Skip to Content
 A nosa mascotaLeo: A nosa mascota

Recollida de material e libros de texto 2019/2020

 

RECOLLIDA DE MATERIAL DO ALUMNADO E DEVOLUCIÓN DE LIBROS DE TEXTO

DO CURSO 2019/20*

8-30 Xuño

Recollida e devolución de material e libros de texto por quendas establecidas

polo titor/a de 10:00 a 14:00:

 

8 ao 12 de xuño: E.I. e 1º

 

15 ao 19 de xuño: 2º, 3º e 4º

 

22 ao 26 de xuño: 5º e 6º

 

19 Xuño

Remata prazo de presentación de solicitudes

24 Xuño

Publicación listaxe provisional (indicando causa de exclusión)

29 xuño

Publicación listaxe definitiva

1 ao 3 de xullo

Entrega de cheques

 

* Para minimizar os riscos de todas e todos pregamos que sigades as seguintes indicacións: esperar no patio respectando os dous metros de separación; antes de entrar lavar as mans co xel hidroalcohólico; cando avise o titor/a entrar pola porta principal/dirección; entrar con máscara; subir directamente á aula acompañado polo titor/a e para a saída baixar polas escaleiras de psicomotricidade.

Convocatoria fondo solidario de libros de texto e axudas para material escolar 2020/21

  

 EEstimadas familias:

No Diario Oficial de Galicia (DOG) do 19 de maio de 2020 sae publicada a Orde do 12 de maio de 2020  pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar.

Destinatarios:

- Fondo solidario de libros de texto: alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º, e 6º de EP e en 1º, 2º, 3º e 4º da ESO; cursos nos que, necesariamente, se manterán os libros de texto do curso 2019/20.

 

 - Axudas para adquirir libros de texto: alumnado matriculado en 1º e 2º de EP, e en educación especial (EE); así como as axudas que pode recibir o alumnado incluído na disposición adicional primeira (discapacidade ≥ 65%) e na disposición segunda (necesidades específicas de apoio educativo).

 

- Axudas para adquirir material escolar: alumnado matriculado en EP, ESO e EE.

 

Presentación de Solicitudes:

-Preferiblemente vía electrónica https://www.edu.xunta.es/fondolibros. Neste caso cubrirase 1 solicitude por cada fillo/a.

 

-Presencial na secretaría do centro. Neste caso cubrirase 1 solicitude para tódolos irmáns que cursen no mesmo centro. Os impresos para as solicitudes estará dispoñible:

a) No portal educativo, no enderezo http://www.edu.xunta.gal

b) Nas dependencias das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de educación.

c) Na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal.

d) No propio centro podedes recoller a solicitude o descargarla no seguinte enlace: Anexo I e Anexo II.

 

Documentación complementaria:

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar).

b) Copia do libro de familia ou documento equivalente, onde figure o alumno e os demais membros computables da unidade familiar.

En caso de separación ou divorcio, deberán achegar ademais a sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/da menor.

 

 

Outros documentos:

 

c) Certificado do grao de discapacidade do/da alumno/a ou de calquera membro da familia recoñecido por un órgano que non pertenza á Xunta de Galicia.

d) Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero no ámbito familiar, en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

e) Resolución xudicial de incapacitación con patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

f) Resolución administrativa ou xudicial acreditativa da situación de acollemento ou do certificado do centro de menores, para o alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia.

g) Certificado de convivencia, volante de convivencia ou informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia, no caso de que o pai e a nai ou o titor o titores carezan de DNI e NIE.

 

Prazo para presentar as solicitudes:

Do 19 de maio  ao  19 de xuño de 2020.  Rogamos que entregades a solicitude o antes posible para evitar aglomeracións nos últimos días e se faga dunha maneira escalonada. O horario do centro para recoller as solicitudes será de 10:00 a 12:00 h. Publicaremos todas as novidades nesta páxina web.

 

 

 

Malpica, a 19 de maio de 2020

 

NOVOS PRAZOS DE ADMISIÓN 2020/21

Restablecerase o prazo para a presentación das solicitudes de admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos, polo tempo que restaba cando se declarou o estado de alarma, de xeito que se iniciará o día 11 de maio de 2020 e rematará o día 18 do mesmo mes. Solicitud de admisión.

