Skip to Content

O primeiro ciclo da ESO no teatro e na Cidade da Cultura

Este luns 23 de xaneiro os alumnos/as do primeiro ciclo da ESO foron a Santiago cos profesores de Inglés a ver unha representación da obra 'Merlin, the Wizard'. Aproveitaron a visita para visitar a biblioteca de 'Ánxel Casal' e a cidade da  cultura. 

         

CHARLA SOBRE OS REFUXIADOS DE SIRIA

Este xoves 19 de xaneiro o alumnado da ESO do noso centro tivo a oportunidade de desfrutar dunha das mellores clases dos últimos anos. Primeiro viron o documental "ASTRAL" de laSexta sobre a traxedia humanitaria dos refuxiados que tentan fuxir da guerra e morren no Mediterráneo sen que os gobernos europeos fagan nada.

E despois do vídeo introdutorio tivemos unha charla do veciño de Cuntis e ex-alumno do centro, Pablo Camino, que deixou sen fala e estremecido o alumnado ao contarlles a historia que el mesmo viviu na illa grega de Lesbos axudando a chegar a europa a bebés, nenos e nenas, mulleres e homes coma nós que foxen do horror da guerra.

Premede nas imaxes ou botádelle un ollo á nosa galería de fotos para ver algún dos momentos vividos nesta xornada.

          

VISITA A SOGAMA E A CIDADE DA CULTURA

Os alumn@s de 5º de primaria visitaron o martes 17 de xaneiro as instalacións de SOGAMA, a sociedade galega do medio ambiente en Cerceda, complexo ao que chega o lixo dos contedores amarelos e dos orgánicos de case toda Galicia. Pero alí non reciclan senón que separan os diferentes tipos de envases, latas e bricks e outras empresas reutilízanos para crear novos obxectos. Sabíades que con plástico reciclado pódese facer roupa?? O lixo orgánico, en cambio, queímano para producir enerxía e transformala en electricidade.

A saída non rematou aí xa que despois de comer visitamos a CIDADE DA CULTURA en Santiago de Compostela onde fixemos un percorrido pola exposición dedicada a Camilo José Cela, o gran escritor galego gañador do premio Nobel de literatura que no 2016 cumplíronse 100 anos do seu nacemento. Ademais da exposición, puxémonos na pel dun escritor a través do obradoiro "Cóntame un conto".

              

Obradoiro Pantallas Amigas

O alumnado de 6º de primaria e 1º,2º e 3º da ESO tivo hoxe unha charla impartida pola psicóloga Arrate Emaldi da Asociación Pantallas Amigas na que lles ensinou como deben protexerse nas redes sociais, en qué consiste a ciberviolencia e sobre todo como actuar ante os casos de ciberviolencia de xénero. A actividade foi promovida polo departamento de orientación e a comisión de convivencia, xa que contribúe na sensibilización  do alumnado contra o acoso escolar. Contamos tamén coa colaboración dos servizos sociais. Agora agardamos que o alumnado poña en práctica todo o aprendido.

Podedes botarlle un ollo ás fotos que sacamos premendo nestas imaxes ou visitando a nosa galería de fotos.

    

Na procura dunha mascota para a biblioteca

Dende o equipo de traballo da nosa biblioteca estamos a facer moitas actividades de animación á lectura e dinamización da biblioteca, e entre elas está a Procura dunha Mascota que nos guíe, anime e axude a coñecer e desfrutar de todos os recursos cos que contamos nela. Grazas a todos e todas os alumnos/as que vos animastes a participar e a todas as familias que vos prestastes coma sempre a botarlles unha man creativa.

Na corredor principal do colexio teremos expostas todas as propostas recibidas e, coma sempre, podedes facernos unha visita en persoa ou de xeito virtual premendo nunha destas imaxes.     

Exposición de Fotografía Social "Imaxes con Fondo"

Desde esta semana e até o 24 de xaneiro teremos instalada no corredor central do centro unha interesante EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍA SOCIAL titulada IMAXES CON FONDO (Concurso de fotografía que fará ver o mundo con outros ollos) que é froito dun concurso promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

A presenza desta exposición no colexio cómpre agradecerlla ao Departamento de Servizos Sociais do Concello de Cuntis por facilitárnola.

Non esquezades que podedes visitala, en horario escolar, todas as persoas interesadas que o desexedes e para que vos fagades unha pequena idea aquí vos deixamos unhas mostras.

         

 

ARTIGO SOBRE O TRABALLO DE INNOVACIÓN EDUCATIVA NA REVISTA GALEGA DO ENSINO

Desde a Revista Galega do Ensino pedíronnos que escribiramos sobre a INNOVACIÓN EDUCATIVA que estamos desenvolvendo no noso centro a partir dos programas do Plan Proxecta co obxectivo de este intenso labor poida servir de exemplo a seguir por outros centros ou docentes.

Podedes ler o artigo neste enlace: http://www.edu.xunta.es/…/p…/innovacion-educativa-como-norma

                                                             

O rapaces e rapazas de 6º de Infantil plantan narcisos

Os rapaces e rapazas de sexto de infantil estiveron prantando e coidando unhas macetiñas con narcisos durante o primeiro trimestre; tan ben as estiveron coidando que a maioría xa botaron flor e xa as están levando para a casa.

Velaquí tendes algunhas fotos que sacamos sobre a prantación ou podedes visitar a nosa galería de imaxes.

              

Festival de Decembro 2016.

Un ano máis chegou Decembro e con el o tan esperado Festival do noso colexio onde os nosos rapaces e rapazas nos amosan que grandes artistas temos en Cuntis. Ademáis das actuacións, das fotos do festival e co Apalpador no corredor principal, tamén podedes ver a entrega de premios que fixemos para agasallar ao alumnado que participou activamente no Mes da Ciencia e coa Aociación Avanzar.

Moitas grazas a todos e todas que fixestes posible este remate de trimestre tan bo e vémonos prontiño despois do Nadal.

   

     FOTOS FESTIVAL                                        VIDEOS ACTUACIÓNS                             FOTOS APALPADOR

BO NADAL E FELIZ ANO NOVO 2017

VISITA DA PRESIDENTA DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Esta mañá visitou as obras realizadas no centro (reparación do patio e dos paseos de acceso ao centro) con orzamento da Deputación Pontevedra a súa presidenta Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Cuntis, a Concelleira de Servizos socias e a presidenta da Anpa Obaño. Aproveitamos a ocasión para solicitarlle a realización de outras obras necesarias para o colexio.

Así mesmo, a presidenta da Deputación de Pontevedra quixo parabenizar persoalmente ao alumnado e ao profesorado polo PRIMEIRO PREMIO DE Telearqueoloxía que organiza a institución que preside a través do Museo de Pontevedra.

 

     

 

                                                                                                                                                                         

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut