O 21 de marzo, Día da Poesía, o alumnado de 4º PDC xunto a tres alumnos que recitaron doutros cursos, acudimos ao salón de actos da EOI de Vigo para participar na celebración que organizaban. Desfrutamos do coro da escola, ademais de lecturas, con e sen acompañamiento musical, en diversos idiomas tanto de alumnado coma de profesorado da EOI. Pola nosa parte, Xaime de 2º ESO B recitou: _No meio do camiño_ e Gael de 4º ESO A e Germán de 4º ESO B recitaron: __Diremos_, poemas de Luísa Villalta. Foi unha xornada enriquecedora e algún alumnado interesouse por estudar outras linguas.
Este luns, o alumnado de 1º Bach D e E e o club de lectura tivemos a sorte de contar con Branca Trigo, alumna en prácticas do máster de educación no noso centro, para que presentase o seu último poemario Trans0 e nos falase xunto a Alfredo Vázquez da súa editorial Malafera e de proxectos como o micro aberto Cerimonia de Gaivotas.
Ao final da xornada agasallounos cun recitado dalgúns poemas do libro. Todo un pracer, Grazas Branca!
Este martes o alumnado de 1° ESO desfrutou do teatro acudindo á representación da obra "Monstros", no teatro Ártika. Con música en directo de Piti Sanz, guión de María Lado e Lucía Aldao, dirección de Marcos Orsi e un elenco de primeira, o noso alumnado aprendeu a enfrontarse aos seus medos interiores dunha maneira lúdica e divertida. Ou acaso o posible monstro é tan diferente de nós?
Por moitas xornadas coma esta. Viva o teatro!
Un 23 de febreiro de 1837 nacía Rosalía de Castro en Santiago de Compostela. Ela é o emblema de Galicia, a muller que conseguiu facer historia e, o máis importante, mudar o rumbo da historia. Xa coetáneos do seu tempo, coma Curros, lle dedicaban versos que describían a brillante figura que era: unha muller “que tiña na fronte unha estrela e no bico un cantar”.
O alumnado de 2º de ESO acudiu á sala Ártika para gozar da representación de “Mosca” e descubrir en primeira persoa o significado da violencia e o acoso.
Tras a representación tiveron a ocasión de intercambiar opinións cos actores nun coloquio que consideramos realmente enriquecedor.
O alumnado de 4 PDC visitou a exposición: Entroido galego: traxe, historia e tradición.
A mostra recolle nove traxes do Entroido tradicional galego, con breves fichas descritivas con datos de interese cultural. Merdeiro, Peliqueiro, Boteiro… e a ti, cal che gusta máis?
Comezamos no IES Castelao a nosa participación na campaña “Aquí tamén se fala galego".
Esta iniciativa, ideada polo IES Rafael Dieste e secundada por máis de 170 centros escolares da Galiza, pretende erradicar a falsa imaxe de que nas cidades non se fala galego.
Este luns, dous membros da asociación "A merdeira" do Casco Vello de Vigo achegáronse ao noso centro para presentarnos o Entroido galego e principalmente o personaxe do Entroido vigués, "o merdeiro" que estivo silenciado durante a época da posguerra por ser incómodo para o réxime. Descubrimos de onde vén o seu nome, o porqué da súa vestimenta e máscara e as súas orixes.
O alumnado da materia de Oratoria, tanto de 3 coma 4 da ESO, visitou o Parlamento de Galicia. Coñeceron as instalacións onde os políticos da nosa comunidade deciden o porvir do país. Puideron, incluso, sentar no hemociclo e realizar unha práctica.
Ademais, aproveitaron a xornada para coñecer máis en profundidade Santiago de Compostela. Visitaron a catedral, a Alameda e algunha facultade.