos de vento. E o alumnado do colexio pechou o acto, con mestría, cunha peza vocal con acompañamento de instrumentos (oboes, clarinete, frauta traveseira, percusión,…), e de movemento.
Un ano máis, e xa van tres, desta actividade compartida resaltamos especialmente a importancia da convivencia de alumnado de diferentes etapas educativas, a creatividade xerada nas composicións poéticas en pequenos grupos, e a sensibilidade amosada nas diversas interpretación musicais.
Este proxecto forma parte do Proxecta + “Proxecto de innovación en dinamización lingüística” onde se levarán a cabo actividades conxuntas entre o IES Coruxo e do CEIP Ría de Vigo e traballar xuntos a interdisciplinariedade, a cultura galega e a temática local (neste caso relacionadas coa música e poesía na Vila Romana de Toralla) e a procura de proxectos de aprendizaxe-servizo que tivesen unha repercusión no barrio e os seus habitantes.