Saída didáctica de 1º e 2º de ESO: departamentos de CCSS e Relixión
Tivemos un día fantástico, un sol espléndido para disfrutar dunha andaina que nos amosou unha paisaxe fabulosa. Partimos de Broña por un sendeiro que nos levou primeiro ata o Requeixo desde onde uns alumnos/as explicaron aos seus compañeiros unha breve descrición xeomorfolóxica da península do Barbanza e da nosa ría. A continuación retomamos un fermoso sendeiro á beira do mar que nos levou ata o Freixo. A ría era un fervedeiro de actividade, centos de barcos berberecheiros salpicaban a auga e ata nós chegaban as voces das mariscadoras a pé que nos saudaban con ledicia mentres tiraban do rastro coa auga ata a cintura. Pero aínda nos agardaba unha sorpresa maior, un espectáculo: a chegada ao porto do Freixo das embarcacións que rematan ás 12 do día a súa faena, e se aproximan ao peirao en manobras rápidas e calculadas, cotiás para eles, sorprendentes para nós.
Na lonxa, a bióloga da Confraría regalounos unha explicación interesantísima sobre a riqueza marisqueira da nosa ría e o marisqueo da ameixa e o berberecho.
O departamento de Educación Físca colaborou na realización da marcha pola mañá e na toma de datos ca aplicación Oruxmaps para que quedara constancia da ruta que será incluída na guía que se está a elaborar no proxecto europeo Comenius Regio.
Despois de xantar, xogar, compartir... ás 15:30 fomos a un Varadoiro e coñecemos o traballo que se realiza alí. Ás 16:30 fomos visitar a igrexa de San Xoán de Sabardes: interesantísimo, xa que no século XII era un mosteiro de monxes Bieitos que no século XV pasaron a depender do mosteiro compostelán de San Martiño Pinario.
A verdade, disfrutamos moitísimo e tivemos a oportunidade de coñecer e coñecernos mellor.