FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO E AXUDAS PARA LIBROS E MATERIAL ESCOLAR PARA O CURSO 2018/19

Saíu publicado no DOG do 21 de maio (Orde do 9 de maio) onde podedes atopar toda a información,  o fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar para alumnado matriculado en primaria, secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2018/2019.

         . A participación no fondo solidario de libros de texto é para o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º. Para ser beneficiario hai a obriga de conservar e devolver os libros recibidos do fondo solidario ou das axudas para adquirir libros de texto do curso 17/18. A falta de devolución é motivo de exclusión. A asignación de libros de texto correspondentes aos cursos 3º, 4º, 5º e 6º de EP, que estean dispoñibles no fondo solidario do centro, efectuarase ao alumnado que participe no fondo solidario, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar, ata que se esgoten. En todo caso recibirán: - 6 libros, renda per cápita igual ou inferior a 5.400 €. - 4 libros, renda per cápita igual ou inferior a 9.000 €.

        . A convocatoria de axudas para adquirir libros de texto é para o alumnado de 1º e 2º. Para o alumnado con  renda per cápita igual ou inferior a 5400 euros corresponden 170 euros e con renda familiar superior a 5400 euros e igual ou inferior a 9000 corresponden 90 euros. Só pode ser utilizado para libros de texto que indique o centro.

        . A convocatoria de axudas para adquirir material escolar é para o alumnado dos diferentes cursos de primaria. Para solicitala, a renda per cápita debe ser igual ou inferior a 5400 euros. A axuda sería de 50 euros. Só pode ser utilizado para material escolar que se necesite.

        A renda per cápita da unidade familiar é o resultado de dividir a renda da unidade familiar do exercicio fiscal 2016 entre o número de membros computables, tendo en conta que computarán por dous os membros que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33 % ou a percepción dunha pensión da Seguridade Social por incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez, ou a equivalente de clases pasivas.

        A renda da unidade familiar será o resultado de sumar as rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas. Cando presentase declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas no exercicio fiscal 2016, sumaranse a base impoñible xeral (recadro 392) e a base impoñible do aforro (recadro 405); cando non a presentase teranse en conta os ingresos de acordo cos datos tributarios facilitados pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

.

        O prazo de solicitudes (anexo I e II) vai do 22 de maio ao 22 de xuño. Dita solicitude será única para todos os fillos e, de ser o caso, tutelados, que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2018/19, e nela especificarase o nivel de estudos que espera realizar cada un deles no dito curso. A situación persoal, familiar e económica é a reflectida a 31 de decembro de 2016.

Como novidade este ano as familias poden tamén realizar a solicitude accedendo á aplicación Fondolibros e unha vez que teñan cubertos todos os datos deberán gardala, obtendo así o número de solicitude, e posteriormente poderán optar polas seguintes formas de presentación:

• Presentación no centro: Neste caso imprimirán a solicitude e o anexo II e presentaranos no centro(debidamente asinados), xunto coa documentación (A solicitude xa terá asignado un número pola aplicación e o centro pode recuperala).

• Presentación na Sede Electrónica da Xunta de Galicia.

.Publicación de listaxes provisionais de axudas concedidas: ata o 12 de xullo.

  •           Período de reclamación ás listaxes provisionais: 2 días dende a súa publicación.
  •           Publicación das listaxes definitivas de axudas concedidas: ata o 20 de xullo.

DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR:

  •           Formulario de solicitude.
  •           Copia do libro de familia onde figuren todos os membros computables da unidade familiar.
  •           Sentenza xudicial de separación ou divorcio ou, de ser o caso, convenio regulador onde conste a atribución da custodia.
  •           Certificado ou volante de convivencia, de ser o caso.
  •           Violencia de xénero: acreditarase en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.