Skip to Content

Receitas monstruosas de Infantil para o Samaín 2016

Entre as múltiples actividades que estamos a desenvolver dentro dos Plans Proxecta de Innovación Educativa nos que está a participar activamente o profesorado do noso centro, esta actividade concretamente enmárcase dentro do programa Aliméntate Ben de concienciación e posta en marcha de hábitos de vida e alimentación saudables.

Desta volta o alumnado de infantil animouse a festexar o Samaín meténdose de cheo coas mans na cociña e fixeron unhas receitas monstruosamente ricas e sans: monstruos de kiwi e de mazá, pantasmas de plátano, dedos de momia, cabaciñas de mandarina. E despois do duro traballo chegou a mellor parte, a degustación das nosas receitas.

Botádelle unha ollada ás fotografías que sacaron as mestras premendo nestas imaxes ou visitando a nosa galería de fotos.

  

Os cativos e cativas de infantil cantan e bailan no Auditorio de Galicia

O mércores 2 de novembro o alumnado de infantil de catro e cinco anos visitou o Auditorio de Galicia para participar dunha representación musical a cargo da compañía Pitusa Semifusa. Cantamos, bailamos e participamos no espectáculo ao tempo que compartimos experiencias cos nosos/as compañeiras/as á hora da merenda. 

As mestras tiraron unhas fotos para traer de recordo e poder lembrar os momentos máis significativos desta mañá vivida nas rúas de Compostela. Coma sempre podedes botarlle un ollo premendo nas imaxes ou visitando a nosa galería de fotos.

   

Samaín 2016

Un ano máis chegou o Samaín ao noso centro e con el as múltiples actividades organizadas, pensadas e postas en marcha arredor desta temática. Coma sempre contamos coa colaboración das familias de Infantil que unha vez máis non defraudaron e agasalláronnos cunha colección ampla de creatividade e cunhas cabazas que decoraron o corredor principal co colexio. O equipo de traballo da biblioteca tamén se sumou a estas actividades organizando o noso particular corredor do medo ateigado de pantasmas, morcegos, portas monstruosas e moitos libros sobre o Samaín. E os/as rapaces/as de terceiro de primaria puxeron a proba as súas habilidades culinarias e gastronómicas elaborando unha serie de receitas para celebrar esta festa.

Coma sempre, premendo nestas imaxes ou visitando a nosa galería de fotos, podedes ver canto aprenderon os/as nosos/as raparigos/as e que ben o pasaron.

    

Saída de outono ao río Gallo. 2016

Este venres 21 de outubro o alumnado de educación infantil fixo unha saída ao río Gallo como parte dunha das actividades do Proxecto Ríos, un dos Plans Proxecta de Innovación Educativa nos que está a participar o profesorado do noso centro. A saída consistía en facer unha camiñada pola vila de Cuntis ata a ribeira do río para facer unha pequena inspección do seu estado medioambiental, recoller mostras para traballar na aula, fotografiar as cousas que nos chamaran a atención para estudar detidamente na escola e compartir un momento na compaña dos nosos compañeiros/as de etapa tomando a merenda e xogando un chisquiño á beira do río da nosa contorna máis próxima.

As mestras que acompañaron aos cativos e cativas do noso centro fixeron unhas fotos para levar á escola e deixar testemuña dun día de traballo diferente aos demáis. Podedes botarlle un ollo premendo nestas imaxes ou visitando a nosa galería de fotos.

           

Obradoiro de Fotografía Social

O pasado martes 18 de outubro recibimos a visita do fotógrafo vigués Felipe Carnotto, que realizou no noso centro un obradoiro sobre fotografía social co alumnado de 3º e 4º ESO. Esta actividade organizouse en tres partes, primeiro proxectouse un documental realizado por unha estudante siria, co seu posterior debate; a continuación Felipe explicoulle e amosoulle o seu traballo como fotógrafo social en lugares en conflicto como Nicaragua e especialmente, Siria e os Balcanes. E finalmente, amosoulle, coa axuda da súa cámara, os principios básicos da fotografía, salientando que calquera de nós pode converterse nun fotógrafo social, nalgún momento da súa vida. En definitiva, foi moi enriquecedor coñecer unha experiencia vital tan interesante, que non deixou indiferente a ninguén.