Establécense os seguintes novos prazos do proceso:

  • Publicación das listaxes provisionais do alumnado admitido e non admitido: antes do 9 de xuño de 2020.
  • Poderanse formular reclamacións contra as listaxes provisionais no prazo de 3 días hábiles contados desde o seguinte ao da súa publicación.
  • Publicación das listaxes definitivas do alumnado admitido e non admitido: ata o 26 de xuño de 2020. 
  • Formalización da matrícula en educación infantil e primaria: do 1 ao 10 xullo de 2020.

Últimas instrucións

Queridas familias:

De novo, o martes 28 recibimos unhas instrucións da Consellería. As tan agardadas instrucións para o desenvolvemento do 3º trimestre que, como todos sabedes, comezou o pasado día 14 de abril.

As referidas instrucións podedes consultalas de primeira man no adxunto ao pé destas letras.

Dicir tamén que as Instrucións referidas foron publicadas na páxina da Consellería antes de sernos comunicadas aos centros por parte da Inspección educativa e que, como queira que non entendiamos ben o contido, solicitamos reiteradamente do noso Inspector (tal e como e indica no punto 8.4) as aclaracións necesarias.

O resumo, de momento: 

-os contidos da terceira avaliación serán de repaso dos anteriores. 

-O alumnado que superou as dúas primeiras avaliacións, poderá usar o traballo desta para subir as súas cualificacións 

-aqueloutro que non adquiriu as aprendizaxes e competencias imprescindibles nos dous primeiros trimestres deberá realizar as actividades propostas polo/a titor/a para superar as materias. 

-A promoción do curso non estará baseada únicamente no número de materias non superadas. 

-Os contidos non impartidos faranse constar co fin de seren incluidos na Programación do curso 20/21. Tamén no informe persoal do alumnado.

Ningunha destas medidas é nova, salvo a de interrumpir a impartición dos contidos propios do terceiro trimestre.  E mesmo esta realidade, de que un profesor non rematara o temario e eses contidos pasaran a formar parte da programación do curso seguinte, é algo habitual nalgúns cursos, sobre todo en Secundaria e Bacherelato. Tódalas outras medidas, relativas á avaliación contínua e á promoción de curso aparecen xa reflectidas na lexislación vixente como non podería ser doutro xeito pois calquera Instrucción ten un rango lexislativamente menor que unha Orde Ministerial e, sobre todo que unha lei Orgánica.

O vindeiro 12 de Maio os centros teremos que publicar un documento coa adaptación das Programacións Didácticas.

De todos aqueles aspectos dos que non vos falamos neste escrito pero dos que escoitamos falar (coma vós) nas televisións e demáis medios de difusión: É PORQUE NON TEMOS INFORMACIÓN. TAMPOUCO O Sr. INSPECTOR.

Por parte das autoridades educativas: nin unha palabra sobre a adopción de medidas para evitar a fenda dixital co noso alumnado. Inacción ante a que, como sabedes, a Dirección do centro tomou a iniciativa.

Por último queremos deixar constancia de que desde o comezo do confinamento a Consellería en NUNCA, e EN NINGÚN CASO:

-se interesou pola situación física e/ou emocional do profesorado,

-ou por se algún dos seus traballadores necesitaba algún medio ou recurso,

-nin nos preguntou se o profesorado dispoñía de medios propios para teletraballar

-nin si podiamos facer uso dos equipos e conexións pertencentes ás nosas familias coas que en moitos casos temos que compartilos.

 

Vós sabedes que o profesorado tamén somos cidadáns, tamén temos familias, tamén caeu sobre nós esta lousa inesperada do confinamento, tamén temos que compartir os recursos familiares co resto dos convivintes…  Esperabamos da nosa Consellería que, alomenos nalgunha ocasión, tivera hacia nós algún detalle empático xa non de agradecemento, senón de recoñecemento pola dilixencia en facer frente á adversidade. Ata o momento, seguimos agardando.

