Novidades

INAUGURACIÓN DA BIBLIOTECA VIRTUAL NO DÍA DAS BIBLIOTECAS

Tagged:  

Desde 1997 celébrase o 24 de outubro o Día das Bibliotecas.

"A edición deste ano, baixo o lema 'Bibliotecas, sempre ao teu carón' céntrase en destacar o importante papel que xogan as bibliotecas ofrecendo acceso á cultura, ao coñecemento e ao entretemento en calquera lugar e circunstancia"

A nosa Biblioteca quérese sumar a este lema e  seguir ofertando servizos aínda que a realidade que nos toque vivir sexa moi complexa. Para isto sacamos a biblioteca dos límites do seu edificio e creamos esta Biblioteca virtual, coa que poderedes acceder a unha variada serie de recursos. 

Por suposto, a Biblioteca é un servizo vivo para toda a comunidade educativa, polo que vos convidamos a que nos fagades chegar máis recursos que iremos engadindo. 

Feliz día e boas lecturas!

 

MARCAPÁXINAS E CARTEIS DAS LETRAS GALEGAS

Tagged:  

Ola!

Desde a Biblioteca queremos darlle as grazas a tod@s @s que nos enviastes estas creacións tan fabulosas de marcapáxinas e carteis para celebrar este 17 de maio. Podédelas ver no arquivo de abaixo.


Disfrutádeas!

DÍA DO LIBRO NO CONFINAMENTO

Tagged:  

Ola a tod@s!

Velaquí tedes unha recopilación do material que nos enviastes para celebrar o Día do Libro. Se aínda non fixeches a túa aportación non te preocupes, aínda estás a tempo, iremos engadindo máis segundo as vaiamos recibindo.

Moitas grazas pola vosa participación!

Disfrutádeas!

 


DÍA DO LIBRO EN CONFINAMENTO

Tagged:  

Ola a tod@s!


Como sabedes, o 23 de abril é o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor e aínda que este ano toca celebralo en confinamento, non por iso ten que ser un día menos especial. Non hai máis que ler esta bonita reflexión do escritor, xornalista e divulgador da cultura de Galicia, Manuel Gago:

 

 

Como é ben certo que os libros nos falan distinto a cada un de nós e en vista de que non é posible abrir a biblioteca para que levedes as nosas recomendacións, propoñémosvos que compartades con nós eses libros que vos acompañan nesta corentena.


Para iso queremos que nos fagades chegar as vosas lecturas favoritas nun pequeno vídeo onde nos ensinedes a portada do libro, nos digades o título e o autor/a e nos leades as primeiras liñas (ou o primeiro poema se é de poesía). Non é necesario que saiades vós completos, podedes enfocar o libro sen máis.


Por suposto, se non é posible gravar un vídeo, unha gravación de audio tamén será ben recibida.


Enviade as vosas propostas ao correo da biblio: bibliotecaforte@gmail.com ao longo desta semana (ata o venres 24 de abril).


Animádevos a participar, estades tod@s convidados!

 

HOMENAXE A XOSÉ NEIRA VILAS

Tagged:  

Compartimos con vós o vídeo elaborado polo Equipo de Dinamización da Biblioteca no que o alumnado de 1º de ESO lle rende homenaxe ao noso querido Xosé Neira Vilas realizando unha lectura dramatizada do seu relato Pantasmas, incluído na obra Cartas a Lelo, co gallo da celebración do Samaín.

Agradecemos a inestimable colaboración de Carme Pereira, profesora do Departamento de Lingua Galega, e esperamos que apreciedes este pequeno xesto co que queremos lembrar a un dos autores galegos máis importantes de todos os tempos.

DÍA DAS LETRAS GALEGAS NA BIBLIOTECA

Tagged:  

Ola a tod@s!

Estase achegando o Día das Letras Galegas e desde a Biblioteca queremos propoñervos un montón de actividades para que disfrutedes destes días.

Como aperitivo deixamos este tráiler sobre a figura do autor homenaxeado este ano, Ricardo Carvalho Calero e convidámosvos a elaborar un cartel ou un marcapáxinas sobre o autor e a súa obra para facer unha exposición virtual.

Debe ter unha imaxe relacionada co autor ou coa súa obra (imaxes do autor, caricaturas, portadas dos libros, imaxes que teñan que ver con algunha das súas obras...) e unha frase ao pe relacionada coa imaxe escollida.

