CARTA ABERTA Á COMUNIDADE EDUCATIVA DO CPI AS MIRANDAS
O Equipo Directivo do Centro Público Integrado “As Mirandas” de Ares (A Coruña) quere informar a toda a comunidade educativa do centro dos seguintes feitos ocorridos no inicio do presente curso escolar 2018-19:
A Orde do 12 de agosto de 2010 pola que se establecen o número de unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos nos niveis de educación infantil, primaria e educación especial (DOG 23/08/2010) establece o número de unidades e de postos de traballo docentes que corresponde prover polas funcionarias e funcionarios do corpo de mestres e mestras no noso centro. Segundo esta lexislación correspóndenlle ao CPI “Conde de Fenosa” (agora CPI As Mirandas) os seguintes postos de traballo:
ESPECIALIDADES
|
UNIDADES
|
POSTOS TRABALLO
|
Educación Infantil
|
6
|
8
|
Educación primaria
|
12
|
11
|
Filoloxía Inglesa
|
-
|
2
|
Filoloxía Francesa
|
-
|
1
|
Educación Musical
|
-
|
1
|
Educación Física
|
-
|
2
|
Pedagoxía terapéutica
|
-
|
1
|
Audición e Linguaxe
|
-
|
1
|
TOTAL
|
18
|
27
|
Dende a publicación destas normas non houbo ningunha modificación que afectara ao número de postos de traballo deste centro, polo que actualmente conta oficialmente cos mesmos postos que nese momento. Ata este curso o centro sempre tivo o persoal docente establecido nestas disposicións legais curso tras curso.
Ao inicio do presente curso escolar 2018-19 a Inspección Educativa decidiu xuntar os dous grupos de alumnado de 1º de Primaria nun só con 22 alumnos/as e deixar sen nomear o mestre ou mestra correspondente. Aínda que esta medida é prexudicial para o centro en xeral, aceptouse con normalidade xa que estaba dentro da legalidade, pois a ratio de alumnado por clase é de 25 alumnos/as.
Pero a sorpresa foi que tamén decidiron non cubrir a vacante por xubilación producida en Educación Infantil, deixando ao centro cun mestre/a menos nesta etapa educativa, a pesar de aumentar significativamente o alumnado, pois pasouse de 79 a 94, dos cales 36 son de 4º de Infantil (3 anos) cos problemas de adaptación propios desta idade.
Esta medida supón unha importante perda para o alumnado desta etapa educativa, pois supón privalo da axuda dun mestre/a durante todo este curso e probablemente nos cursos sucesivos. De especial importancia é esta perda para os nenos e nenas de 3 anos, pois necesitan unha atención especial debido á súa curta idade e a novidade que para eles/as supón o inicio da escola.
Ademais esta medida supón un incumprimento da lei por parte das autoridades educativas, como xa se explicou antes, co único fin de aforrar uns poucos euros, sen importarlles o máis mínimo a calidade do ensino “público”.
Ante esta situación o centro reclamou ante todas as instancias posibles e de diferentes xeitos, tal e como a continuación se expón:
- Comunicou o feito ao Claustro de profesores e ao Consello Escolar do centro. Ambos órganos colexiados decidiron enviar un escrito de protesta ante as autoridades educativas correspondentes, o cal se levou a cabo pola Dirección sen ningún resultado positivo.
- Reclamouse varias veces ante a Inspección educativa, de palabra e por escrito, pero o Inspector de zona di que é unha orde superior e que el non pode facer nada e o Inspector Xefe e Xefatura Territorial dan a calada por resposta. Primeiro alegaban que era porque non se superaba a media de 15 alumnos por grupo, logo cando se superaron dixeron que eran 20, pero estes números son aleatorios, pois non existe ningunha norma ni disposición onde apareza nada disto.
- Tamén se informou aos sindicatos representativos no sector do ensino. Fixéronse eco do tema e dixeron que o ían levar á mesa sectorial. Alí parece que lles dixeron que “non nos queixamos que en Ares estabamos bastante ben”. Tampouco houbo máis medidas ou polo menos a nós non nos comunicaron nada máis.
- Ademais comunicouse aos partidos políticos con representación municipal que se interesaron polo tema en principio:
-
O BNG do Concello de Ares solicitou á Dirección información sobre esta demanda, divulgou a través da rede un vídeo coa reclamación desta praza e solicitou unha xuntanza de voceiros do Concello de Ares. Sabemos, tal como nos comunicaron algúns dos voceiros presentes, que decidiron que esta reclamación non era da súa competencia, pero que apoiarían as reclamacións do centro (ata o momento non temos constancia oficial deste acordo).
-
O grupo “En Marea” presentou unha pregunta no Parlamento de Galicia sobre o tema, pero aínda non se contestou, e tampouco houbo outras novidades salientables.
- A ANPA do centro tamén manifestou o seu apoio ás reivindicacións do centro, pero sen ningunha medida efectiva pola súa parte.
- Tamén houbo contactos con outros centros de Ferrolterra que teñen situacións parecidas e elaborouse un documento conxunto para enviar á Consellería de Educación, tamén sen ningunha contestación ata este momento.
- Por último mandouse unha nota informativa a todas as familias do alumnado de Educación Infantil e tampouco apreciamos ningunha reacción pola súa parte.
Enviáronse varias notas á prensa e a radio e publicouse o asunto nas redes sociais, polo que pensamos que todo o mundo está máis ou menos informado da problemática creada, pero os resultados son que seguimos na mesma situación.
Ante a falta de resposta positiva, este Equipo Directivo séntese sen máis argumentos para seguir loitando por ese mestre/a que legalmente nos corresponde, aínda que seguirá coas súas reclamacións, polo que pon o tema nas mans da comunidade educativa de Ares, para que cada quen de vós estea informado, valore a situación e tome as decisións que considere oportunas para seguir loitando pola calidade do ensino público, en xeral, e pola excelencia do noso centro educativo, en particular.
Un atento saúdo.
O EQUIPO DIRECTIVO