Como Equipo Directivo aproveitamos a ocasión para  felicitar a todo o claustro do Milladoiro pola labor que están desempeñado, pola preocupación que teñen por cada un dos seus alumnos/as cos que conseguiron contactar sen dilación, por poñerse a disposición das familias a través de todos os medios que teñen ao seu alcance, por saber adaptar as súas metodoloxías en tempo record, por ser imaxinativos e creativos superando as propias dificultades para que as actividades propostas non afonden na brecha dixital. Porque,tamén para o rpofesorado a situación foi sorpresiva, novidosa e inexplorada.

Asemade, queremos facer chegar o noso agradecemento:

-A tódalas familias que nos retroalimentades na distancia e respondedes, cada unha á velocidade que pode, aos convites e propostas que vos facemos.. Tamén aos que nos chamades por teléfono para darnos ánimos e facernos sentir calor en días tan escuros e silenciosos.

Vós, coma nós, fixéchedes esforzos titánicos para aprender axiña recursos tecnolóxicos que vos permitiran manter o contacto rapaces-escola na distancia. Por ser familias educadoras implicadas no proceso educativo dos/as vosos/as fillos/as coas que é un pracer traballar; así se levanta unha comunidade educativa: comezando polas familias.

-Ao Walter Pardo, o Alcalde, que nos facilitou canto  lle solicitamos (2 máscaras, un tarriño de gel… a limpeza do patio…). Sempre con dilixencia e sen dilacións. E interesouse persoalmente polas nosas necesidades.

-A María Álvarez, a Concelleira de Educación, que xestionou ficazmente a entrega ás familias do material necesario para a conexión a internet.

-A Richard Chouciño, o empresario malpicán que subvencionou a medida.

-A  Adriana Andrade, a  Educadora Familiar, coa que sempre podemos contar incondicionalmente para servir ás familias.

E, en xeral, a todos cantos remades con nós para arribar felizmente a porto.

E chegaremos!

A Dirección

 

Carta ás familias. Instrucións terceiro trimestre

Queridas familias:

O pasado venres, ás sete e media da tarde chegou ao correo do centro unha comunicación do noso inspector. Nela, sen outro contido,  achegaba as orientacións provisionais para o desenvolvemento do 3º trimestre do curso 2019-2020. Premendo enriba del podedes lelo directamente na páxina da xunta de primeira man.

Nas devanditas orientacións non hai nada novo para nós: a avaliación farase continua (tal e como figura na lexislación vixente e nunca foi doutra maneira), a repetición de curso será algo excepcional (xa ten esa consideración na lexislación vixente)…

No final do curso, o profesorado emitirá un informe de cada escolar (exactamente como se viña facendo ata o momento porque así o contempla a lexislación vixente).

Tal e como se indicaba nas anteriores instrucións para o confinamento: as actividades que se propoñan ao alumnado serán de recuperación, repaso e reforzo do traballado presencialmente. As tarefas serán globalizadas, interdisciplinares e integradas…. Ben sabedes que así é como estamos traballando desde o comezo.

Lido o texto quédannos preguntas. Moitas preguntas. Para as que non temos respostas.

Agardamos da nosa Consellería que, en cumprimento das competencias que lle outorga o Estatuto de Autonomía de Galicia, tome as decisións necesarias para guiarnos claramente cara un fin de curso nas mellores condicións posibles.

Lede o documento. Iso é todo. Sabemos o mesmo ca vós.

Xa sabemos que vos gustaría ter certezas e seguridades. Tamén a nós.

Agardamos todos polas indicacións da Sra. Conselleira.

Indicacións que vos achegaremos en canto obren no noso poder.


Mentres tanto: apertas, azos e saúde.

A Dirección.

 

Pautas confinamento

Ola familias, compartimos unhas pautas de afrontamento para reducir o impacto psicolóxico do confinamento. Esperemos que vos axuden, ánimo e forza!

Carta ás familias. Terceiro Trimestre

Queridas familias: agardamos que todos gocedes de boa saúde. 

Como ben sabedes, o vindeiro martes 14 de abril comeza o terceiro trimestre do presente curso 2019/20. E reanudaremos a actividade académica, propiamente dita, con todo o noso alumnado.