Tanto o cartel coma o marcapáxinas pode estar elaborado en formato dixital (por exemplo elaborándoo coa aplicación "Canva" ou con outras semellantes) ou en papel empregando calquera tipo de técnica, sede creativ@s!

Cando o rematedes só tedes que enviar o arquivo dixital ou unha fotografía do resultado ao correo da biblioteca: bibliotecaforte@gmail.com e nós encargarémonos de montar a exposición.

Calquera membro da comunidade educativa pode facer a súa aportación. Animádevos, tedes ata o venres 22 de maio!

Podedes consultar o resto de actividades no noso blog: https://bibliofortexnvilas.blogspot.com/

Bo Día das Letras Galegas!

MALETAS VIAXEIRAS DA IGUALDADE

Tagged:  

Chegaron ao noso centro as "Maletas viaxeiras da Igualdade", cargadiñas de material que estará á disposición da comunidade educativa durante un tempo limitado.

Podedes consultalo no expositor situado na entrada da nosa Biblioteca, no edificio de Secundaria e, se vos interesa levar prestado algún libro durante 15 días, non tedes máis que falar coa persoa encargada da Biblioteca.

Lembrade que o tempo para utilizar este material é limitado, xa que o 12 de febreiro as maletas deben marchar do noso CPI para continuar a súa viaxe.

SAMAGOSTO E MES DE NEIRA VILAS

Tagged:  

Logo de tantos días de mal tempo por fin puidemos celebrar o Samagosto o día 13 de novembro. Ademais de degustar as castañas, morremos de medo coas historias que o alumnado de 2º e 3º de ESO preparou coa terrorífica ambientación do alumnado de 4º de ESO que cursa Música, baixo a coordinación do Equipo da Biblioteca. Esperamos que o desfrutásedes!

Ademais, desde a biblio dedicamos este mes á figura de Neira Vilas, ao que lembramos con gran cariño. Poderedes ver exposicións sobre a súa obra tanto en Primaria coma en Secundaria, como podedes ver no blog:http://bibliofortexnvilas.blogspot.com/2019/11/a-mal-tempo-boas-lecturas.html

Tamén queremos compartir con vós este vídeo dunha das últimas visitas que nos fixo Neira Vilas na Semana Cultural do curso 2013-14, cando lle demos o seu nome á nosa Biblioteca. 

 

CELEBRAMOS O DÍA DA BIBLIOTECA

Tagged:  

Co gallo do Día das Bibliotecas, este ano o alumnado colaborador da Biblioteca decidiu investigar os gustos e hábitos lectores da comunidade educativa. O resultado, tédelo neste fantástico vídeo:

Ademais tivemos agasallos e o alumnado de 1º de ESO realizou unha Escape Room, que rematou por poucos segundos!!

AMBIENTANDO A BIBLIOTECA PARA O ENTROIDO

Tagged:  

Achégase o Entroido e desde a Biblioteca queremos pedir a vosa colaboración para crear ambiente. Pedímosvos que elaboredes algún gorro relacionado coa temática dos Xenerais da Ulla e o entreguedes na Biblio, onde os expoñeremos durante estas semanas.

Algúns alumn@s de 1º de ESO xa se puxeron mans á obra, así que vos deixamos unha mostra para darvos inspiración.

Animádevos!!

 

Celebramos o 14 de febreiro na Biblioteca

Tagged:  
Desde as lupercais pasando por San Valentín, o amor está presente en todas as facetas da nosa vida. Que mellor para representar algo tan abstracto que a música e/ou a poesía! 
Na Biblioteca queremos adicar estes días a poñer banda sonora e poética ao día máis romántico do ano. Facede a vosa contribución escollendo unha canción de amor ou unha poesía que consideredes apropiada para o momento e incluídea no muro que se xunta. Simplemente tedes que facer doble click e abrirase un post onde poderedes escribir e engadir a ligazón a un vídeo, unha imaxe ou unha páxina web se o precisades. Por suposto podedes incluír o motivo da escolla e/ou o voso nome pero non é necesario.
Animádevos a participar, estades tod@s convidad@s!!!

Hecho con Padlet
Distribuir contido


Feito con Drupal (ver. 6.28)

 


Proxecto Webs dinámicas

Xunta de Galicia - Consellería de Educación, 2013