Blog de biblioteca

Aprendendo coa "makey makey" en ED. Infantil

Neste trimestre o alumnado de ED. Infantil estivo xogando cunha placa chamada "makey makey" ( un elemento moi interesante para traballar a "pre-robótica") que nos permitiu facer que tocabamos os "bongos" con  kiwis ou tocar un pequeno piano de cores e facer música. 

 

Tamén se divertiron simulando que tocaban unha batería ou algún que outro instrumento musical ao mesmo tempo que traballabamos a súa motricidade fina e a atención. 

 

Foi unha experiencia divertida e interesante na que puideron ver unha das moitas funcionalidades que ten esta plaquiña.

 

Aquí quedan algunhas fotos do alumnado en acción.

 

 

 

APRENDENDO COS "ESCORNABOTS"

Durante este curso na clase de de ED. Primaria, na asignatura de valores,   estivemos traballando cos Escornabots. Algunhas das actividades realizadas foron:

 

- Que sentimos cando…?

Esta actividade consistía en ler unha situación, por exemplo que sentes cando tes boa nota nun exame ou cando te castigan sen ter a culpa por algo… E levar o Escarnabot ata a cuadrícula coa emoción correspondente.

 

                

 

- A onde vai cada residuo?

Neste caso cada alumno/a tiña que levar diferentes residuos ao contedor correspondente.

 

 

 

Foron actividades nas que o alumnado participou activamente na súa realización e que nos valeron para reflexionar sobre diferentes cuestións.

(Redacción do texto: profe Asunción) 

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O VERÁN.

Deixamos un pequeno vídeo con algunhas  recomendacións lectoras para o verán ( clasificadas por idades)

 

 

 

 

Adxuntamos tamén un documento PDF das mesmas , para velas con calma (e se premedes en cada unha das portadas dos libros levaravos á súa ficha técnica)

 

 

BOA LECTURA E BO VERÁN.

 

 

 

PRODUCTO FINAL :OBRADOIRO DE RADIO CON IAGO GORDILLO( 5º e 6º)

Presentámosvos os productos finais, os programas de radio elaborados polo alumnado de quinto e de sexto de ED. Primaria durante as 3 sesións de traballo con Iago Gordillo.

 

Agardamos que os desfrutedes, e parabéns por un traballo tan bo.

 

 

 

 

 

 

OBRADOIRO DE VIDEO XOGOS

 

O xoves 5 de maio de 2022 na clase de 6º tivemos un obradoiro para aprender a crear videoxogos.

Primeiro fixemos un repaso pola historia dos videoxogos: cando apareceron os primeiros, como eran, as primeiras videoconsolas e os pasos que tiñamos que seguir para deseñar o noso videoxogo.

Unha vez que isto nos quedou claro era o momento para pensar no que queriamos crear e como o iamos deseñar, entre toda a clase fixemos unha chuvia de ideas, eleximos o que máis nos gustou, e se puidese facer no tempo que tiñamos, e a crear.

Para crealo utilizamos unha páxina Web que se chama "MakeCodeArcade". É unha páxina na que podemos ir programando o que queremos que faga o noso videoxogo, eleximos personaxes, fondo… Era un programa moi parecido a Scratch. Tiñas que poñer carpetiñas e códigos...

Creamos todos un mesmo videoxogo pero con diferentes variantes, por exemplo cada un elexiu as súas personaxes e paisaxes.

Cando acabamos todos de facer o videoxogo déronnos unhas maquiniñas pequenas para enchufalas no ordenador portátil. Cada un probou o seu xogo e tamén o dos nosos compañeiros/as.

Foi moi divertido esperamos volvelo repetir.

(Texto elaborado polo alumno ADRIÁN SOUTO GONZÁLEZ) 

 

 

 

 

CREANDO O SEU PROPIO MANGA..

O alumnado do noso centro en xeral, é moi afeccionado ao manga, especialmente os cursos máis altos.

O alumnado de 4º de ED. Primaria ademais de devorar os libros desta materia , inspirados pola súa lectura e seguindo unhas pequenas consignas : COMO LEO MANGA?  decidiron facer as súas propias creacións...

 

Aquí vos quedan uns poucos exemplos:

 

 

TOUPICIENCIA NO COLE

Hoxe tivemos unha actividade no cole, grazas á  "A XANELA DO MAXÍN",  titulada  TOUPICIENCIA .

A representación encantoulles: teatro, experimentos, humor e ciencia!!   Todo nun mesmo espectáculo!!!!.

