ADMISIÓN ALUMNADO PARA O CURSO 2018-19

LEXISLACIÓN: Orde do 12/03/2013 (DOG do 15/03/2013) pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos.

Orde do 25 de xaneiro do 2017 pola que se modifica a orde anterior

·         A solicitude de reserva de praza presentarase no centro de preferencia DO 1 AO 20 DE MARZO(incluídos).

Para facer esta reserva é preciso cubrir un impreso ED550B (Anexo II, modelo oficial do DOG 1/2/2017) que se facilita no propio centro e que pode ser solicitado por teléfono ou obtido do DOG na páxina da xunta. As solicitudes deben estar completamente cubertas.

Xunto con estes impresos entregarase:

 . Copia do DNI da persoa solicitante e dos membros computables da unidade familiar, cando denegue a súa consulta.

  . Fotocopia do libro de familia onde apareza o neno ou nena, ou do D.N.I. (Documento acreditativo da idade do alumno)

 Só será necesario presentar a documentación relativa aos criterios de domicilio fiscal, renda per cápita da unidade familiar, condición de familia numerosa e de discapacidade do alumnado, do/da proxenitor/a, do/da titor/a ou dos/das irmáns/ás recoñecida pola Xunta de Galicia, cando a persoa interesada denegue expresamente a consulta automática. 

-Alumnado xa matriculado noutro centro no curso actual nun nivel de Primaria: Certificado de matrícula do centro actual (Deberán remitir ao centro de orixe copia da nova solicitude de admisión.

-En caso de separación xudicial ou divorcio, convenio regulador ou resolución xudicial e sinatura conxunta na solicitude.

-Se se opta pola baremación da proximidade do colexio ao lugar de traballo, facelo constar na solicitude, tendo en conta que afectará a todos os centros relacionados na propia solicitude.

(Deben ser documentos orixinais ou copias cotexadas. Neste caso farémolo no propio centro)

Debe considerarse que o número de membros da unidade familiar é o referido ao día 28 de febreiro de 2018.

DOCUMENTACIÓN XUSTIFICATIVA DOS CRITERIOS DE BAREMACIÓN (Orixinais ou copias cotexadas)

·         Ter irmáns no centro: Fotocopia completa do libro ou libros de familia (art.20.4 da O. Do 12/03/2013). Tamén puntuará se está no centro adscrito, agás no último curso

·         Proximidade do colexio ao lugar de traballo (Ver art. 22.6 da O. do 12/03/2013)

·         Renda anual per cápita da unidade familiar (Ver art. 23 da O. do 12/03/2013) Determinarase a cantidade resultante da suma da base impoñible xeral (casiña 392) e da base impoñible de aforro (casiña 405) das declaracións de renda de todos os membros da unidade familiar, dividida entre o número de membros desta. O IPREM a aplicar é o correspondente ao ano 2016 ( 6390,13 euros).

·         Condición de familia monoparental: fotocopia do libro de familia, certificado de convivencia, resolución xudicial de separación, divorcio ou medidas paterno-filiais ou convenio regulador (art. 25.2 da O. do 12/03/2013)

·         Criterio complementario do centro: (art. 28 da O. do 12/03/2013)

·         -Outros criterios ou casos (os relacionados na O. do 12/03/2013)

 Tamén se pode facer este ano a través da aplicación

Solicitudes a través da aplicación:

https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado/

Ruta no menú: 

Solicitudes–Admisión–Crear solicitude de admisión

Clica enriba para o manual para ás familias

NO NOSO CENTRO PÓDESE ENTREGAR A DOCUMENTACIÓN:

DE 9:00 A 9:50 (agás xoves) E DE 13:10 A 14:00 (agás luns) POLA MAÑÁ E DE 16:00 A 18:00 (SÓ OS MARTES NESTE ÚLTIMO HORARIO DE TARDE)

Hai que ter en conta:

1.- Cada alumna e alumno só pode presentar unha única solicitude no centro no que solicite praza en primeiro lugar e nela débense relacionar por orde de preferencia outros centros que se desexen para o caso de non obter praza nese primeiro, advertindo que a infracción determinará a perda dos dereitos de prioridade que poidan corresponderlle e dita duplicidade pasará a depender da Comisión de Escolarización ao final de todo o proceso.

2.- O alumnado que ten garantía de permanencia nun centro, se presenta solicitude de admisión noutro distinto deberá comunicalo, ao mesmo tempo, ao centro de orixe.

3.-O alumnado que ten reservada praza nun centro, se presenta solicitude de admisión noutro distinto deberá comunicar a renuncia á reserva antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes de admisión.

·         De non ter o centro prazas suficientes para todas as solicitudes será preciso facer unha baremación. Neste caso presentarase a documentación xustificativa dos criterios de admisión alegados, o centro abrirá un prazo de 10 días hábiles, contados a partir dos 2 días seguintes ao remate da presentación de solicitudes de admisión.

·         Antes do 25 de abril estarán publicadas no taboleiro de anuncios e na páxina do centro as relacións de listaxes provisionais admitidas e denegadas. Contra ela pódese presentar reclamación no prazo de  cinco días hábiles, ante o Consello Escolar.

·         Antes do 15 de maio publicaranse as listaxes definitivas de admisión, tanto no taboleiro de anuncios do centro como na páxina web do mesmo.

·         A formalización da matrícula será do 20 ao 30 de xuño. Para realizar este trámite haberá que presentar o anexo III-1. Normalmente neses días celebramos unha reunión pola mañá coas familias de alumnado de 3 anos, para a que previamente remitiremos convocatoria por correo ordinario.

O alumnado que non proceda da área de influencia do centro NON TERÁ DEREITO AO TRANSPORTE ESCOLAR (O. do 12/03/2013, art. 6.1)

O noso colexio conta tamén co servizo de Comedor Escolar xestionado pola ANPA.

Faise constar que o CEIP Mestres Goldar está adscrito ao IES de Valadares

A ÁREA DE INFLUENCIA DO CENTRO, a nº 8, comprende dende o límite da Vía Hispanidade e Baixada do Castaño ata a rúa A Paz, Peniche, López Mora e Travesas, seguindo a Avda de Castrelos e Corredoira de Valadares ata o límite con esta parroquia, e incluíndo a parroquia de Castrelos máis a barriada ou lugar de As Carneiras-Matamá.

 MAPA Zonas Educativas