"I eres a estrela que brila, i eres o vento que zoa. Si cantan, es ti que cantas..." Rosalía de Castro
blogue deNoelia
"O NOSO GALIÑEIRO" Proxecto finalista para a IX beca das fundacións María José Jove e INGADA. (20 - 06 - 2023).
Enviado por Noelia o Xov, 22/06/2023 - 10:27Este pasado 20 de xuño, tivo lugar o acto de entrega da IX beca da fundación María José Jove e INGADA (Instituto Galego do TDAH e trastornos asociados) resultado dos traballos presentados no Curso de Formación de Profesorado en relación co Alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) que foi impartido en toda Galicia co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.
Un destes traballos foi presentado polo noso centro "O NOSO GALIÑEIRO. APRENDENDO A XESTIONAR A ECO-GRANXA ESCOLAR" e resultou un dos tres finalistas para optar á beca de 3.000 euros que ambas entidades ofrecían.
O noso proxecto non resultou gañador pero despertou moito interese na fundación INGADA polo que manifestaron o seu desexo de poñerse en contacto con nós para o vindeiro curso escolar coa idea de estudar o cofinanciamento do mesmo.
Esperamos con interese esta chamada mentres seguimos traballando por unha educación inclusiva en comunidade!
RECICLANDO PAPEL E FOMENTANDO A CONVIVENCIA NO DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE (05 - 06 - 2023).
Enviado por Noelia o Lun, 05/06/2023 - 20:12Este 5 de xuño, "Día mundial do medio ambiente", celebramos no noso centro un obradoiro de papel reciclado.
Despois dunha semana de preparación recollendo o papel usado, clasificando, picando e batendo para facer unha pasta base; por fin chegou o momento de elaborar as nosas láminas.
Quixemos facelo en comunidade, convidando ás familias a participar pero tamén aos nosos veciños e veciñas da residencia de persoas con discapacidade "Domus VI".
Un grupo de usuarios e usuarias xunto coa educadora e a animadora sociocultural achegáronse ata o noso centro e compartiron coa comunidade educativa do Rosalía de Castro unha mañá de traballo colaborativo e experiencias creativas.
Moitas grazas a todas as persoas que colaborastes para que este obradoiro saise adiante! Sodes xeniais!
O CEIP ROSALÍA DE CASTRO COLABORA CO MERCADIÑO SOLIDARIO DE "HOSPITALEIROS SEN FRONTEIRAS" EN SARRIA (sábado 3 de xuño).
Enviado por Noelia o Xov, 01/06/2023 - 21:54Esta pasada fin de semana, entregamos á ONG "Hospitaleiros sen fronteiras" a recadación que o alumnado xuntou coas "tomateiras solidarias".
Dende a organización transmitíronnos o seu agradecemento pola xenerosidade das familias de Bóveda e o bo traballo das nenas e dos nenos sementando e coidando as plantiñas que se venderon tan ben.
Pero a colaboración non queda aquí: o vindeiro sábado día 3 de xuño, a ONG celebra en Sarria o segundo mercadiño solidario en favor dos nenos Talibé do Senegal. Nesta ocasión o noso cole colabora con bisutería elaborada nos tempos de lecer no "recanto creativo" da nosa biblioteca escolar.
Haberá obradoiros, actividades e actuacións dende as 12:00 h. ata as 21:00 h. Animádevos a ir!
VEÑEN ALBA (NAI DE CARLOTA) E PABLO PARA REFACER A NOSA ESPANTALLA. (31 - 05 - 2023).
Enviado por Noelia o Xov, 01/06/2023 - 21:36O alumnado de Infantil dedicou o día a renovar o espantallo do noso horto escolar.
Nesta ocasión trátase dunha espantalla chamada Alba que a nai de Carlota máis Pablo viñeron para axudarnos a facela. Quedou fermosa cos seus pelos de cores e a súa cariña ben feita!
Moitas grazas por vir ao cole e pasar o día con nós!
A MÚSICA DE RAÍZ NA ESCOLA. Fundación LEGAR. (26 - 05 - 2023).
Enviado por Noelia o Sáb, 27/05/2023 - 20:11Este venres tivemos a visita de Xavier Blanco e Martina Ferradás da FUNDACIÓN LEGAR PARA A PRESERVACIÓN DA MÚSICA DE RAÍZ, dentro do proxecto "A música de raíz na escola".
Pretenden dar a coñecer a variedade instrumental e cultural da música de raíz galega, fomentando o uso da nosa lingua e dende unha perspectiva pedagóxica aberta, amena e creativa.
Resultou unha actividade moi interesante da que participamos cantando e bailando.
Moitas grazas por vir!
MALETA VIAXEIRA DE "BIBLIOTECA CREATIVA" (22 - 5 - 2023).
Enviado por Noelia o Xov, 25/05/2023 - 08:53Chegou ao noso centro a maleta da Asesoría de biblioteca escolares que solicitamos para este último trimestre. Trátase dun surtido de libros e xogos de "Biblioteca creativa" que poderemos gozar ata finais de curso.
"CONTO EN FAMILIA". Almudena, nai de Sofía, veu interpretar para nós "Pepiño Cebola". (19 - 5 - 2023).
Enviado por Noelia o Dom, 21/05/2023 - 13:30E nesta ocasión gozamos dun conto representado.
Almudena, nai de Sofía, achegounos a historia de "Pepiño Cebola" de Sandra Alonso, un neno moi ben abrigadiño con tantas capas de roupa como unha cebola.
Moitas grazas por vir! Encantounos!
CONMEMORANDO AS "LETRAS GALEGAS" A CARÓN DO RÍO. (19 - 5 - 2023).
Enviado por Noelia o Dom, 21/05/2023 - 13:23Cúmprense 60 anos da creación da conmemoración do "Día das Letras Galegas" que este ano se dedican a Francisco Fernández del Riego.
A existencia desta festividade debémoslla a este escritor nacido en Lourenzá, galeguista, estudososo e amante das nosas tradicións e cultura.
A nosa pequena homenaxe a Francisco Fernández del Riego fixémola moi preto do cole, a carón do río, visitando o muíño dos Fernández (recentemente rehabilitado), lendo textos do autor deste ano e levando nas nosas mans a todos os escritores e escritoras que foron homenaxeados neste día das nosas letras.
RÚA FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO. Función teatral na casa da cultura de Bóveda. (15 - 5 - 2023).
Enviado por Noelia o Lun, 15/05/2023 - 19:35Esta tarde, xunto con usuarios da residencia "Domus VI", puidemos disfrutar da función teatral "Rúa Francisco Fernández del Riego" organizada dende a biblioteca municipal de Bóveda.
Dun xeito ameno e divertido, achegámonos á figura do autor homenaxeado no "Día das Letras Galegas" deste ano, coñecendo diversas facetas da súa vida.
Moitas grazas por convidarnos a asistir a este espectáculo!
"CONTO EN FAMILIA". Actuación dos "Nickis" na nosa biblioteca. (12 - 5 - 2023).
Enviado por Noelia o Dom, 14/05/2023 - 10:38Nesta terceira edición de "Conto en familia", Verónica e Martín (nai e pai de Maia) viñeron acompañados de María, Jesús e Azul para levarnos a dar unha volta ao mundo musical.
Con temas de Brasil, Australia, Cuba, Italia e Galicia; asistimos a un divertido espectáculo que rematou bailando todos e todas nun tren polos corredores. Foi divertidísimo!!
Moitas grazas por vir! Sodes xeniais!!
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- …
- seguinte ›
- última »
![RSS - blogue deNoelia Distribuir contido](/centros/ceiprosaliaboveda/misc/feed.png)