Complementarias

"MERCADIÑO DO LIBRO" 18 e 19 de abril de 2023.

  Para conmemorar o "Día do libro" organizamos, por segundo ano consecutivo, o noso "Mercadiño do libro".

  Coa intención de darlle unha segunda vida a aqueles libros que estaban esquecidos nos estantes das nosas casas, trouxémolos ao centro a cambio de "billetes de Rosalía" cos que poder mercar outros libros achegados por outras familias no noso mercadiño.

  A actividade acadou unha grande participación e esperamos darlle continuidade en vindeiros anos.

OBRADOIROS DE EDUCACIÓN EMOCIONAL PARA TODO O ALUMNADO ORGANIZADOS POLA ANPA. (14 - 04 - 2021).

   A psicóloga Esther Mariño (clínica Nós) desenvolveu, na xornada do venres, obradoiros de educación emocional orientados ás diferentes idades do noso alumnado.

   A través de distendidas conversas e actividades dinámicas achegámonos ás emocións e traballamos algunhas técnicas para o autocontrol e a resolución de conflitos.

   Na imaxe pódese ver ao alumnado de infantil practicando a técnica da tartaruga.

   Foi unha xornada moi interesante e produtiva. Grazas!

FESTA DE ENTROIDO E QUEIMA DO MECO (17 - 02 - 2023).

  O último da semana tivemos no cole a nosa festa de Entroido. Grazas ao bo tempo puidemos empregar as novas instalacións deportivas como pista de xogo e baile.

  Puxemos os disfraces que máis nos gustaban e aproveitamos a zona de terra colindante para levar a cabo a tradicional "queima do Meco".

  O alumnado de 5º e 6º co deseño deste Meco, quixo levar a cabo unha crítica á realización do mundial de fútbol en Qatar, un país que (entre outras cousas) non recoñece os dereitos das mulleres nin das persoas pertencentes ao do colectivo LGTBIQ+


MALETA VIAXEIRA DE BANDA DESEÑADA (09 - 02 - 2023)

  Chegou ao noso cole unha nova "Maleta viaxeira" desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares. Teremos esta ampla variedade de libros de banda deseñada ata o remate deste mes para disfrutar dela na "Hora de ler".

 

DAN COMEZO OS RETOS DO GALIÑEIRO (03 - 02 - 2023)

  Dende a biblioteca escolar poñemos en marcha "Os retos do galiñeiro". Trátase dunha actividade para fomentar a observación, a investigación, a procura de información e o desenvolvemento do pensamento lóxico; empregando os recursos que a nosa biblioteca ofrece, pero tamén a solidaridade, a empatía e o respecto mutuo.

  De xeito periódico,  a nosa mascota, o morcego Plata, porá a disposición do alumnado diferentes retos adaptados ás diferentes idades do noso alumnado, tendo como fío condutor o noso galiñeiro. Proporá retos matemáticos, lingüísticos, de observación, de procura de información e emprego do pensamento científico que poderán resolver, de xeito voluntario, nos tempos de lecer.

  Inspirado na metodoloxía da plataforma on-line ClassDojo para estimular e motivar ao alumnado, a resolución dos diferentes retos comportará a consecución de "gali-puntos" que darán acceso a diferentes recompensas.

 

 

 

 

"DÍA DA PAZ" Os nenos "Talibé" do Senegal. (30 - 01 - 2023)

  No día de hoxe, Miguel e Alfonso, da ONG de Sarria "Hospitaleiros sen  fronteiras" achegáronse ao noso centro para falarnos dos nenos "Talibé" do Senegal e contarnos a súa experiencia solidaria nese país.

  Trátase dunha pequena organización de Sarria na que as persoas que a forman, de xeito voluntario, empregan tempo e traballo para poder levar a estes nenos axuda en forma de alimentos, roupa, calzado ou material escolar.

  Moitas grazas pola vosa visita e por amosarnos unha realidade tan diferente á nosa!

DÍA EN CONTRA DA VIOLENCIA DE XÉNERO. (25 - 11 - 2022).

   O 25 de novembro conmemórase o "Día en contra da violencia de xénero".

   Nesta ocasión colaboramos coa campaña da biblioteca municipal de colocar lazos morados en diferentes lugares de Bóveda.

   Velaquí os nosos lazos co lema decidido por cada aula.

V ANDAINA ESCOLAR POLO CAMIÑO DE INVERNO (10 - 11 - 2022).

  O xoves 10 de novembro participamos na "V andaina escolar polo camiño de inverno" convidados pola "Asociación camiños de Santiago pola Ribeira Sacra".

  Saímos do centro ás 10:15 horas para chegar ao punto de encontro no local social de Reigada en Monforte de Lemos dende onde o alumnado de Primaria realizou o tramo de camiño que leva ata o parque dos Condes. Ata alí tamén se desprazou camiñando o alumnado de Infantil facendo un percorrido máis pequeno que comezaba no Campo da Virxe.

  Foi unha xornada moi animada que puidemos compartir con outros nenos e nenas dos centros escolares da nosa contorna.

MAGOSTO E SAMAÍN NO NOSO COLE. (28 - 10 - 2022).

  Este venres tivemos dúas celebracións no noso cole:

  Primeiro foi a festa de Samaín que se levou a cabo no ximnasio. Baixando as escaleiras adentrámonos no fabuloso túnel do terror e comezou a nosa sesión de xogos.

  Xogos con castañas, con globos e xogos de pistas ocuparon boa parte da mañá. Despois de moito correr e saltar subimos ao pavillón onde Martín (pai de Maia) e Carlos (pai de Dylan e Daniela) nos prepararon un rico magosto no tambor.

  Foi unha xornada estupenda chea de risas e diversión, lástima que a auga non nos permitiu repartir as nosas cabazas polos cruces de camiños de Bóveda nin levarllas ata a residencia Domus VI (seguro que algo se nos ocurrirá para solucionalo.)

 

 

Distribuir contido