Queridas familias:
O pasado venres, ás sete e media da tarde chegou ao correo do centro unha comunicación do noso inspector. Nela, sen outro contido, achegaba as orientacións provisionais para o desenvolvemento do 3º trimestre do curso 2019-2020. Premendo enriba del podedes lelo directamente na páxina da xunta de primeira man.
Nas devanditas orientacións non hai nada novo para nós: a avaliación farase continua (tal e como figura na lexislación vixente e nunca foi doutra maneira), a repetición de curso será algo excepcional (xa ten esa consideración na lexislación vixente)…
No final do curso, o profesorado emitirá un informe de cada escolar (exactamente como se viña facendo ata o momento porque así o contempla a lexislación vixente).
Tal e como se indicaba nas anteriores instrucións para o confinamento: as actividades que se propoñan ao alumnado serán de recuperación, repaso e reforzo do traballado presencialmente. As tarefas serán globalizadas, interdisciplinares e integradas…. Ben sabedes que así é como estamos traballando desde o comezo.
Lido o texto quédannos preguntas. Moitas preguntas. Para as que non temos respostas.
Agardamos da nosa Consellería que, en cumprimento das competencias que lle outorga o Estatuto de Autonomía de Galicia, tome as decisións necesarias para guiarnos claramente cara un fin de curso nas mellores condicións posibles.
Lede o documento. Iso é todo. Sabemos o mesmo ca vós.
Xa sabemos que vos gustaría ter certezas e seguridades. Tamén a nós.
Agardamos todos polas indicacións da Sra. Conselleira.
Indicacións que vos achegaremos en canto obren no noso poder.
Mentres tanto: apertas, azos e saúde.
A Dirección.