O pasado 30 de abril o alumnado de 2º de bacharelato asistiu á conferencia impartida polo Presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, sobre a súa obra Unha ducia de galegos.
A charla foi de moito interese para este alumnado, pois na obra, reeditada no 2017, Freixanes entrevista a doce persoeiros do galeguismo e da literatura que son obxecto de estudo por parte dos nosos alumnos no programa de 2º Bac. Segundo as palabras do conferenciante, o seu obxectivo era unir sobre o papel a xeración que aínda conservaba a memoria do século XIX, personificada na figura de Ramón Otero Pedrayo, coas vivencias máis inmediatas dos mozos do 68, daquela Carlos Casares ou Xosé Luís Méndez Ferrín.
O pasado 26 e abril o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa” trouxeron ao noso centro o proxecto Xornalismo na Escola. Un profesional da información impartiu a alumnos de 3º e 4º da ESO un taller didáctico sobre comunicación. Este obradoiro tiña como obxectivo introducilos no mundo dos medios de comunicación. O papel do xornalista, como funciona un medio de comunicación ou como facer unha nova foron algúns dos aspectos tratados. Aprenderon tamén a distinguir entre que é noticia e que non e o papel das redes sociais na información.
O pasado 24 de abril visitou o noso centro don Xesús Alonso Montero para dar unha charla ao alumnado de 1º de bacharelato sobre Mª Victoria Moreno, autora á que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas. O alumnado, que este trimestre leu Anagnórise, unha das súas obras máis representativas, seguiu con atención e interese a disertación do que foi presidente da RAG ata o 2017 sobre a vida e obra desta autora estremeña de nacemento mais galega de corazón e lingua.
Pica na imaxe para ver fotos do acto
O 6 de abril Ledicia Costas veu ao noso centro a falar cos alumnos de 3º da ESO da súa obra Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, novela que recibiu o Premio Lazarillo á Creación Literaria no ano 2015.
Ledicia contounos que a orixe da novela partiu do seu interese por Jules Verne e a súa chegada a Vigo, así como polo “submarino” de Sanjujo Badía, temas que se reflicten na novela. Falounos tamén de todo o traballo de documentación que fixo para escribir a obra e de como o mesturou coa fantasía das mulleres planta.
Podes ver as imaxes da charla picando na imaxe.
O pasado venres, 9 de marzo, un grupo de cincuenta estudantes de 2º de bacharelato, acompañados polas profesoras Esther e Isabel, do departamento de Lingua Galega, foron de excursión a Ourense para realizaren o roteiro d’A esmorga, na cidade das Burgas,
Aínda que o tempo non acompañou moito, a visita resultou proveitosa e interesante, pois tiveron ocasión de facer un percorrido pola parte vella da capital ourensá e recoñecer in situ algunhas das localizacións de certos episodios da novela de Blanco Amor.
O pasado venres, 2 de marzo, os alumnos e alumnas de 1º da ESO puidemos ver na Escola Oficial de Idiomas a representación teatral da obra Leonardo e os fontaneiros, de María Victoria Moreno.
O protagonista, Antón Andrade Asorei, e a súa compañeira de clase, Begoña, recordaron as divertidas anécdotas vividas durante o último curso de colexio, mais tamén os momentos de mágoa que experimentaron á morte do can Leonardo ou da súa mestra, A Galiña.
Como todos os anos, o 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía, data de nacemento, no ano 1837, da nosa autora máis universal. Este ano, o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO afondou na vida e obra da poetisa a través dunha guía didáctica que elaborou o equipo da biblioteca. O alumnado traballou con ela a partir dos paneis expostos no vestíbulo.
Pica na imaxe para ver as fotos
Os días 21 e 23 de febrero o alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato asistiu á representación da obra “A louca historia de Galicia” na sala Ártika de Vigo.
Esta divertidísima comedia fai un percorrido polas orixes, costumes e tradicións da nosa terra, dende os celtas ata a actualidade. Os alumnos, ademais de pasalo moi ben, aprenderon algo máis sobre a nosa historia.
O peza foi representada pola compañía Fulano, Mengano e Citano.
Para celebrar que o 30 de xaneiro, Día da Ilustración, coincide coa data de nacemento de Castelao, o equipo da biblioteca elaborou unha guía didáctica para coñecer máis a fondo a vida e obra do autor que dá nome ao noso centro. O alumnado do 1º ciclo da ESO traballou con ela a partir dos paneis expostos no vestíbulo. Pica na imaxe para ver as fotos.
O pasado 16 de xaneiro os alumnos de 1º de bacharelato B e D visitaron no Museo do Mar de Vigo a exposición titulada “Pergamino Vindel. Un tesouro en sete cantigas”.
O alumnado, na primeira parte da visita, coñeceu aspectos sobre a sociedade da época medieval e como se elaboraban os pergamiños (materiais nos que se escribía, tintas, útiles de escritura, quen os escribía…). Na segunda parte, aprendemos aspectos da cultura da época como a arte románica, instrumentos musicais e finalmente o pergamiño de Martín Códax coas sete cantigas de amigo e a súa música.