Sabemos o difícil que está a ser facer escola sen estar na escola Sabemos que os nenos e as nenas necesitan o ambiente motivador das aulas para seguir aprendendo…  e que esta situación énchenos de incertezas e inseguridades porque temos máis preguntas que respostas.

Pero tamén sabemos que somos xente afouta e que neste momento o realmente importante é conservar intacta a esperanza, o ánimo e os vínculos que nos enlazan sexan estes familiares, profesionais ou simplemente… de afecto. Empregar o tempo en fortalecelos será un capital que levaremos con nós toda a vida. Sobre todo os nenos e as nenas.

A Consellería, que en todo este período non se caracterizou por manternos informados, segue na súa líña. De maneira que, hoxe domingo, non temos directrices para o desenvolvemento profesional do noso labor.

Sabemos que o vindeiro mércores haberá unha reunión sectorial da Ministra Celaa cos conselleiros das disferentes CC.AA. e pode ser que os seus acordos sexan trasladados a Galicia polas nosas autoridades educativas. Pode. En calquera caso, terémosvos informados.

De momento: o martes o profesorado colgará novas tarefas primando contidos procedimentais e actitudinais sobre os conceptuais.

Tende a seguridade de que vos estamos a trasladar puntualmente canta información nos chega das autoridades educativas e así o seguiremos a facer.

Apertas, azos, saúde e moita esperanza!

A Dirección

Carta ás familias. Final da 2ª Avaliación

Estimado alumnado, estimadas familias:

Antes que nada, o profesorado todo queremos transmitirvos todo o noso apoio nestes momentos tan incertos.

Trasladámosvos tamén algunhas informacións que seguro sonvos de utilidade:

1.-SEGUNDA AVALIACIÓN. Ata o día de hoxe a Consellería mantén o calendario escolar tal e como estaba, polo que a segunda avaliación levarase a cabo tal e como estaba prevista. Entre o venres 27 e onte martes 31, recibimos instrucións da Inspección educativa nas que se nos instaba a poñer as notas da 2ª avaliación. No caso de que a partir do 16 de Marzo, data en que se suspenderon as clases, se tiveran impartido contidos, estes NON SERÁN AVALIADOS. Polo tanto, o período avaliado abrangue desde o 8 de xaneiro ata o 13 de marzo de 2020. A partir do 3 de abril, na medida do posible e tendo en conta a fraxilidade dos instrumentos electrónicos que son os únicos aos que temos acceso para proceder á avaliación, teredes acceso ás notas dos fillos e fillas a través de: un pdf que vos remitirá o/a titor/a ao voso correo electrónico e tamén poderedes visualizalas descargando a aplicación gratuita ABALAR MÓBIL.

Nota sobre esa aplicación: se queredes visualizar as cualificacións nesta app precisades instalala nos vosos dispositivos móbiles. Para que funcione é preciso que na base de datos do centro conste o número de teléfono móbil que ides empregar. Descárgase aquí: http://edu.xunta.es/espazoAbalar/nova/abalarmobil

2.-SEMANA SANTA: dado que o calendario escolar segue vixente, o 3 de abril comezarán as vacacións de Semana Santa reanudándose o período lectivo o martes 14 de abril. Durante esta semana non subiremos novos contidos aos blogues nin á web do colexio.

3.-TERCEIRA AVALIACIÓN. A Administración Educativa non ten aínda as decisións tomadas sobre como vai proseguir o curso. O contacto, ata nova orde, continuará a ser virtual. E xa vos iremos trasladando a información que se nos achegue a nós.

No comezo do terceiro trimestre, agardamos ter xa directrices de como se vai desenvolver. Se así non fora, tende a seguridade que volas trasladaremos en canto se nos acheguen a nós. E, por favor, non vos fagades eco de noticias falsas que se fan circular… non sabemos con que intencións.

4.-O CENTRO: ata nova orde estará pechado para vós. Exceptúase a un membro do Equipo Directivo que está de maneira presencial tódalas mañáns o que permite que resolvades telefónicamente posibles dúbidas. Así como atender a todo o necesario.

