O pasado xoves 6 de xuño tivemos unha visita sorpresa no IES Castalao.
Con motivo do Día dos océanos, 8 de xuño, o alumnado de 4º ESO e 1º Bach visitaron a praia de Panxón para realizar a tradicional saída intermareal.
Acompañados polo profesorado de Bioloxía, identificaron especies, observaron a subida e baixada das mareas, e analizaron as augas.
Toda unha experiencia para poñer en práctica o aprendido durante o curso!
A semana pasada tivo lugar o derradeiro encontro do club de lectura escolar ‘A pé de obra’ para comentar a novela Noite de voraces sombras de Agustín Fernández Paz.
Sen dúbida algunha, non puido ter mellor peche. Este libro entusiasmou a rapazada. Unha boa maioría reflexiounou sobre o trasfondo da historia, chegando a interesarse por indagar no pasado da illa de San Simón; foron quen de establecer analoxías cos conflitos bélicos actuais e a decatarse de que sempre cometemos os mesmos erros.
O alumnado de 4º da ESO das materias de Latín e Cultura Clásica sumouse ao proxecto da Biblioteca Ramiro Fonte "Escribir con arte". Estudiaran fitos da historia de Roma e contáronos a través de cadros dos ss. XVII a XIX e agora, logo de estudiaren a familia romana, escribiron para acompañar as imaxes de lenzos do século XIX. Sen dúbida, toda unha actualización que permite conectar épocas a través de visións mozas.
O luns 3 de xuño foi un día memorable! O alumnado dos centros adscritos, que cursará 1º da ESO o vindeiro curso, visitou por primeira vez o seu futuro IES.
Todo estaba aquelado para que fose unha xornada na que non faltou de nada. Tan pronto entraron nas instalacións, foron recibidos polo alumnado de 1º de Bacharelato, quen os agasallou cun baile e material didáctico. A seguir, dirixíronse ata o salón de actos; lugar onde o Equipo Directivo lles deu a benvida e lles explicou as normas do centro e os proxectos que se levan a cabo. Ademais animounos a coller folgos durante o verán para comezar con ansia.
O club de lectura de adultos reuniuse por penúltima vez este curso para comentar a novela ‘Amor de tango’ de María Xosé Queizán.
Durante o encontro salientaron a virtuosidade da autora para fiar tantos temas, dar tantas (e pequenas) doses de historia, mesturada con moito lirismo, paixón e entrega.
A obra non deuxou indiferente a ninguén, dado que cadaquén atopou aspectos nos que reparar: a dureza da guerra, o deporte feminino, a vida nas fábricas, a maternidade, a protección familiar, o amor e, por suposto, o baile.
Con esta novela péchase o ciclo de encontros de adultos. Unha actividade que contou con boa parte do profesorado e que agardamos que medre no vindeiro curso.
O pasado sábado leváronse a cabo no noso centro as Probas de Estimulación do Talento Matemático (ESTALMAT).
Nesta quedara fíxose a primera fase da clasificación con 40 alumnos da zona de Vigo e Pontevedra. Presentáronse en total en toda Galicia 180, dos que serán clasificados 25. Do noso Centro tivemos un representante, Dylan de 1º ESO C.
Moita forza e vémonos na seguinte etapa!
Hai un par de semanas, contamos coa visita da asociación ATRA de Vigo. Os seus dirixentes achegáronse ao noso Centro para nos falar das saídas profesionais que pode atopar o noso alumnado dentro do sector automobilístico.
Co gallo do Día Escolar das matemáticas (12 de maio), o Departamento de matemáticas propúxenos facer un xogo de escape, baseado no libro de Escher.
Profesorado e alumnado traballaron en equipo para resolver o enigma e decubrir que se agochaba no cofre.
3º da ESO visitou os Museos Científicos Coruñeses, programa que comprende tres museos de ciencia interactivos: Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae.
Acompañados polo profesorado de Bioloxía e Física e Química aproveitaron un luns no que ata lle deu tempo de visitar a Torre de Hércules.