blogue deNoelia

VISITA AO ECOMUSEO ARXERIZ (22 - 06 - 2022).

E para rematar o curso, subvencionada pola A.N.P.A., o alumnado do centro realizou unha excursión ao Pazo de Arxeriz no Concello de O Saviñao.

Da man de Sonia, a nosa guía, fomos percorrendo as diferentes estancias, observando todo o que alí había exposto e aprendendo moito do noso pasado e das nosas tradicións. Despois da visita, puidemos merendar nos fermosos xardíns, correr, xogar e camiñar ata o castro que se atopa nas mesmas terras do pazo.

Para rematar a excursión fomos comer á praia fluvial da Cova aínda que a climatoloxía non nos permitiu bañarnos.

Un fantástico día para compartir con todos e todas e despedir este curso que hoxe remata!

Ata setembro rapazas e rapaces!

Feliz verán!!

A OLERÍA TRADICIONAL DE GUNDIVÓS NO NOSO COLE. (21 - 06 - 2022).

Elías, un dos oleiros que conserva este tradicional oficio en Gundivós, visitou o noso centro para levar a cabo un obradoiro de alfarería con todo o alumnado.

A ANPA do colexio agasallounos con esta actividade onde nenos e nenas puideron coñecer de primeira man todo o proceso para converter o barro nun obxecto útil á vez que fermoso.

Moitas grazas Elías por facernos partícipes da túa arte e por regalarnos ese fantástico libro para a  nosa biblioteca escolar!

 

OBRADOIRO DE GRAFITI CO ALUMNADO DE 3º, 4º, 5º E 6º DE PRIMARIA. (16 - 06 - 2022).

Aínda que os ovos que puxemos na incubadora decidiron non nacer, nós non deixaremos de intentalo para o curso que vén.

Mentres tanto seguimos a preparar o espazo para as nosas futuras pitas.

Hoxe, organizado pola A.N.P.A., o alumnado máis grande do centro asistiu a un obradoiro de "grafiti" a cargo de Rubén de "Trecetrazos" no que decoraron a parede do noso galiñeiro.

Quedouvos de marabilla!!

OBRADOIRO DE PINTURA CO ALUMNADO DE INFANTIL, PRIMEIRO E SEGUNDO DE PRIMARIA. (16 - 06 - 2022).

As nenas e os nenos de 3 a 8 anos do noso cole, asistiron a un obradoiro de pintura a cargo de Ana e Alba,  onde traballaron coas cores primarias e realizaron diferentes deseños con mesturas de cores e formas.

Moitas grazas a A.N.P.A. por agasallarnos con esta actividade!

NACERON AS BOLBORETAS NO COLE. (PAPILIO MACHAON) 13 - 06 - 2022.

Hai varias semanas que dúas eirugas de "Papilio Machaon" (unha das variedades de bolboreta máis grandes que existen nestas latitudes)  viñeron a visitarnos á escola. Estivemos coidando delas, alimentándoas e observando como realizaban a súa transformación en crisálida.

Despois desta fin de semana atopámonos coa sorpresa de que xa naceran.

Levámolas por todas as aulas do colexio e saimos ao patio todos e todas para poñelas en liberdade e devolvelas á natureza.

Ata pronto bolboretiñas!!!

COLLEITA DE CHÍCHAROS NO HORTO ESCOLAR (9 - 6 - 2022).

O alumnado de Infantil, primeiro e segundo de Primaria foi ao horto a recoller os chícharos.

En primeiro lugar houbo que sacar todas as plantas, despois escollemos as vaíñas e por último bullamos a colleita para levarlle á nosa cociñeira Silvia.

Estamos desexando probalos!

 

 

 

"TOUPICIENCIA SHOW" NA BIBLIOTECA ESCOLAR. (3 - 6 - 2022).

Mañá de Ciencia na nosa biblioteca por xentileza do Consorcio Editorial Galego!

As nenas e os nenos de Infantil, 1º e 2º de Primaria asistiron hoxe ao espectáculo "Toupiciencia Show" na biblioteca escolar.

A toupiña científica xunto con Petronio, o seu axudante, achegaron a Ciencia aos nosos nenos e nenas dun xeito moi divertido.

Pasámolo de marabilla cos seus experimentos!

Moitas grazas por agasallarnos con esta actividade!

 

A GARDA CIVIL VISITA O NOSO COLE. (2 - 6 - 2022).

O alumnado de 5º e 6º de Primaria recibiu unha charla sobre o acoso escolar, enmarcada dentro do "Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos centros educativos e a súa Contorna" " que, nas zonas rurais, desenvolve a Garda Civil.

Na aula de Infantil tiveron a visita de David (o pai de Anxo e David) quen veu co seu compañeiro a explicarnos en que consiste o seu traballo. Responderon a todas as súas preguntas e foron da man dos máis pequeniños coñecer a horta e o galiñeiro.

Tamén viñeron axentes do SEPRONA e todas as nenas e nenos do colexio puideron baixar a ver os diferentes vehículos oficiais que nos amosaron así como o seu equipamento.

Moitas grazas por vir vernos e ensinarnos tantas cousas!

VISITAMOS A BIBLIOTECA MUNICIPAL (Semana do 23 ao 27 de maio).

Ao longo desta semana todos os nenos e todas as nenas do noso centro, acompañados das súas titoras,  pasaron pola biblioteca municipal para renovar os carnés e, nalgún caso, facelos por primeira vez.

Recibiunos e explicounos o funcionamento da biblioteca Miriam quen nos preparou diversos obradoiros relacionados coa figura de Florencio Delgado Gurriarán.

Moitas grazas por convidarnos e por prepararnos todas esas actividades tan divertidas!!

 

 

 

 

 

 

 

A A.N.P.A. CONTRIBÚE Á TRANSFORMACIÓN DA BIBLIOTECA ESCOLAR MERCANDO UNHA ESTUPENDA MESA DE LUZ PARA O RECANTO CREATIVO.

Hoxe estivemos marabillados estrenando a nosa nova mesa de luz. A asociación de nais e pais do colexio fixéronnos este fermoso agasallo que, ademáis de ser un fantástico recurso pedagóxico é moi divertido. Moitas grazas!!

Distribuir contido