Eleccións ao Consello Escolar: Constitución Xunta Electoral

Neste curso 2024-2025 toca renovar parcialmente o Consello Escolar. Xa que logo, aproxímanse eleccións que designarán os novos representantes. 

A Xunta Electoral marcará os pasos a seguir, que se recollerán nun calendario específico. Con todo, o primeiro paso é elixir os seus membros, que se realizará mediante sorteo público o vindeiro venres 18 de outubro ás 12:45 no paraninfo Xela Arias (salón de actos).

14 de outubro, Día das Escritoras

 

          Arredor da onomástica de Teresa de Xesús, celébrase desde 2016 esta festa das Letras, para reivindicar o papel das mulleres na literatura, facer visible o seu traballo e combater a discriminación sufrida ao longo da historia, cando nin sequera aparecían nos manuais.

          A iniciativa partiu da Biblioteca Nacional de España, a Asociación Clásicas y Modernas e mais a Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias. 

          Arestora a situación comeza a cambiar pois coñécese e valórase a creación das mulleres. Abonde con citarmos, no ámbito español, a concesión nestes últimos anos, do premio Nacional de Poesía, por exemplo, a Pilar Pallarés, Olga Novo, Yolanda Castaño ou, estas últimas datas, a Chus Pato. E a nivel mundial, aínda resoa a noticia da concesión do Premio Nobel de Literatura 2024 á surcoreana Han Kang (1970).

          O Día das Escritoras celébrase o luns máis próximo ao 15 de outubro. Así que toca celebrar este luns 14 de outubro as escritoras.

          O IES San Paio de Tui comparte para este día coas bibliotecas integradas no PLAMBE, coma a nosa, unha escolma de textos relacionados coa muller rural. Velaquí o enlace

 https://www.edu.xunta.gal/centros/iessanpaio/taxonomy/term/676

Boa lectura de escritoras!!

ANÁLISE MATEMÁTICO DOS ALIMENTOS

Nos primeros días deste curso foron expostos os traballos feitos polo alumnado que cursaba 4° ESO no curso 2023-24, nas materias de Matemáticas A e Matemáticas B, coa súa profesora Ana Domínguez.

Neses traballos fixeron unha análise da cantidade de azúcar e sal que conteñen algúns alimentos que consumen a cotío, podendo expresar as cantidades de azúcar e sal de cada un deles das diferentes maneiras que permiten as Matemáticas.

DíA INTERNACIONAL DA TRADUCIÓN

Hoxe, 30 de setembro, celébrase o Día Internacional da Tradución, en recordo do falecemento de san Xerome, tradutor da Biblia.

Desde a Biblioteca ofrecemos como mostra desta importante tarefa que é a tradución a versión en varias linguas de "Le petit Prince", "Cousas" de Castelao en inglés ou as cantigas de Martín Codax en 55 idiomas.

Ademais, recordamos outros aniversarios: onte fixo Mafalda 60 aniños e hoxe mesmo é o centenario do nacemento de Truman Capote, autor de "A sangre fría" ou guionista de "Almorzo en Tiffany's" protagonizado por aquela  inesquecible Audrey Hepburn!

 

COÑECE A TÚA BIBLIOTECA

 

 

 

Nestes últimos días de setembro o alumnado de 1° de ESO visita a Biblioteca Ramiro Fonte do Instituto Castelao para coñecer o seu funcionamiento, fondos, horario, servizos e actividades que organiza.

Entre elas, a HORA DE LER, para a que cadaquén comezou a preparar xa o seu CADERNO DE LECTURA.

Desexamos que todo o alumnado o pase ben! 

Un libro é sempre un bo compañeiro!

DÍA EUROPEO DAS LINGUAS

Debido á celebración do Día das linguas europeas, o equipo da biblioteca ofréceche a posibilidade de participar nun concurso no que podes demostrar a túa capacidade para pronunciar o impronunciable.

Soamente tes que gravar un pequeno vídeo ou audio en galego ou castelán no que introduzas de maneira coherente e orixinal a palabra máis difícil de pronunciar que coñezas nunha lingua europea.

 

Tedes de prazo ata o 1 de outubro. Animádevos!

 

A literatura galega, de premio!

         

As Letras galegas veñen sendo recoñecidas como merecen nos últimos tempos. Abonda recordarmos que desde 2019 é Chus Pato a cuarta muller galega que obtén o Premio Nacional de Poesía, collendo o relevo de Iolanda Castaño (polo libro Materia); no 2019 fora Pilar Pallarés (por Tempo fósil) e o ano seguinte, Olga Novo (por Feliz idade). Mais non só iso: tamén no ámbito da narrativa foron premiados recentemente Marilar Aleixandre por As malas mulleres e Xesús Fraga por Virtudes (e misterios), entre outros. Por certo, que estes dous últimos títulos foron obxecto de atención no noso Club de Lectura "A pé de obra", nalgún caso mesmo antes de seren premiadas as obras!

          A ourensá Chus Pato recibe o Premio Nacional de Poesía polo seu libro Sonora, un poemario experimental no que dialoga coa morte, publicado neste ano pola editorial Xerais e presentado o pasado mes de febreiro en Lugo. É un título que se engade a unha longa traxectoria de títulos como A ponte das poldras (único do que dispoñemos polo momento na nosa biblioteca, pero poñeremos remedio axiña!).

          As Letras galegas están de festa. Festexémolas lendo!

REUNIÓN COAS FAMILIAS

Convocamos as reunións iniciais coas familias. Na primeira parte o Equipo Directivo fará un resumo das normas e organización de Centro para este curso. Despois, os titores terán un encontro nas aulas de referencia de cada grupo para tratar temas como a comunicación coas familias, petición de citas e aclarar dúbidas.

Distribuir contido