 

Houbo 2 sesións: a primeira para o alumnado de ED. Infantil e 1º ciclo de ED. Primaria, e a segunda para o alumnado de  2º e 3º ciclo de ED. Primaria ( un pouquiño máis complexa)

 

Disfrutárono moitísimo, aprenderon e encantoulles!! Temos que agradecer ao Consorcio Editorial Galego, que foi quen nos achegou esta magnífica actividade.

 

Aquí vos quedan unhas poucas fotos do evento. 

 

 

 

CONTACONTOS POR PARTE DAS FAMILIAS: "SEN RASTRO DO GATO"

Hoxe chegounos un novo conto ,para o alumnado de ED. Infantil.

Narrado magníficamente por Beatriz, a mamá de Xermán ( que tamén colaborou en contarnos esta historia) da clase de 5 anos.

 

O conto elexido desta volta foi : 

FILIPPA & COMPAÑÍA. SEN RASTRO DO GATO

(se premedes no título levaravos á ficha técnica do mesmo) 

 

Agardamos que o desfrutedes tanto coma nós. Moitas grazas familia!!!!

 

 

REUNIÓN DO CLUBE DE LECTURA DE 6º DE ED. PRIMARIA: MANGA

Hoxe tivemos a penúltima reunión do clube de lectura para alumnado de 6º de ED. Primaria. 

(Cando lles propuxemos a idea de ter un clube de lectura, unha das súas "condicións"  foi que 1 dos libros fose MANGA) 

 

Para comezar, recordamos esta magnífica presentación que fixo hai un par de cursos a profe Arantxa, para iniciar ao mundo do manga:

COMO LEO MANGA? (premede no título para ver a presentación) 

 

 

 

Cada quen elexiu un libro, ou unha "saga", foron distintas lecturas, co único fío conductor do formato: MANGA. 

 

Despois cada un dos integrantes explicou  ante os demais, coa axuda  dun "Canva" (que cada quen elaborou individualmente) para expoñer aos compañeiros e compañeiras:

-De que ía a historia ( houbo algún que lle pareceu que facían demasiados "spoiler", para cando os fosen ler... )

-Falaron dos e das protagonistas, puxéronnos en contexto ( tamén nos explicaron as súas vestimentas, ou as cores, significados )

-Idade para a que eles e elas recomendarían a lectura. 

 

Foi unha exposición moi interesante, na que estiveron moi atentos e atentas ao que comentaban os seus compañeiros.

 

 

 

 

 

 

E despois de que todos e todas explicaran ( tamén houbo quenda de preguntas) as súas lecturas, tivemos unha merendola na biblioteca que lles encantou!! 

 

Por último, e para rematar o Clube de Lectura para o alumnado deste curso, compartímoslles a última lectura ( que en realidade son 2 libros)

- "As músicas viaxeiras" de Ramón Caride.

-"Maxia de pedra" de Alba De Evan e Xabier Domínguez. 

 

 

FOI UNHA TARDE MOI INTERESANTE!! 

RESEÑAS "BOOKFACE" DO ALUMNADO DE 6º DE ED. PRIMARIA

Continuando con esta actividade proposta polo profe Rubén, para o alumnado de sexto de ED. Primaria, aquí quedan os 3 "bookface" deste mes.

 

Ademais da foto, cada un dos protagonistas elaborou un pequeno texto , sobre o libro en cuestión:

 

 

 

El gran libro de los vampiros (Jesús)

 

Autor: Denise Despeyroux

Sinopse: É un libro que recolle 13 historias sobre vampiros, cada unha

é diferente e hai desde Drácula a outros máis descoñecidos.

 

Idade recomendada: 11-12 anos.

 

A miña opinión: a min gustoume, pero ten moitas mortes provocadas

por vampiros.

 

 

 


CAMUÑAS ( MATÍAS)

 

 

Autor: Margarita del Mazo e Charlotte Pardi.

 

 

Sinopse: O libro é dun bruxo que pensaba que nunca se cortaban as uñas, este era o bruxo Camuñas e comía nenos, un día foi a comer unha nena pero explicoulle que era o bruxo Piruxo, Camuñas volveu a casa e viuse no espello e si era o bruxo Piruxo e non comía nenos e despois foi a onde a nena e lle fixo a manicura.

 

 

Idade recomendada: Para infantil e primeiros cursos de primaria.

 

A miña opinión: É bastante bo para nenos pequenos, doulle un 9.

 

 

 

 

 

Viaxeiros (Xabier)

 

Autor: Xulio Gutiérrez e Nicolás Fernández.

 

Sinopse  Este libro explícache como emigran e viaxan os animais: a

tartaruga, a andoriña, o cangrexo vermello...

 

Idade recomendada: 10 anos

 

A miña opiniónÉ curioso como medio de consulta para ver como

emigran os diferentes animais.

 

 

Distribuir contido