Con motivo da celebración do VI Día da Ciencia en Galego,
o mércores 4 de novembro, o alumnado da materia de Anatomía Aplicada e de Ciclo de Laboratorio, asistiu a unha videoconferencia no salón de actos do centro organizada pola Coordinadora Galega de ENDL.
Título: A máquina que constrúe a mente e a realidade.
Relator: Xurxo Mariño Alfonso, biólogo e Doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela (1998), profesor do Departamento de Medicina da Universidade da Coruña.
Sinopse
Todo o que somos cada un de nós, o que percibimos, o noso "eu", as emocións cotiás, todo iso é unha construción elaborada por unha máquina que levamos dentro do cranio: o encéfalo. Aí dentro temos miles de millóns de células, as neuronas, que utilizan a electricidade para comunicarse entre elas e, dese xeito, crear a mente e a realidade. Como funciona esa máquina da mente? A onde vai o "eu" cando durmimos? Poden construírse máquinas artificiais que teñan mente?
Ademais de seguir a videoconferencia, tivemos a posibilidade de interaccionar a través de twitter co hashtag #cienciaengalego.