Skip to Content

Proxecto XELA: IES Coruxo, CEIP Ría de Vigo e CMUS Vigo

O pasado luns 28 de maio, ás sete de tarde, no paseo da praia do Vao, procedeuse á inauguración dos 22 paneis con versos de Luísa Villalta que forman parte do proxecto XELA (Xerando Espazos Lectores Abertos). Este proxecto, iniciado hai catro anos polo CEIP Ría de Vigo e o IES Coruxo, contou este ano coa participación do Conservatorio Profesional de Música de Vigo. Ademais, por primeira vez, os murais incorporan un código QR que enlaza co poema íntegro e un audio do recitado do mesmo, acompañado por obras musicais creadas ou adaptadas por alumnado e profesorado do conservatorio.

O traballo comezou cunha investigación sobre a obra e figura de Villalta a cargo do departamento de Lingua Galega do IES Coruxo e alumnado de 1º da ESO, que foi adaptada a un cartel elaborado polo departamento de Tecnoloxía. A escolla dos versos foi levada a cabo polo equipo de dinamización da Lingua Galega do centro educativo e o traballo do recitado fixéronno principalmente rapaces e rapazas de 1º bacharelato. Tamén participou alumnado do CEIP Ría de Vigo e do conservatorio. O seguinte paso foi precisamente no conservatorio. Alí, crearon e adaptaron músicas para acompañar cada un dos poemas, intervindo diferentes departamentos e especialidades instrumentais, aportando sonoridades e estilos variados.

Cando remataron, o mesmo conservatorio asumiu a elaboración dos códigos QR para rematar coa edición dos paneis e posterior instalación. Á inauguración asistiu a concelleira de Educación, as direccións dos tres centros, persoal docente, familias, veciños e veciñas e as asociacións veciñais e culturais de Coruxo e de San Miguel de Oia.

Tamén acudiron familiares da escritora Xela Arias, coa que hai catro anos arrancou esta iniciativa denominada precisamente co seu acrónimo: XELA (Xerando Espazos de Lectura no Aberto).


Info na prensa: https://www.lavozdegalicia.es/amp/noticia/vigo/2024/05/21/estudantes-vigo-sementan-litoral-poemas-luisa-villalta/0003_202405V21C3992.htm?utm_campaign=amp

AdxuntoTamaño
XELA 1.jpeg383.83 KB
XELA 2.jpeg228.59 KB


page | by Dr. Radut