Todo o Claustro está a traballar para tentar que esta situación extraordinaria repercuta o menos posible en todo o alumnado. Agradecemos a vosa comprensión e colaboración ante unha situación que é inesperada e nova para todos/as ao tempo que vos pedimos que difundades o contido desta mensaxe entre as familias que non teñan acceso a ela.

MOITAS GRAZAS!

Axudas de carácter directo ás familias do alumnado beneficiario de bolsas de COMEDOR ESCOLAR (como consecuencia do COVID-19)

AXUDAS COMEDOR ESCOLAR XESTIÓN DIRECTA CORONAVIRUS: COVID-19

 

1. A qué persoas vai dirixido?

A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas

as familias do alumnado que ostenta a condición de gratuíto e do que por renda familiar resulta pagador dun euro nos centros educativos públicos non universitarios xestionados pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que imparten os niveis de ensinanza básica obrigatoria no segundo ciclo de educación infantil, en educación primaria e no ensino secundario obrigatorio.

 

E dicir, a familias que durante o curso escolar pagan 0 euros polo comedor, ou 1€ polo mesmo.

 

2. En qué consiste a axuda?

As axudas económicas previstas consisten nunha compensación do custo diario do menú por comensal, entendido como o servizo de comida ao mediodía, e polos días de lectivos de suspensión da prestación do servizo como consecuencia das medidas adoptadas pola pandemia do COVID-19.

 

E dicir, axúdase economicamente a manutención do alumno/a que é o que se viña a facer no centro educativo, por iso non pagaba os 4,50€ de comedor por día que sería o tope máximo a pagar.

 

3. Qué axuda se vai a percibir?

(2,50 €) no casos de alumnado gratuidade total

(1,50 €) para o alumnado que paga 1€

 

4. Qué días cubre esta axuda?

Marzo: dende o día 16 ata o 31 de marzo: en total só 11 días lectivos.

Abril: dende o 1 ó 3 de abril: en total só 3 días.

 Prórroga: si se prolonga outros 15 días cubriría (días lectivos) ata o 1 de maio (non incluído por ser festivo)

5. Cómo se vai a pagar?

 En dous pagamentos.

 1 pagamento: polo período de marzo e o de abril ata semana santa (3 abril).

 2 pagamento: si se prorroga unha terceira situación de alarma ata o 1 de maio.

 

 6. Quen son os beneficiarios?

 Familias que cumpren os requisitos económicos (punto 2) cun ou máis fillos escolarizados en centros educativos ó cargo da Consellería de Educación.

  

7. Cómo presentar a solicitude e qué prazo hai?

 Prazo: dende o día 31 de marzo o 6 de abril, ambos inclusive.

 

  Presentación: Forma electrónica sempre, de dúas formas:

 

1.  

Formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

 Para elo é necesario ter certificado dixital, ou a chave 365.

 

2. Dirección do centro: enviando un correo electrónico a ceip.milladoiro@edu.xunta.gal cos seguintes datos:

 

DNI do pai ou nai:

 Pagamento: gratuidade total ou abono de 1€

 Nome do alumno/a:

 Nome do pai/nai:

 Número de cuenta bancaria:

 

 

 8. Publicítase a resolución das familias beneficiadas?

 NON, porque son datos de especial vulnerabilidade, entón non será exposto publicamente as familias beneficiadas de acordo artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de

xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

 

Aclaración: cada familia saberá si é beneficiaria por ingreso de conta bancaria.

  

9. Canto tempo tarda en resolverse a resolución?

 10 días, desde que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

 

10. Canto tempo tarda a Xunta de Galicia en aboar o pagamento?

 5 días dende que salga a resolución.

Toda a información a podedes consultar na Orde do 27 de marzo do 2020 polas que se establecen as bases reguladoras das axudas de carácter directo ás familias do alumnado beneficiario de bolsas de comedor escolar.

Calquera dúbida podedes consultarnos a través do correo electrónico do centro ou por teléfono.

 

 Atentamente a dirección do CEIP Milladoiro.

 

Asdo. Mª Olga Rodríguez Díaz.

PROPOSTA DE ORGANIZACIÓN DIARIA

PROPOSTA DE ORGANIZACIÓN DIARIA
Distribuir contido


by Dr. Radut