Skip to Content

Últimas instrucións

Queridas familias:

De novo, o martes 28 recibimos unhas instrucións da Consellería. As tan agardadas instrucións para o desenvolvemento do 3º trimestre que, como todos sabedes, comezou o pasado día 14 de abril.

As referidas instrucións podedes consultalas de primeira man no adxunto ao pé destas letras.

Dicir tamén que as Instrucións referidas foron publicadas na páxina da Consellería antes de sernos comunicadas aos centros por parte da Inspección educativa e que, como queira que non entendiamos ben o contido, solicitamos reiteradamente do noso Inspector (tal e como e indica no punto 8.4) as aclaracións necesarias.

O resumo, de momento: 

-os contidos da terceira avaliación serán de repaso dos anteriores. 

-O alumnado que superou as dúas primeiras avaliacións, poderá usar o traballo desta para subir as súas cualificacións 

-aqueloutro que non adquiriu as aprendizaxes e competencias imprescindibles nos dous primeiros trimestres deberá realizar as actividades propostas polo/a titor/a para superar as materias. 

-A promoción do curso non estará baseada únicamente no número de materias non superadas. 

-Os contidos non impartidos faranse constar co fin de seren incluidos na Programación do curso 20/21. Tamén no informe persoal do alumnado.

Ningunha destas medidas é nova, salvo a de interrumpir a impartición dos contidos propios do terceiro trimestre.  E mesmo esta realidade, de que un profesor non rematara o temario e eses contidos pasaran a formar parte da programación do curso seguinte, é algo habitual nalgúns cursos, sobre todo en Secundaria e Bacherelato. Tódalas outras medidas, relativas á avaliación contínua e á promoción de curso aparecen xa reflectidas na lexislación vixente como non podería ser doutro xeito pois calquera Instrucción ten un rango lexislativamente menor que unha Orde Ministerial e, sobre todo que unha lei Orgánica.

O vindeiro 12 de Maio os centros teremos que publicar un documento coa adaptación das Programacións Didácticas.

De todos aqueles aspectos dos que non vos falamos neste escrito pero dos que escoitamos falar (coma vós) nas televisións e demáis medios de difusión: É PORQUE NON TEMOS INFORMACIÓN. TAMPOUCO O Sr. INSPECTOR.

Por parte das autoridades educativas: nin unha palabra sobre a adopción de medidas para evitar a fenda dixital co noso alumnado. Inacción ante a que, como sabedes, a Dirección do centro tomou a iniciativa.

Por último queremos deixar constancia de que desde o comezo do confinamento a Consellería en NUNCA, e EN NINGÚN CASO:

-se interesou pola situación física e/ou emocional do profesorado,

-ou por se algún dos seus traballadores necesitaba algún medio ou recurso,

-nin nos preguntou se o profesorado dispoñía de medios propios para teletraballar

-nin si podiamos facer uso dos equipos e conexións pertencentes ás nosas familias coas que en moitos casos temos que compartilos.

 

Vós sabedes que o profesorado tamén somos cidadáns, tamén temos familias, tamén caeu sobre nós esta lousa inesperada do confinamento, tamén temos que compartir os recursos familiares co resto dos convivintes…  Esperabamos da nosa Consellería que, alomenos nalgunha ocasión, tivera hacia nós algún detalle empático xa non de agradecemento, senón de recoñecemento pola dilixencia en facer frente á adversidade. Ata o momento, seguimos agardando.

Como Equipo Directivo aproveitamos a ocasión para  felicitar a todo o claustro do Milladoiro pola labor que están desempeñado, pola preocupación que teñen por cada un dos seus alumnos/as cos que conseguiron contactar sen dilación, por poñerse a disposición das familias a través de todos os medios que teñen ao seu alcance, por saber adaptar as súas metodoloxías en tempo record, por ser imaxinativos e creativos superando as propias dificultades para que as actividades propostas non afonden na brecha dixital. Porque,tamén para o rpofesorado a situación foi sorpresiva, novidosa e inexplorada.

Asemade, queremos facer chegar o noso agradecemento:

-A tódalas familias que nos retroalimentades na distancia e respondedes, cada unha á velocidade que pode, aos convites e propostas que vos facemos.. Tamén aos que nos chamades por teléfono para darnos ánimos e facernos sentir calor en días tan escuros e silenciosos.

Vós, coma nós, fixéchedes esforzos titánicos para aprender axiña recursos tecnolóxicos que vos permitiran manter o contacto rapaces-escola na distancia. Por ser familias educadoras implicadas no proceso educativo dos/as vosos/as fillos/as coas que é un pracer traballar; así se levanta unha comunidade educativa: comezando polas familias.

-Ao Walter Pardo, o Alcalde, que nos facilitou canto  lle solicitamos (2 máscaras, un tarriño de gel… a limpeza do patio…). Sempre con dilixencia e sen dilacións. E interesouse persoalmente polas nosas necesidades.

-A María Álvarez, a Concelleira de Educación, que xestionou ficazmente a entrega ás familias do material necesario para a conexión a internet.

-A Richard Chouciño, o empresario malpicán que subvencionou a medida.

-A  Adriana Andrade, a  Educadora Familiar, coa que sempre podemos contar incondicionalmente para servir ás familias.

E, en xeral, a todos cantos remades con nós para arribar felizmente a porto.

E chegaremos!

A Dirección

 

AdxuntoTamaño
instrucions_3trimestre (1).pdf721.11 KB


page | by Dr. Radut