Coma sempre, podedes botarlle un ollo ás fotografías que fixemos visitando a nosa galería de imaxes ou premendo en calquera destas.

                                

Os cativos de Cuntis mariscando na Illa de Arousa

Este xoves 13 de outubro o alumnado de terceiro de primaria realizou unha saída á Illa de Arousa dentro do marco das actividades do programa Aliméntate Ben que forman parte dos Plan Proxecta. A visita consistiu na baixada á praia para conversar e ver como traballaban as mariscadoras, nunha visita á lonxa para coñecer de primeira man os productos do mar que se venden e mercan e unha degustación deses productos mariñeiros que vimos como se recolleran nas praias pola mañá.

As mestras que acompañaron a estes cativos/as nesta aventura mariñeira sacaron unhas fotos para deixar constancia do moito que aprenderon e do moito que se divertiron; podedes velas visitando a nosa galería de fotos ou premendo dunha destas imaxes.

          

O Sabor da Aventura está no Mar. 2016

O luns 10 de outubro o alumnado de Infantil e terceiro e quinto de Primaria recibiron a visita da pandilla dos Arroases que trouxeron moitos xogos, historias, diversión e coñecementos sobre os alimentos que nos ofrece o noso mar. Todo o traballo deste obradoiro forma parte do programa Aliméntate Ben que forma parte do traballo de innovación educativa dos Plans Proxecta nos que estamos a participar o profesorado do centro.

Para ver as diferentes actividades que se desenvolveron cos distintos grupos de traballo podedes visitar a nosa galería de fotos ou premer en calquera destas imaxes.

    

FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO E AXUDAS PARA ADQUIRIR LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR para a ESO

De acordo coas instruccións da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Orde do Fondo Solidario de Libros de Texto e Axudas para Adquirir libros de texto e material escolar (Orde do 27 de abril de 2016- DOG do 16-05-2016) procedemos a facer público a todos os sectores da Comunidade Educativa a Listaxe definitiva de admitidos/as do Fondo Solidario de Libros de Texto para Educación Secundaria.(VÉXASE ARQUIVO ADXUNTO)

En breve, entregaránse os libros de texto asignados a cada alumno/a correspondente ao Fondo Solidario; tamén se fará entrega dos vales de axuda para adquirir libros de texto ( 1º e 2º de Primaria e 2º e 4º de secundaria) así como dos vales de axuda para material escolar.

 Ante calquera dúbida ou aclaración póñanse en contacto co centro.

REUNIÓN INFORMATIVA FAMILIAS EDUCACIÓN INFANTIL

O vindeiro xoves 8 de setembro, ás 12,30 horas, terá lugar no Salón de Usos Múltiples do noso centro a Reunión de Principio de curso para as familias do alumnado de Educación Infantil na que faremos a presentación do equipo docente e daremos conta de aspectos varios de interese para a escolarización dos nosos cativos e cativas.

 

FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO E AXUDAS PARA ADQUIRIR LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR

De acordo coas instruccións da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Orde do Fondo Solidario de Libros de Texto e Axudas para Adquirir libros de texto e material escolar (Orde do 27 de abril de 2016- DOG do 16-05-2016) procedemos a facer público a todos os sectores da Comunidade Educativa a Listaxe definitiva de admitidos/as do Fondo Solidario de Libros de Texto para Educación Primaria.(VÉXASE ARQUIVO ADXUNTO)

Seguindo as mesmas instrucións da Consellería e da Orde do Fondo Solidario informamos que as listaxes de Educación Secundaria de libros adxudicados e a orde de adxudicación definitiva non se farán públicas ata setembro.

Ao inicio do próximo curso, Setembro 2016, entregaránse os libros de texto asignados a cada alumno/a correspondente ao Fondo Solidario; tamén se fará entrega dos vales de axuda para adquirir libros de texto ( 1º e 2º de Primaria e 2º e 4º de secundaria) así como dos vales de axuda para material escolar.

 

 Ante calquera dúbida ou aclaración póñanse en contacto co centro.

Distribuir contido


by Dr. Radut