Estimado alumnado, estimadas familias:
Antes que nada, o profesorado todo queremos transmitirvos todo o noso apoio nestes momentos tan incertos.
Trasladámosvos tamén algunhas informacións que seguro sonvos de utilidade:
1.-SEGUNDA AVALIACIÓN. Ata o día de hoxe a Consellería mantén o calendario escolar tal e como estaba, polo que a segunda avaliación levarase a cabo tal e como estaba prevista. Entre o venres 27 e onte martes 31, recibimos instrucións da Inspección educativa nas que se nos instaba a poñer as notas da 2ª avaliación. No caso de que a partir do 16 de Marzo, data en que se suspenderon as clases, se tiveran impartido contidos, estes NON SERÁN AVALIADOS. Polo tanto, o período avaliado abrangue desde o 8 de xaneiro ata o 13 de marzo de 2020. A partir do 3 de abril, na medida do posible e tendo en conta a fraxilidade dos instrumentos electrónicos que son os únicos aos que temos acceso para proceder á avaliación, teredes acceso ás notas dos fillos e fillas a través de: un pdf que vos remitirá o/a titor/a ao voso correo electrónico e tamén poderedes visualizalas descargando a aplicación gratuita ABALAR MÓBIL.
Nota sobre esa aplicación: se queredes visualizar as cualificacións nesta app precisades instalala nos vosos dispositivos móbiles. Para que funcione é preciso que na base de datos do centro conste o número de teléfono móbil que ides empregar. Descárgase aquí: http://edu.xunta.es/espazoAbalar/nova/abalarmobil
2.-SEMANA SANTA: dado que o calendario escolar segue vixente, o 3 de abril comezarán as vacacións de Semana Santa reanudándose o período lectivo o martes 14 de abril. Durante esta semana non subiremos novos contidos aos blogues nin á web do colexio.
3.-TERCEIRA AVALIACIÓN. A Administración Educativa non ten aínda as decisións tomadas sobre como vai proseguir o curso. O contacto, ata nova orde, continuará a ser virtual. E xa vos iremos trasladando a información que se nos achegue a nós.
No comezo do terceiro trimestre, agardamos ter xa directrices de como se vai desenvolver. Se así non fora, tende a seguridade que volas trasladaremos en canto se nos acheguen a nós. E, por favor, non vos fagades eco de noticias falsas que se fan circular… non sabemos con que intencións.
4.-O CENTRO: ata nova orde estará pechado para vós. Exceptúase a un membro do Equipo Directivo que está de maneira presencial tódalas mañáns o que permite que resolvades telefónicamente posibles dúbidas. Así como atender a todo o necesario.
Todo o Claustro está a traballar para tentar que esta situación extraordinaria repercuta o menos posible en todo o alumnado. Agradecemos a vosa comprensión e colaboración ante unha situación que é inesperada e nova para todos/as ao tempo que vos pedimos que difundades o contido desta mensaxe entre as familias que non teñan acceso a ela.
MOITAS GRAZAS!
Adxunto | Tamaño |
---|---|
Carta familias fin da 2º avaliacion.pdf | 279.67 KB |